Diego Calvo (San Sadurniño, 1976) foi presidente das Novas Xeracións do PP, elixido como concelleiro de Ferrol no 2011 deu o salto á Presidencia da Deputación da Coruña e, na actualidade, é secretario provincial do partido na Coruña. Encabeza a lista do PP na súa provincia.

-As enquisas din que está todo feito, volveranse equivocar?

-Feito non hai nada. Temos que seguir traballando e tentando convencer á xente.

-Núñez Feijóo dixo que, se non gaña, non vai estar catro anos na oposición, fará o mesmo?

-Feijóo acerta cando di iso. Os demais temos a obriga de quedar. Cando te presentas nunha candidatura é para estar cos compañeiros os catro anos.

-Pero Feijóo marcha.

-El vén de gobernar e non ten sentido que estea na oposición. Se iso ocurre haberá que buscar alternativa no PP e traballar para as eleccións de dentro de catro anos. Terá que facer oposición o que vai liderar o partido.

-Vese na carreira por suceder a Feijóo?

-Véxome na carreira de empuxar a Feijóo para que acade a terceira maioría e para estar axudando no que toque para mellorar Galicia.

-Como conselleiro?

-Non teño ningunha aspiración nese sentido.

-Na web, Feijóo asina unha carta na que fala dunha "Galicia excepcional", como pode ser excepcional cando hai manifestacións de Bombeiros, do cerco e tractoradas de gandeiros?

-Hai cousas que se fixeron durante estes catro anos nos que intentamos acadar un obxectivo e non o fixemos. Houbo manifestacións e, en moitas ocasións, por unha parte do sector que foi mobilizado por outras opcións políticas. No cerco temos que seguir mellorando as cotas que temos como Galicia, pero outra cousa é o reparto. Iso non quere dicir que non fixeramos nada estes anos, incluso co valor do peixe. Os Bombeiros dos consorcios provinciais non teñen ningún problema, hai vías de diálogo e non hai un enfrontamento coma antes.

-Din que desenvolverán a Lei de Emerxencias, que é unha reivindicación dos Bombeiros.

-O sector ten temas pendentes e hai uns consorcios provinciais nos que están as deputacións e a Xunta, nos que se deron pasos importantes nas súas reivindicacións históricas. Agora que estaba en licitación o servizo do parque da Coruña paralizouse para facer estudos e niso estamos.

-Paralizouse para estudar que a xestión sexa pública e non privada como até o de agora.

-Si, pero están falando e hai unha mesa aberta na que seguiremos participando como Xunta.

-E, en canto ao sector leiteiro?

-Creo que o traballo que vimos facendo desde hai uns meses está a dar o seu froito. O Acordo Lácteo é moi importante, porque é a primeira vez que coñecemos os prezos que paga a distribución á industria. Seguimos a ter un prezo reducido, pero traballamos para que a oferta se agrupe e vai haber noticias positivas en breve.

-A carta de Feijóo tamén di que foi "prioritario o traballo da sanidade" pero actualmente hai dous cargos imputados por negar fármacos a enfermos, ten sentido facer unha afirmación así?

-Si, hai unha acusación por parte da Fiscalía a dous cargos da Consellería que aínda non se substanciou. Estamos convencidos de que se vai arquivar. No caso de que alguén fixese algo mal nun hospital, iso non ten nada que ver co estado actual da sanidade. Na Coruña temos unhas urxencias completamente renovadas.

-Esa reforma recibiu tamén moitas críticas do persoal.

-Indudablemente, o CHUAC creo que ten 6.000 traballadores. Haberá a moita xente á que non lle gusten, pero o certo é que as urxencias melloraron un montón. Temos quince quirófanos novos que se están equipando agora. Alguén dirá que non lle gusta a cor, pode ser...

-As críticas eran por cousas como a falta de persoal ou a esterilización do material.

-En todos os procesos que hai estase garantindo a calidade. Investíronse no CHUAC preto de 57 millóns de euros nos últimos tres anos e agora hai licitado o maior contrato de equipamento tecnolóxico da historia do hospital. Temos seis centros médicos novos na comarca e un hospital renovado co compromiso de seguir. A sanidade absorbe o 40% do orzamento da Xunta, é unha barbaridade. Quedará algunha cousa pendente e seguro que se podería facer mellor, pero non se pode negar que se mellorou moito.

