Elecciones Generales
Pilar Cancela Nº1 do PSdeG-PSOE pola Coruña 

"O Estado do benestar que a xente defende na rúa ten moito que ver co feito polo PSOE"

"Na Coruña temos un problema á hora de convencer ao electorado das cidades" - "Non imos baixar os impostos pero si que llos subiremos ás rendas máis altas"

17.12.2015 | 09:43
A candidata do PSdeG-PSOE pola provincia da Coruña, Pilar Cancela.

Secretaria de Organización do PSdeG desde 2013, Pilar Cancela (Stuttgart, 1967) encabeza a lista ao Congreso dos Deputados dos socialistas coruñeses nestas eleccións xerais. Faino nunha provincia na que a súa formación foi castigada nas pasadas eleccións municipais de maio, nas que as Mareas locais déronlles o 'sorpasso' nas grandes cidades, facéndose coas Alcaldías da Coruña, Santiago e Ferrol. Agora confía en sacar proveito do poder institucional gañado polo PSOE en vilas medias e municipios pequenos para superar os pronósticos das enquisas e salvar os mobles ante a irrupción dos partidos emerxentes

-A enquisa do CIS dalle ao PSOE dous deputados dos oito que se xogan na provincia. Sería un resultado satisfactorio?

-Nós sempre aspiramos a superar a representación que xa temos. Na provincia da Coruña dase a circunstancia de que nas tres grandes cidades están a gobernar as Mareas, o que abre o escenario a diferentes forzas de esquerda. Porén, as enquisas nunca nos foron favorables. Nas municipais acabamos sacando mellor resultado do que se pronosticaba e recuperamos moito poder institucional. Ese músculo que temos nas localidades penso que nos vai axudar a reforzar a nosa presenza na provincia.

-Ten un problema o PSOE á hora de convencer ao electorado urbano?

-Iso é evidente, non hai máis que ver os resultados. Os proxectos que nese momento encabezamos non conseguiron convencer aos cidadáns e é paradóxico que isto acontecese en cidades onde estaba gobernando o PP. Estamos traballando para recuperar esa confianza e esperemos que para as autonómicas teñamos un traballo andado e que si nos vexan como alternativa.

-Nestas eleccións, o voto do cambio semella que se vai distribuír entre máis formacións que de costume. Que distingue ao PSOE de partidos como Podemos ou Ciudadanos?

-Nós non somos un experimento mediático. Temos 135 anos de historia, coas súas cousas positivas e con outras negativas, consecuencia de ter sido forza de goberno. Pero cando a xente sae á rúa e reivindica un determinado modelo de sociedade, como pode ser a sociedade do Estado do benestar e da política social, está defendendo algo no que os socialistas temos moito que ver. É certo que non podemos vivir sempre do pasado pero hai que lembrar que ese xeito de entender a sociedade é o noso proxecto. Sabemos que as circunstancias económicas mudaron, pero garantimos que sempre imos poñer ás persoas por riba de calquera outra cuestión.

-Galicia non chega a tres millóns de habitantes. Non quedan os seus intereses demasiado diluídos no seo dunha forza estatal como o PSOE?

-Discrepo totalmente. Nós somos un partido federal pero tamén un partido galeguista, somos o PSdeG. E iso non está en contradicción. Para nós, por exemplo, van ser unha prioridade sectores estratéxicos da Coruña que están nunha situación dramática. Falo do cerco, falo do leite e falo do sector naval de Ferrolterra. Ímolos defender e imos estar con eles. Tamén imos apostar pola reindustrialización de Galicia, pola que non se fixo nada nestes anos. Temos que apostar por un cambio de modelo produtivo, baseado na innovación e na excelencia e non tanto en medrar a base de reducir salarios.

-Que propostas concretas teñen para fomentar esa reindustrialización?

-A reindustrialización ten que abordarse a través dun plan amplo e con varias vertentes. Cando estabamos gobernando apostamos por crear espazos de interlocución a nivel municipal, nos que se reunisen o Concello e representantes do sector empresarial, sindical e social. É nos municipios onde mellor se coñecen as potencialidades e necesidades. Temos que mirar tamén ao sector eólico potentísimo que temos neste país e lembrar aquel concurso eólico do bipartito que, por unha decisión política, se botou abaixo. Temos que apostar pola innovación e tamén por ese modelo de organización empresarial que é o cooperativismo, no que temos unha capacidade enorme.

-Na Coruña está no centro do debate a financiamento do porto exterior de punta Langosteira. Cal será a postura do PSOE se chega ao Goberno?

-Temos unha postura de máximos e é a de impedir que se paralice o porto exterior. Se se mantén ou non o modelo de financiamento inicial de vender os peiraos creo que que non é relevante. O Concello terá que poñer enriba da mesa a súa posición e chegar a un acordo co Ministerio. Nós, como grupo, defenderemos o mellor para a cidade.

