-Que ofrece En Marea como opción electoral nestas eleccións?

-Despois do 24-M propuxémonos construír un espazo similar ao que foron as mareas municipalistas, no que estas se puidesen sentir cómodas. Nestes últimos meses fomos quen de facer ese traballo, poñendo de acordo a xente con perspectivas diferentes, algo que non sempre é doado. En Marea pon enriba da mesa ese valor da pluralidade e diversidade e creo que nos parecemos moito ao que é este país, no sentido de ser un espazo onde se poden sentir cómodas diferentes sensibilidades. As mareas puxeron a esta provincia na vangarda de cambio polo que o noso obxectivo na Coruña é reproducir ese apoio á mudanza política e social.

-Fala do exemplo das mareas locais pero nas listas de En Marea non houbo primarias abertas.

-Hai que pensar que, a escala temporal e xeográfica, unhas eleccións xerais complican cuestións que a nivel municipal son máis sinxelas. O proceso de En Marea tivo tres mecanismos de participación: eu pasei por unhas primarias de Podemos abertas á cidadanía, as propias mareas municipais tamén analizaron o proceso e déronlle o visto bo, e, en terceiro lugar, houbo unhas primarias de validación das listas con 4.000 inscritos. Esta candidatura ten un valor fundamental que é o de traballar por consenso e creo que conseguimos facer unha lista que representa moi ben a todo o tecido social e orgánico das diferentes sensibilidades políticas da provincia.

-Pero a distribución dos postos foi pactada entre partidos. Non sería mellor facer unhas primarias como as da Marea Atlántica?

-Está claro que debe haber un mecanismo para que a cidadanía diga se está dacordo ou non. Neste caso optouse por unha lista de consenso, igual que pasou en Barcelona ou na elección de Xulio Ferreiro como candidato a alcalde da Marea Atlántica. Foi o máis operativo para non tensionar un proceso que, por factores externos, estaba nunha fase de maduración complexa.

-En caso de que non se logre o grupo propio, manteranse os deputados de En Marea no grupo mixto?

-Os parlamentarios de En Marea terán unha estratexia común no Congreso. Se non se dan as circunstancias de ter grupo propio hai que ter en conta dúas cuestións: que todas as decisións relevantes de En Marea vanse tomar con mecanismos nos que a cidadanía poida opinar e que se buscará que os nosos deputados funcionen de facto como un grupo parlamentario.

-Por que non foi posible unha lista única galega?

-Para o que foron as eleccións municipais o BNG xa plantexara unha dinámica antagónica á das mareas e iso segue a ser así nos gobernos do cambio. Nós quixemos construír este espazo e o BNG decidiu non sumarse, polo que lles corresponde a eles dicir por que non é así. O resto, un montón de actores, fomos quen de poñernos de acordo.

-Cales serán as súas prioridades no Congreso?

-Hai tres cuestións fundamentais. A primeira, traballaremos para rescatar ás persoas, é dicir, facer políticas públicas en beneficio da xente, o que implica a derrogación do artigo 135 da Constitución, que pon a débeda por riba das persoas. En segundo lugar, temos que rescatar á democracia, abrindo a administración á participación da cidadanía e limpando a corrupción. Por último, imos apostar pola economía productiva e por poñer os intereses da maioría social por diante do 1%.

-No seu programa falan de redistribuir e aumentar o consumo. Como pretenden facelo?

-A redistribución significa facer unha política fiscal diferente. Non pode ser que continúen a pagar máis quen menos teñen. O Estado ten que ingresar máis pero tamén hai que gastar mellor do que se fixo até agora. Outro gran problema é o da xente que traballa para ser pobre, algo que se ve no entorno urbano, onde xente da nosa xeración traballa por 700 ou 800 euros, ou no entorno rural, onde hai productores lácteos que venden por debaixo do prezos de producción. Queremos ir a un sistema de rentas garantidas, que saque á xente da desigualdade e se lle conecte coas cadeas de consumo que poñen en marcha esa roda necesaria para reactivar a economía.

-Que reclamacións concretas sobre Galicia levarán?

