-Ciudadanos é o único partido que na provincia mudou de cabeza de lista con respecto ao 20-D. En que se vai distinguir do seu predecesor, Antonio Rodríguez?

-Non me quero meter no traballo que fixo Antonio porque o descoñezo. Eu agora son o candidato e vou traballar arreo para cambiar as cousas. El saberá o que fixo e a min non me gusta fiscalizar. Estou seguro de que puxo toda a vontade para facelo o mellor posible.

-A el botárono desde a dirección sen consultar ás bases, que foron quen o elixiran. Non ten medo que lle poidan facer o mesmo a vostede?

-Con Canedo nunca vai pasar iso porque a Canedo non o botan de ningún lado. Canedo, no primeiro momento en que percibe que non é útil, xa se aparta. Ese problema non o vai haber comigo porque xa o demostrei no pasado. Eu traballo polo partido e o proxecto, o candidato non importa. Xa o dixo Albert Rivera: "aquí non hai ninguén imprescindible".

-Sen embargo, na cartelería electoral das últimas eleccións só aparecía a cara de Rivera. Non peca Ciudadanos dun certo caudillismo?

-Iso foi por un tema económico, de que non temos cartos para empapelar as cidades coas caras de cada candidato. Estas son unhas Xerais e proxectamos ao noso candidato a presidente. Ese debate non está na rúa. De feito, o domingo pasado estiven na Coruña nun debate e, salvo a Carlos Callón (BNG), que o teño visto nalgunha cousa polo tema lingüístico, non coñecía a ningún dos candidatos. Iso pásame a min e ao 90% da xente que preguntes pola rúa.

-Pero vostede é o candidato e xa estaba na dirección de Ciudadanos. De verdade non sabía quen eran os candidatos do resto de partidos pola Coruña?

-Digo a verdade. Eu estaba desconectado, non os coñecía para nada. Sonábame algo Pilar Cancela de escoitala nos medios e Callón da prensa. Ao resto, de nada.

-Ciudadanos fai bandeira das primarias pero, no seu caso, elixírono a dedo desde a dirección. Non pensou en dicir que non por unha cuestión de principios, de non concordar coas formas?

-Pasaríaseme pola cabeza se non fose o tipo de persoa que son. Eu non era un afiliado normal senón que fun a persoa máis votada en 2014 para formar parte da dirección de Ciudadanos en Galicia. A min chamáronme e dixéronme que tiñan un problema e que tiña que ir de candidato. Ao comezo rexeitei pero finalmente dixen que si por responsabilidade, e o fago asumindo as consecuencias. Mentres estea en campaña vou traballar para saír elixido e aumentar o número de deputados.

-Pensa que lle afectará electoralmente a destitución de Antonio Rodríguez e todo o proceso que veu despois?

-Eu percibo na rúa que non vai afectar. Eu creo que se viu claro que foi un cambio de última hora e que foron decisións de partido. Á xente preocúpanlle máis outras cousas.

-Despois dos últimos anos, a implantación de Ciudadanos na Coruña semella ser máis turbulenta que noutras partes do Estado. Por que?

-Non estou dacordo. Aquí non hai menos conflictos, hai os mesmos que noutros lados. Somos un partido que subimos moito en pouco tempo, saíndo da nada. Loxicamente, aquí vén moita xente. A porta está aberta para todo o mundo pero despois moitos danse conta de que non encaixan. Non todos len os estatutos e o ideario e, se non os coñeces, pode haber problemas.

-Na Coruña hai un conflicto co financiamento do porto exterior. O Concello négase a vender terreos do porto interior para pagar a obra, como quere Fomento. Que defenderá vostede?

-O porto exterior hai que facelo rentable, porque agora non o é. Por exemplo, temos un problema en Mugardos con Reganosa, porque os veciños están gravemente preocupados polo impacto medioambiental da planta. Por iso, se gobernamos, e xa que o porto que non é rentable, proporemos facer un estudio en condicións sobre o traslado de Reganosa a punta Langosteira.

-Teñen esa proposta no seu programa?

-O que temos é que un porto infrautilizado e un problema ambiental que o normal sería que estivese lonxe dos cidadáns. É algo que temos no aire pero que estudaremos porque é unha posible solución.

-E sobre a venda concreta dos peiraos, cal é a súa postura?

-Non podemos quitarlle a roupa a un santo para vestir a outro. Estas cousas son da política máis rancia que hai. Vendelo a quen?

