A cabeza de lista do PSdeG pola provincia da Coruña, Pilar Cancela, móstrase convencida de que non haberá sorpasso o domingo e de que o PSOE seguirá a ser a segunda forza máis votada e cre que será o seu partido o que pilote o cambio político. Entende á xente que xa non quere ir votar por cansanzo, pero pide outra oportunidade para poder chegar a acordos.

-Hai algunha proposta nova no programa do PSOE para esta campaña electoral ou manteñen os compromisos adquiridos?

-O programa non pode variar. Está fundamentado nun principio que, para nós, é irrenunciable, o da igualdade de oportunidades. Sabemos que hai un colectivo moi importante de cidadáns que o está a pasar mal. Neste momento hai xente en risco de exclusión social. Por iso falamos da suba do salario mínimo interprofesional, da necesidade da renda mínima vital para a xente que xa non teña absolutamente ningún tipo de ingresos, de 426 euros ao mes, de ampliar o subsidio de desemprego para os maiores de 45 e 52 anos, para as mulleres vítimas de violencia de xénero, para persoas con discapacidade, para os parados de longa duración que xa non teñen posibilidade de atopar traballo. Este é o núcleo fundamental da xente que máis o necesita, así que temos que resolvelo.

-Que medidas van tomar?

-Imos tomar medidas a medio e a longo prazo. O mercado de traballo tal e como está estipulado non é viable, un traballo non garante vivir con dignidade e hai que erradicar dunha vez por todas as horas extraordinarias voluntarias. Unha vez que derroguemos a reforma laboral do PP, moitas desas cuestións desaparecerán. A temporalidade abusiva do mercado laboral, que fai que haxa contratos por horas e que iso supoña unha mingua nas cotizacións á Seguridade Social, redunda nunha falta de consistencia dun proxecto vital que fai que ninguén poida, neste momento, asumir decisións de consumo. A precarización laboral cébase con certos colectivos, como as mulleres ou a mocidade.

-Cal é a alternativa logo da derrogación da reforma laboral?

-Hai que substituíla por un grande acordo fundamentado no diálogo social. Hai que falar coas organizacións sindicais, empresariais, darlle forza á negociación colectiva. Paréceme que hai unha peza fundamental, que non está sendo utilizada, que é a Inspección de Traballo. Hai que volver á contratación estable. Nós apostamos por tres modelos: o indefinido, que ten que ser a norma xeral, os temporais, para empresas que precisen reforzos puntuais, e outro para formación, que é para cualificar a persoas que queremos incorporar ao mercado de traballo. A quen os use doutro xeito hai que sancionalos. A Inspección de Traballo está para iso e non para perseguir aos desempregados que reciben unha prestación.

-Hai moitas decisións que afectan á Coruña pero que se toman en Madrid, como o saneamento da ría do Burgo.

-Apostamos pola rexeneración, é fundamental para a cidade. Nesta lexislatura, que foi curta pero intensa, debatimos tamén o caso dos terreos da Maestranza, onde presentamos unha enmenda á proposta que facía En Marea, porque entendiamos que era necesario paralizar a poxa que estaba en curso e o que había que facer era unha mesa de negociación onde estiveran as administracións e tomar unha decisión ao respecto. A lexislación actual impide que a administración pública que sexa titular dun ben inmoble faga unha cesión gratuíta, pódese facer unha venda ou unha cesión do uso ou unha permuta. Para nós a cesión do uso é mellor, porque redunda a parcela no beneficio da cidadanía e a partida orzamentaria para a compra pódese destinar a proxectos sociais. No caso da avenida Alfonso Molina apostamos máis que pola ampliación, que supón un custo máis alto, pola humanización e que, o que se poida recuperar dese investimento, se poida usar para mellorar outras vías de acceso á cidade, que baleiren un pouco de tráfico a entrada principal que ten a cidade. Apostamos tamén por un modelo de intermodalidade en Galicia onde as grandes cidades estean conectadas.

-Está tamén o tema da antiga prisión provincial.

-Hai que abrir un proceso de negociación para que o uso dese edificio revirta na propia cidadanía. Estamos todos de acordo en que cómpre recuperalo.

-Cal é o posicionamento do PSdeG en canto á situación da fábrica de armas?

-O que máis nos preocupa é o futuro dos traballadores, porque xa quedou claro que Hércules de Armamento non é unha empresa coas condicións necesarias para recuperar a actividade, todo elo ante a pasividade da Xunta. Os socialistas rexistramos varias iniciativas no Parlamento para demandar información e non podemos permitir que ao final sexa todo unha operación especulativa.