-Preocúpanos a situación dos nosos sectores productivos. Nos últimos anos vivimos unha erosión da nosa agricultura e pesca, da industria e o que temos é un sistema de servizos que xera emprego precario e inestable. Queremos promover a economía productiva apoiándonos nas tres universidades públicas, que poden xerar emprego de calidade baseado na innovación. Preocúpanos tamén enormemente a demografía. O país está nunha emerxencia demográfica e hai que tomar medidas urxentes, tamén para que toda a nosa xente emigrada poida retornar. Por outra parte, proporemos a apertura da comisión sobre o accidente do Alvia.

-Propoñen tamén un Plan Estratéxico Enerxético Galego. En que consistiría?

-É evidente que o noso país ten unhas capacidades productivas que, dalgunha forma, non quedan aquí. Hai que darlle unha volta a iso nos diferentes niveis de producción, tanto na pequena producción como na grande, metendo a man en todos os mecanismos de producción de enerxía de grandes empresas. Ademais, estase deseñando un plan estatal de transición enerxética que sería como unha segunda pata desta proposta e que un goberno do cambio no Estado tería que poñer en marcha.

-Falan dunha banca pública. O precedente máis parecido foron as caixas e a xestión non foi boa. Que garantías propoñen?

-As caixas nunca funcionaron como unha banca pública real e o control político operou como un mecanismo de prevendas. Son necesarios mecanismos específicos que aseguren o crédito á pequena e mediana empresa e nos que existan sistemas de transparencia para que estas entidades non estean atadas ao partido de turno que manda nese momento.

-Debe ser galega ou estatal? NÓS fai a mesma proposta no seu programa pero só para Galicia.

-Ten que haber un mecanismo de financiamento público galego pero, sen dúbida, ese mecanismo ten que estar conectado cun mecanismo de financiamento público a nivel estatal.

-Que cuestións relativas á cidade defenderán no Congreso?

-Coa nosa presenza apoiaremos ao goberno de cambio da Marea Atlántica, que está nun entorno complexo pero poñendo na axenda elementos fundamentais para a vida da xente. Por exemplo, na cuestión do porto exterior cremos que a cidadanía debe ter palabra sobre o que facer coa fachada marítima da cidade e un Goberno de cambio no Estado debería dotar á Autoridade Portuaria de fondos para financiar totalmente o porto exterior. O mesmo acontece coa avenida da Vedra. A Coruña xa non é o que era hai décadas e Fomento debería apoiar a proposta de humanizala. A limpeza da ría do Burgo tamén será outra das nosas prioridades, non só pola necesidade de preservar un ecosistema tan rico coma ese senón polos empregos que se crearían na zona.

-Que postura ten sobre o debate territorial en España?

-Estamos pola apertura dun proceso constituínte en clave progresista. O que está pasando en Cataluña denota unha incapacidade de comprender a cuestión territorial e a democracia. Galicia ten que ter unha voz prioritaria no proceso que se abra. Hai que ser demócratas, facer efectivo o dereito a decidir e estendelo non só á cuestión territorial se non a outros asuntos como que servizos públicos queremos.

-Van reclamar máis competencias para Galicia?

-Hai que tender a achegar a democracia ao máis cercano. Queremos facer que os servizos públicos sexan da maior calidade e traballaremos por todo o que sirva para achegalos ao cidadán.

-Pero, no concreto, que competencias van esixir?

-(Quédase pensando).

-No programa, por exemplo, falan de "descentralización de competencias para a creación dun Marco Galego de Relacións Laborais". Para que?

-Si, é unha demanda histórica do sindicalismo neste país. Desde onde mellor se pode analizar o contexto sociolaboral galego é desde aquí polo que debe haber mecanismos para comprender todo o que ten que ver coa dinámica de emprego a nivel galego.

-En 2016 haberá eleccións autonómicas. Vese volvendo a Galicia para elas?

-Non, nós adquirimos un compromiso para levar a palabra e as demandas da cidadanía galega a Madrid e iso é o que faremos nos próximos catro anos. Aspiramos a que nas galegas se constrúa unha ferramenta que non sexa simplemente como En Marea e que logre incorporar a máis actores e amplíe os mecanismos de participación democrática. Hai moita xente neste país con capacidade para dar un paso adiante e asumir ese rol de protagonismo público.