-Hai uns convenios de 2004 nos que se acorda vendelos para construír vivendas e zonas comerciais.

-Non estou moi ao tanto do tema, pero isto sóname a chiringuito. Estamos cos chiringuitos e deberiamos ter máis transparencia na política. Espero estar aí e mirar esas cousas, que me gustan analizar en profundidade.

-Que se compromete a facer para rexenerar a ría do Burgo?

-No programa xa falamos das Illas Atlánticas, das Rías Baixas e todo iso entra dentro do plan para limpar a costa. Estamos a perder moitas praias con bandeiras azuis.Hai moito alcantarillado que non está adaptado aos tempos.

-Pero no Burgo existe un problema co dragado de lodos.

Si, e comprometémonos a lograr o financiamento necesario. É de sentido común. Hai que sacar os cartos de onde sexa e aproveitar mellor o diñeiro que nos chega de Europa, porque aquí houbo moita mala inversión.

-En materia competencial, van reclamar algunha nova competencia para Galicia?

-As autonomías foron un acerto pero teñen que ser iguais. Cando se pensa nas autonomías hai que pensar nas persoas e eu quero que galegos e andaluces sexan iguais.

-Pero no concreto, van reclamar a descentralización ou recentralización de algo?

-Non, en cuestións concretas non. Lembra que eu acabo de chegar e hai moitas cuestións que non teño ao día. Eu quero unha mellor sanidade e que os meus fillos, que están en Madrid, non teñan problemas para comprar alá as medicinas por ser galegos. O que non podemos é entrar nunha carreira de competencias. Os españois somos todos iguais.

Algúns acusan a Ciudadanos de ser a marca branca do PP. Que lle parece?

-Se co que se acorda de min Feijóo somos a marca branca do PP... Somos un partido de centro que propón reformas de fondo pero coa diferenza de que nós temos as mans limpas. Ti agora pregúntasme: Ciudadanos vai ter imputados? Claro que imos ter, garantízocho, porque forma parte da sociedade. Agora ben, no momento en que apareza a imputación, esa persoa vai marchar para casa.

-Entre a esquerda e a dereita, vostede onde se sitúa?

-Diría que no centro esquerda. Eu teño o problema de que me gusta o mellor da dereita no que se refire á creación de empresas e mellora da economía, pero tamén me preocupan os dereitos sociais. Teño ese problema.

-E sendo de centro esquerda, agora que Unidos Podemos se define como socialdemócrata, con quen se queda se tivese que elixir entre eles e o PP?

-Con ningún. O outro día estaban ben representados no debate a catro, porque estaban nos extremos de quen non quere acordo. Rajoy, quieto na súa esquina, e Podemos que xa non se sabe quen son. Neste momento, o único acordo posible sería co lado do PSOE e con un PP sen Mariano Rajoy.

-Antes dicía que importaba o proxecto e non as persoas. Se o problema só é Rajoy, válelle o proxecto do PP?

-Co PP hai problemas de persoas porque Mariano ten mochila e apareceu nos papeis de Bárcenas. O mesmo nos pasou en Andalucía co PSOE, onde houbo que forzar para que se marchasen Chaves e Griñán e chegar a acordos. Co PP, polo menos, temos en común a defensa da unidade de España. Podemos quere romper o país e nós non podemos facer nada con iso.

-Pablo Iglesias dixo que non tiña liñas vermellas. Se renunciase a convocar un referendo en Cataluña, vería ben que se chegase a un acordo con eles?

-En Pablo Iglesias xa non confío igual que non confío en que Rajoy vaia amañar as cousas. De Podemos non creo nada porque segundo onde estean din unha cousa. Agora din que son patriotas. O certo é que patrias teñen moitas porque segundo onde estean din ter unha. Eu alucino con eles e non sei se terei que empezar a beber, aínda que polo de agora son abstemio.

-O cabeza de lista por Barcelona, Juan Carlos Girauta, dixo que Feijóo ten credibilidade para ser presidente. Gústalle para dirixir o Goberno?

-Entre Rajoy ou Feijóo, quédome con Feijóo, véxoo máis cercano.

-Podería haber un cambio con el? Foi un dos adalides da austeridade no Estado.

-Si, pero coa idade que ten pode cambiar e facer propostas serias. Prefíroo antes que a Rajoy pero, por riba deles, prefiro a Albert Rivera.