-O Concello xa se posicionou: está en contra de vender os peiraos e pide que sexa a Autoridade Portuaria quen pague a obra. Que farán se gobernan?

-Haberá que ver se iso é viable e que lle suporía ao Ministerio financiar iso. É algo que haberá que falar politicamente e eu quero ser tremendamente cauta porque, aínda que sei cal é a demanda, non coñezo a fondo os pormenores do asunto. O que está claro é que o porto tense que facer e non pode quedar paralizado. Ademais, tamén haberá que poñer cartos para impulsar a conexión por tren, promovendo o transporte de mercadorías e a confluencia.

-Cal é o seu compromiso coa ría do Burgo?

-Á ría do Burgo chegoulle o momento de que se poñan os fondos necesarios para a súa rexeneración, que non quede só nun orzamento. A nosa reivindicación é que se executen dunha vez por todas as partidas para retirar os lodos.

-O paro é unha das principais preocupacións dos cidadáns. Cal é a súa receita para atallalo?

-A reforma laboral do PP precarizou as condicións de traballo e levou a moita xente a, pese a entrar no mercado laboral, non poder desenvolver un proxecto vital. Por iso nos comprometemos a derrogar a reforma laboral de Rajoy. A isto súmase outro problema engadido e é o da concepción do propio mercado de traballo. O servizo público de emprego non está a desenvolver o traballo para o que foi creado e, no canto de mellorarse, deuse entrada a axencias privadas de colocación. O terceiro piar é o derrumbamento da negociación colectiva, que é unha cuestión ideolóxica que temos que revertir. Nós non apostamos polo contrato único que propón Ciudadanos porque precariza aínda máis e flexibiliza a capacidade do empresario para despedir. Ten que haber un contrato indefinido estable, porque hai determinadas funcións na empresa que se manteñen no tempo, e outro temporal para outras circunstancias que sexan puntuais. O incremento do salario mínimo interprofesional tamén será fundamental. En Europa está por riba dos 1.000 euros e aquí estamos polos 600 e pouco euros.

-A canto propoñen subilo?

-Apostamos por que nos próximos catro anos se achegue aos 1.100 euros, un mínimo que permita desenvolver a vida con dignidade. En Europa rondan xa esta cantidade mentres que aquí non chegamos aos 700 euros.

-Zapatero acuñou aquela frase de que "baixar impostos é de esquerdas". Se gobernan van manter esta filosofía?

-Niso temos que dicilo claramente: non imos baixar impostos. Dicir o contrario sería mentirlle á xente. Hai que aprender do pasado e se queremos manter un Estado con sanidade e educación públicas, cunhas pensións dignas, e cuns servizos de dependencia de calidade non podemos facelo baixando impostos. Pero nós non falamos de subir o IVE a produtos básicos, como propón Ciudadanos. Nós apostamos por unha progresividade impositiva que faga que as rendas máis altas paguen máis. Con isto teremos que ser contundentes.

-O responsable de Economía do Grupo de Expertos do PSOE, Jordi Sevilla, falou hai semanas de privatizar empresas públicas para "reducir a maior carga posible" de débeda. Non lembra ás receitas que tanto critican?

-No programa non levamos ningunha proposta neste sentido. Non vou cuestionar o que dixo Jordi Sevilla pero non creo que esta sexa a solución. O pasado demostrou que isto non levou a ningunha situación óptima. As privatizacións non son en absoluto prioritarias e antes de chegar a ese extremo habería que analizar moitas outras opcións.

-No debate sobre o modelo territorial o PSOE fala dunha España federal. Cal será o papel de Galicia nese novo sistema?

-Galicia ten que manter no próximo texto constitucional a diferenciación de nacionalidade histórica que xa se lle recoñece agora mesmo. A Constitución de 1978 fai un reparto moi evidente de cales son as distintas competencias para o Estado e para Galicia e, de feito, penso que aínda non se teñen asumido dabondo por parte da Xunta. Por exemplo, a transferencia a Galicia da inspección de traballo ou algunha outra cuestión no ámbito de Xustiza. Nós tamén somos partidarios de revisar o que son as competencias compartidas co Estado porque temos ámbitos de actuación importantes que poderían asumir totalmente as comunidades autónomas.

-De chegarse a un acordo con Cataluña é probable que se lle ceda máis autonomía para evitar a independencia. Van defender que Galicia avance no mesmo sentido que o faga Cataluña?

-Nós imos defender que Galicia non teña nada distinto ao que teñen as outras dúas nacionalidades históricas. Os pasos que se dean respecto doutras terán que ser exactamente os mesmos para Galicia. A cuestión catalana, con todo, é un problema político que se vai solucionar a través da política. Agardo que cando se mude de Goberno o diálogo substitúa ás ameazas secesionistas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine