-As enquisas case dan por gañador a Feijóo, queda marxe de manobra para o PSdeG?

-A enquisa que importa é a do domingo. Nós temos un programa e unhas ideas claras e tratamos de darllas a coñecer aos cidadáns.

-Que autonomía vai ter o PSdeG para asinar pactos se, finalmente, o PP non ten maioría?

-O PSdeG ten autonomía máis que suficiente para traballar por un Goberno de cambio en Galicia, e nós confiamos en que lideraremos ese cambio.

-Nas xerais falábase moito do sorpaso e non se deu, se se dá en Galicia, apoiarían un Goberno liderado por En Marea?

-Apoiaremos un cambio progresista en Galicia. Temos que ser coherentes e facilitar ese cambio.

-Vén do ámbito da Universidade, por que dá o paso para ir como número tres nas listas?

-Non é que estivese nunha estación agardando un tren, pero estaba traballando, preguntáronme se subía a ese tren para facer algo por un proxecto político co que estou implicado e do que participo, aínda que nunca tiven responsabilidade nin política nin institucional nin orgánica. A miña responsabilidade sempre foi a xestión pública. O meu compromiso político era claro e con Xoaquín Fernández Leiceaga como candidato a presidente era máis doado tomar a decisión.

-Cales son as principais actuacións que proporá se é deputado autonómico que afecten á cidade e á comarca?

-Hai varias ideas que queremos incorporar como prioritarias no marco galego, aínda que terán incidencia na cidade e na súa área metropolitana. Temos unha problemática fundamental no tema do transporte metropolitano e urbano que hai que resolver. O tema dos residuos sólidos urbanos tamén é importante, temos que avanzar no saneamento da ría como proba de aposta polo medio ambiente, polo marisqueo, polo turismo e polo crecemento económico. Hai que planificar ben os próximos anos en materia de desenvolvemento económico e empresarial. Hai que resolver os temas de Alcoa e a fábrica de armas e o tecido microempresarial no ámbito das novas teconoloxías ao que lle hai que dar pulo.

-Que solución ve vostede para a mobilidade na área metropolitana e na cidade?

-As grandes urbes resolven isto con consorcios metropolitanos. Este debate entre a Compañía de Tranvías e o transporte metropolitano non ten sentido, temos que articular un sistema co que os buses fagan entradas e saídas complementarias. O carril bici tamén me parece fundamental. Temos tamén que progresar no tema do tren de cercanías. Non podemos ter apeadoiros abandonados ou manter tal e como temos a liña a Ferrol. Hai que formular o transporte como metropolitano porque iso incide nas nosas vidas.

-Falaba da fábrica de armas, pero que pode facer a Xunta neste caso no que a competencia é do Ministerio de Defensa?

-Non pode ser que a concesión estea dando lugar a que a fábrica non teña carga de traballo. É certo que, ao igual que Alcoa, a competencia é do Estado, pero tanto a Administración local como a autonómica teñen que facer toda a forza en Madrid para solucionalo.

-Pasa con Alcoa e tamén coa ría do Burgo.

-Si, pero eu creo que quen ten responsabilidades políticas e institucionais, aínda que non teña competencias, ten que facer todo o traballo para levar adiante as propostas que afectan á vida da xente.

-Que competencias ten pensado pedir o PSdeG para a Xunta?

-O marco competencial que temos fixado no Estatuto de Autonomía non foi case modificado e non ten que ser algo totalmente ríxido. Se as comunidades históricas están a ampliar o seu marco competencial para ter maiores ámbitos de autogoberno, Galicia tamén ten que facelo. Falamos, por exemplo, de Tráfico, da Inspección de Traballo, de vixianza costeira, e outras no marco da fiscalidade que poden ser melloradas.

-No programa falan da transferencia da AP-9 para reducir as peaxes mais non para eliminalas.

-Gustaríanos poder eliminalas, pero temos que ser prudentes. Cando unha infraestrutura está en concesión, hai que asumir os acordos. Traer froita do Bierzo pola A 6, agora mesmo, sae máis barato que traela do Rosal. Non o digo coa idea de pecharnos, pero os custos de tansporte non son os mesmos.

-No programa do PSdeG non fai moitas referencias ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), non teñen proxecto para o centro?

-O que se está a reclamar é que o plan director avance ao ritmo que tiña previsto. Falamos máis do Álvaro Cunqueiro porque representa unha maneira de facer política, rescatalo para o público, pero iso non quere dicir que non teñamos unha aposta forte polo CHUAC. Está tamén o centro de saúde da Falperra que hai que resolver.

-E que propoñen?

-Remítome á proposta que faga o grupo municipal. Igual que o equipamento educativo de Novo Mesoiro. Eu creo que iso é o que a xente necesita, que resolvamos os seus problemas en educación, en sanidade, en dependencia... Outros son importantes, pero a xente precisa a política do día a día.

-Hai moitas propostas concretas no programa pero non van aparelladas dun aval económico, serán quen de cumprir todo o que propoñen en só catro anos? porque propoñen a redacción de varias leis e piden consenso.

-Hai medidas de curto, longo e medio prazo. Cando falamos de eliminar o copago a 650.000 pensionistas, os que teñen rendas de menos de 18.000 anos, a proposta está cuantificada. Cando o candidato presenta as medidas é porque son realizables. Prometer a lúa pode resultar atractivo, pero non o é tanto. Cando falamos da Lei Galega de Educación do que falamos é de poder acadar en Galicia un acordo onde se garantan os servicios de educación públicos de calidade.

-Hai tamén unha bolsa de pisos de alugueiro xuvenil, pero non pon de cantos pisos nin en que condicións, como se desenvolverá esta axuda?

-No programa están as medidas de carácter xeral, cando presentamos cada medida si que se dá con cuantificación e financiamento.

-Como se van financiar estas propostas que, a simple vista, precisan moito persoal e un grande investimento, por exemplo, as que teñen que ver co desenvolvemento e implantación das novas tecnoloxías?

-O gasto público ten prioridades. Eu creo que primeiro, hai que atender a unha educación pública e de calidade e despois a outros temas, pero sempre que despois dos servizos públicos. Temos que mellorar o marco de financiamento. É certo que temos o límite do compromiso de déficit público, pero tamén temos que traballar para que o seu cumprimento sexa nun prazo máis alongado. As políticas expansivas son as que nos permiten medrar. Podemos ir a unha carga impositiva máis progresiva. Máis que as persoas, que as empresas paguen o que teñan que pagar, e loitar contra a fraude fiscal.

-Como defenderán os sectores produtivos?

-Teremos que apostar pola reindustrialización. Galicia perdeu 50.000 empregos nestes últimos anos no ámbito industrial. Iso non axuda ao crecemento de Galicia. É importante coordinar a actividade dos parques industriais porque hai algún sector que se está deslocalizando. Temos que tratar de quedarnos coas actividades que acheguen máis valor engadido á economía. O sector pesqueiro perdeu o 20% do emprego, hai que potenciar o sector mais tamén a acuicultura, pero unha acuicultura de calidade, non como a do PP, que era un risco para os mariscadores. Temos que velar polos sectores estratéxicos, como a madeira, e lograr pechar o círculo produtivo. Non só producila senón tamén transformala e colocala no mercado.