-No programa non din nada das mulleres que teñen que abortar soas no Materno Infantil, seguirá sendo así?

-Temos unha serie de compromisos en materia sanitaria, entre eles, o novo centro de saúde da Falperra, as reformas de urxencias do Materno, a reforma do centro de día de Oza e acabar o plan director do CHUAC.

-No programa hai moitas propostas, pero non están cuantificadas, como se van executar esas reformas e con que diñeiro?

-Intentamos que todas as propostas fosen estudadas polo partido, ver cal era o seu orzamento e se se podían realizar. Non hai ningunha proposta estrela. Comprometémonos a desenvolver ese programa. Somos o único partido que ten un programa para cumprir, a alternativa é unha confluencia de tres partidos que poden ter problemas de competencias entre socios. Os únicos que defendemos o que fixemos somos nós.

-Son os que gobernan.

-Pero o PSOE e o BNG gobernaron catro anos e en ningunha intervención fan referencia ao bipartito.

-Reivindican a gratuidade dos libros, que o PP eliminou.

-Equivócome. Villares o outro día dixo que quería trasladar a xestión da Coruña, Santiago e Ferrol a toda Galicia e a min iso preocúpame moitísimo. As partes do programa que non sexamos quen de cumprir, que nolas reclamen, que imos dar a cara, coma sempre.

-Levan no programa a coordinación aeroportuaria, algo que, en teoría, xa funciona, por que a meten outra vez?

-Solucionar ese tema non é doado porque en Galicia persisten intereses localistas. Hai moita xente que se ve como o centro do mundo e non entende que a Galicia hai que vela coma un conxunto.

-En maio de 2010, Rueda presenta a rehabilitación da praza de Tabacos como sede xudicial para 2013, estamos en 2016 e aínda seguen as obras, para cando a posta en marcha do servizo?

-Espero que, tal e como di a empresa, estea rematado en outubro. A rehabilitación sempre é máis complicada que a construción, se a iso lle engadimos que a empresa o pasou mal...

-A Xunta para a cidade promete un centro escolar en Novo Mesoiro que os veciños cren que non cumpre as expectativas, que queda pequeno, reconsiderarán a proposta?

-Imos construír un colexio que, ademais, se poida ampliar. Non ten sentido facer un colexio pensando nos próximos vinte anos. O centro vai dar resposta ás necesidades que existen en Novo Mesoiro agora e tamén nos vindeiros dez anos.

-Que factura cre que lle poden pasar ao PP as fotos de Feijóo con Marcial Dorado e manter a Baltar como presidente da Deputación de Ourense?

-Eses casos foron explicados no seu momento. Eu confío nos galegos que saben diferenciar unhas cousas das outras. Feijóo explicouno e pediu desculpas por se alguén se sentía ofendido. No caso de Baltar imos esperar que a Xustiza se pronuncie. Non hai que esquecer que a Fiscalía pediu o arquivo. Se o tema avanza tomaranse medidas.

-No programa din que haberá "cese ou dimisión inmediata dos cargos dos que se tivese constancia fidedigna dun comportamento inapropiado", que hai que facer no PP para que destitúan a alguén?

-As mensaxes poden ser malinterpretadas. Aquí temos sido bastante expeditos con todos os casos que houbo. O que non pode ser é que ante unha acusación te teñas que ir.

-Volvemos ao programa, que máis propostas hai para a cidade e a área metropolitana?

-Estamos pendentes de conectar a Vía Ártabra coa AP-9 porque, se non se conecta, non ten sentido. Hai que facelo nesta lexislatura.

-E para a ría?

-Levamos investidos máis de noventa millóns de euros nos últimos nove anos. Temos adxudicado recentemente o tanque de tormentas de Santa Cruz. Vai permitir eliminar os verquidos e isto leva incluído o colector de Santa Cruz que conecta coa Ponte Pasaxe, para o que imos levantar todo Bastiagueiro, que vai ocasionar moitos problemas de circulación, somos conscientes diso. Con estas obras e outras máis quedan eliminados os verquidos.

-No programa seguen apostando por Sogama, van deixar esmorecer Nostián?

-Seguiremos apoiando outros sistemas elexidos polos concellos se son compatibles co modelo deSogama, que é o que escolleu a Xunta para Galicia.