-E en canto a Alcoa, cal é o seu posicionamento?

-É unha cuestión que se superpón ao ámbito local. O que hai que plantexar é un cambio do modelo de aproveitamento da enerxía. Até que non se atope, as poxas de ininterrumpibilidade teñen que ter un prazo máis amplo de dous ou catro anos, para ter estabilidade.

-E a tarifa eléctrica galega que propón o BNG, sería unha boa alternativa?

-A nós sónanos a ciencia ficción. Todos queremos a fortaleza do noso país, pero tamén temos que ser realistas. Non temos feito unha análise das consecuencias que podería ter iso.

-Que capacidade ten o PSdeG de se facer oír dentro dun grupo tan grande como o PSOE?

-Nós somos PSdeG por algo. Cando foi a negociación con Podemos e as súas confluencias, na que está tamén En Marea, presentamos un conxunto de propostas que tiñan que ver con Galicia, diferenciadas. É unha cuestión que Podemos non puxo enriba da mesa. Nós entendiamos que nos podiamos poñer de acordo na defensa do sector primario, na defensa do naval. Falabamos de Alcoa e Ence. Naquel momento, esas propostas podían facer que Galicia estivese presente cunha identidade diferenciada na negociación e dixéronnos que non. Se tiveramos vontade de que primase o interese xeral sobre outras estratexias de carácter particular, estou segura de que todo iría moito mellor.

-Cre que a estratexia de non aclarar os pactos pódelle prexudicar nos resultados, xa que os electores non saben que vai facer o PSOE co seu voto?

-Creo que non. Nós dixemos que non imos facilitar nin por activa nin por pasiva, o goberno do PP e que tampouco imos pactar con forzas independentistas porque nós respectamos o marco constitucional que hai neste momento. Estamos dispostos a falar da reforma da Constitución. Nós, que contribuímos a construír o sistema constitucional deste país non nos imos desdicir agora del. Entendemos que as cousas mudaron e que as xeracións de agora teñen tamén dereito a participar no modelo constitucional que queremos acadar. Quédannos tres forzas políticas que din que non queren que siga a gobernar o PP porque non compartimos as súas políticas. Pois poñámonos de acordo. Tendemos a man a esquerda e dereita para o cambio. Nesta breve lexislatura, o PSOE presentamos 2.371 propostas e todas saíron adiante porque fomos quen de nos poñer de acordo con outras forzas. No 76% dos casos votamos o mesmo que as forzas do cambio. Como é posible que cando nos poñemos a falar de políticas non sexa posible un acordo? Creo que primou o interese persoal de Pablo Iglesias, que ten unha obsesión co sorpasso ao PSOE.

-Sobre o papel tamén coinciden moitos puntos do programa do PSOE e do de Marea Atlántica porén, aprobar unha modificación do orzamento fíxose eterno, cre que se poden chegar a bloquear proxectos por eses intereses particulares dos que fala?

-Desde o primeiro momento, nós dixemos que naquelas cidades onde non puideramos pilotar o cambio, iamos apostar por el. Non se pode confundir o apoio a que gobernes con dicir que si a todo. Aí o que hai é falta de diálogo. O que ten que percibir a cidadanía é que as forzas de esquerda nos entendemos e que melloramos a súa vida.

-Hai xente que di que non vai ir votar porque xa o fixo en decembro e que, ao non cambiar os candidatos nin os programas, prevé o mesmo resultado.

-Eu diríalle a esa xente que vote, a forza que ten o voto é a que nos fai a todos iguais. Entendo a decepción da xente e si que percibo na campaña que a xente está cansa. Se non somos quen de chegarmos a un acordo para formar un Goberno eu creo que deberiamos marchar todos para casa. O voto é moi importante agora porque o Goberno de Rajoy segue en funcións e non achega nada bo a este país.

-Cambiou o discurso o PSOE, fíxoo máis liviano?

-Nós cremos que o cambio só o pode encabezar o PSOE porque somos os que garantimos a centralidade. Non somos un partido de marketing político, somos un partido de propostas, estable e serio, con experiencia de goberno, cos nosos claros e escuros, que xa a cidadanía nos pasou a factura por eles.

-Como van defender os sectores produtivos de Galicia en Madrid?

-En casos como o da pesca, temos que negociar que, cando se fixen cotas con outros países, Galicia non saia perdendo sempre. É unha capacidade do Goberno do Estado, que pode loitar polo sector.