-Por que deu o paso de presentarse como candidato ao Senado por Nós?

-Fíxeno pola necesidade que ten este país de ter representación en todos aqueles sitios onde poidamos facer oír a nosa voz, a voz dun país destrozado. O Senado pode ser unha cámara discutida, eu tamén discuto a súa utilidade, pero temos que estar en todas partes.

-Hai quen fala de suprimilo. Que se debería facer co Senado?

-Agora mesmo só é unha cámara sedentaria, sen ningún tipo de capacidade decisoria. Podería transformarse nunha cámara territorial que fose útil para os distintos pobos deste Estado. É algo que dependerá do equilibrio de forzas que haxa e que debemos pensar seriamente para non facer propostas ao aire.

-Por que pensa que Galicia só pode defenderse con forzas exclusivamente galegas?

-Por sentido común. Nós somos un país pequeniño e cun problema, que é o de que temos pouco peso. Como vai pesar nun partido estatal, como PP ou PSOE, a opinión dos deputados galegos defendendo os astaleiros de Ferrol se, por exemplo, Andalucía ten oito millóns de habitantes? Nesta democracia todo se mide en votos, non se mide en dignidade nin en necesidades, e por iso os galegos precisamos unha forza galega que se faga oír obedecendo exclusivamente aos intereses deste país. Non contrapoñendo os nosos intereses a ningunha outra forza de España nin outra rexión, senón defendendo o noso e non facendo o burro constantemente.

-En Marea tamén di que se presenta para ter un grupo propio centrado en Galicia. Haberá quen dubide do que diferenza aos dous proxectos.

-Galegos somos todos os que vivimos neste país, iso non o discute ninguén. O que pasa é que Nós-Candidatura Galega é a única opción que leva unha proposta integral de país. Galicia é un país cos sectores productivos destrozados, que mira cara abaixo cando lle miras aos ollos e iso ten que solucionarse cunha grande dose de ilusión. Estamos asumindo unha representatividade dun país que leva calado moito tempo. Non hai dereito a que o segundo país do mundo con máis posibilidades agrícolas estea comendo repolos da Bretaña francesa e consumindo productos agrícolas de todas partes menos de aquí. E iso pasa porque os nosos sectores productivos non están debidamente apoiados por leis. Por que se afunden as estructuras do sector lácteo galego? Porque non hai leis que favorezan e protexan a producción do noso leite a un prezo razoable. Por que están os do cerco acampados na Xunta e ninguén lles fai caso? Cometeron algún delito por quereren traballar? Nós somos propietarios tamén do mar e iso se nos nega. É surrealista e nós estamos en contra do surrealismo. Non negamos que En Marea sexa deste país pero neste momento non propón unha solución integral para el, nós si.

-Vostede pulou pola creación dunha candidatura galega de esquerdas e unitaria que finalmente non foi posible. Por que fracasou?

-O gran problema que ten este país é a fractura constante das súas forzas, ás veces intencionada, ás veces provocada e ás veces nós mesmos somos quen nos esfarelamos en loitas internas e estúpidas. Será algo que teremos que superar co paso do tempo. Eu penso que este intento foi fructífero porque nos vimos as caras, intentamos coñecernos de novo e camiñar outra vez ben e xuntos. Seguirémolo intentando e, por parte da xente que está en Nós-Candidatura Galega, non descartamos ningunha desas posibilidades. De todos os xeitos, é unha páxina pasada e nós tiramos cara diante, aínda que non temos que pechar a porta a ninguén que queira loitar con nós. Cando se trata de falar do beneficio deste país nunca nos pechamos e estamos sempre abertos. E desde logo, creo que por parte de Nós tivemos unha postura xenerosa en todo este proceso.

-A que investimentos do Goberno central para A Coruña dará prioridade se chega a senador?

-Nós falamos dun país integralmente pensado. Ás veces non é problema de diñeiro senón a falta de intención política e de onde se invisten os cartos que hai. Aí é onde nós estaremos alerta. Poderiamos investir en cantidades de obras pero hai unha serie de cuestións básicas, como son a sanidade ou a educación, que están depauperadas e temos que mellorar. Está o leite, a necesidade de fomentar unha agricultura de calidade, está Navantia e o resto de industria que se nos vai. Hai propostas mineiras que hai que pensar nelas pero pensar equilibradamente, dunha maneira sostible. Nós non pedimos grandes medidas, só intentamos poñer sentido común na política, que é onde menos sentido común hai.

-Fálase de Estado federal, de referendo... Cal é a postura de Nós no debate territorial que, semella, se vai abrir esta lexislatura?

-Defendemos unha postura soberanista, de ter dereito a decidir. Pero, sobre todo, defendemos a posibilidade de crear unha nova arquitectura no Estado, a necesidade de superar a Transición, que foi feita co ruído de sabres do exército de fondo. Ofrecéusenos un xeito de liberdade e de democracia que non foi real. O exemplo tivémolo o luns, cun debate de dúas horas en horario de máxima audiencia, vulnerando as cotas de pantalla que foron pactadas por unha democracia lóxica. Nós falamos dunha democracia distinta, participativa e con confrontación de ideas. Hai meses falabamos dun bipartidismo roto e agora temos un bipartidismo a catro que nos vai levar ao mesmo. Francisco Franco pode estar contento porque quedou todo atado e ben atado e ben se encargan algúns de atalo e de atarnos.