O candidato de En Marea ao Congreso dos Deputados, Antón Gómez-Reino, avoga por que exista un Goberno de cambio que permita á formación ter grupo parlamentario propio.

-Logo da súa breve experiencia no Congreso, como cre que se poden artellar solucións para os problemas da cidade?

-Esta institución está perfectamente deseñada para aillarte politicamente do teu vínculo social habitual. É un sitio no que se fai un traballo lexislativo moi constante e intenso e o que nós tratamos de facer foi levar as iniciativas en dous tipos de escalas, as que tiñan que ver cun eido máis macro, como Reganosa, Ence ou o sector lácteo e despois puidemos aprobar moitas cousas en comisións, como propostas que teñen que ver co local e até co barrial.

-O candidato do BNG , Carlos Callón, dixo que desde o grupo En Marea non se fixeran propostas para Galicia nestes meses.

-Aí están os números. A cantidade de propostas e de iniciativas que presentou En Marea e que non só se debateron senón que se aprobaron en comisión creo que é moi superior ao que foi até o de agora en calquera representación galega. Nós imos alí para intentar levar a voz da cidadanía galega, pero non só a iso, imos para participar activamente na política do Estado.

-E como pretenden facelo?

-O primeiro é ter un Goberno de cambio que sexa completamente diferente e permeable ás demandas de participación da cidadanía e tamén ás demandas de representación das diferentes nacións do Estado. Nós no documento que achegamos para a negociación co PSOE, por exemplo, e é algo que manteremos como cuestión fundamental se hai un Goberno de cambio, propuxemos o Ministerio de Plurinacionalidade. Tería unhas competencias fortes como o reparto e distribución da economía.

-Na anterior campaña, En Marea prometía un grupo propio, nesta xa non falan dese tema, vanno tentar?

-Sempre dixen que cumpriamos con todas as condicións previas para ser un grupo propio. A decisión da mesa de Congreso é absolutamente discrecional e sempre ten un cariz político, non técnico. Ese terceiro deputado ao que aspiramos na Coruña e tamén ao terceiro ao que aspiramos en Pontevedra poden ser definitivos tanto para o equilibrio na mesa do Congreso como para o equilibrio do Goberno. Se na mesa do Congreso hai un cambio na correlación de forzas, sen dúbida vai haber un grupo parlamentario galego.

-En Marea prestará os seus apoios á coalición Unidos Podemos, no caso de que non haxa ese cambio no Congreso, como van defender os intereses de Galicia fronte aos doutros territorios dentro da súa formación?

-Nunca nos relacionamos en clave de conflicto ou de competicións senón de cooperación. O grupo plurinacional estaba deseñado para que houbese o que non se nos permitira politicamente desde a mesa do Congreso, tres grupos que funcionaran como tal.

-Na película Política, manual de instrucciones, vese como a maioría de decisións se toman desde o núcleo central de Podemos, así como a elaboración do discurso, que capacidade vai ter En Marea de funcionar como un elemento diferenciado?

-Se estamos xuntos é porque hai moita sintonía no que ten que ver con propostas programáticas, de políticas públicas, de rexeneración democrática e tamén de formas de entender o Estado. Nós dicimos que nos debemos á cidadanía galega. Todas as decisións de ámbito político de En Marea tómanse no espacio competencial de En Marea, en ningún outro lugar.

-No programa de Podemos hai tres propostas concretas para Galicia e só unha referida á Coruña, a da rexeneración da ría do Burgo, como van solicitar que se fagan outras cousas se non están recollidas na base?

-A nosa base é o programa de En Marea, non o de Podemos.

-A estratexia de Unidos Podemos agora é a de lle tender a man ao PSOE, como lle pode afectar iso a En Marea, que como di ten os seus propios criterios e toma as súas decisións?

-Máis alá do que diga Pablo [Iglesias] ou do que diga Podemos, nós poñemos o foco e o obxectivo no que pasou en Galicia nas eleccións municipais. Conseguimos maiorías de cambio nos concellos, que están gobernando de maneira independente, e iso é ao que nós aspiramos, a que En Marea sexa a forza relevante do cambio en Galicia e a que afortunadamente tamén suceda o mesmo no Estado, que Unidos Podemos saque un resultado que non só sexa un sorpasso, senón que vaia moito máis alá.

-Visto como está a funcionar o PSOE na Coruña co Goberno da Marea Atlántica ao que apoiou, non pode ser até contraproducente o feito de solicitar o apoio dos socialistas?

-Máis alá do que eu poida pensar, creo que o que é contraproducente é permitir que siga habendo políticas de austeridade e de recortes e que sigamos outros catro anos metidos no drama social ao que nos levou o PP. Eu aspiro a un cambio político liderado por En Marea e polas forzas do cambio, pero son consciente de que se non temos maioría o que a cidadanía vai demandar vai ser que a pata de apoio sexa o PSOE.

-Falaba antes de que, desde o Ministerio de Plurinacionalidad se pedirían competencias para os territorios, cales demandarían para Galicia?

-Hai ámbitos concretos nos que habería que entrar, como o marco galego de relacións laborais, que habería que redeseñalo completamente, hai outros como as demandas históricas das plataformas e da cidadanía, como que teñamos, como xa a ten o País Vasco e Cataluña, a capacidade de xestionar nós todo o que ten que ver coa rede ferroviaria, pero en todo caso, o que nos parece fundamental é entrar neste ministerio para pensar as cousas desde unha panorámica global e no que ten que ver con que temos un país cunha pirámide poboacional profundamente envellecida. Cremos que é fundamental entrar nun novo reparto do financiamento para Galicia.

-E non terían en conta o tecido produtivo? a pesca, a gandeiría ou a enerxía?

-Todos os tecidos produtivos teñen que estar no noso foco fundamental, ademais, se hai unha nova distribución financeira, ten que ir ligada aos nosos sectores produtivos, tamén falamos de banca pública, evidentemente, ten que haber unha banca pública a nivel galego e unha banca pública a nivel estatal.

-E como se artellaría?

-Para iso o que hai que facer, primeiro, é ter un goberno forte que vaia a Bruxelas e que renegocie o memorándum. Unha vez que teñamos renegociado ese memorándum, que aquelas entidades que foron rescatadas con cartos públicos, como Bankia ou Banco Mare Nostrum, que sirvan como pata desta banca pública, evidentemente, apoiada no ICO e, no ámbito galego, exactamente o mesmo.

-E que propoñen para os sectores produtivos, como a enerxía e o problema de Alcoa, que afecta a esta cidade.

-Todo se soluciona primeiro con competencias, segundo con cartos e terceiro con capacidade política, evidentemente, o asunto de Alcoa ten que ver cun posicionamento claro das administracións públicas, local e galega de estar a favor diso. Estamos en contra da poxa porque nos parece opaca, parécenos que o criterio de ininterrumpibilidade non vale para isto e ten que ver con que haxa unha administración, que ten que ser pública e estatal, e tamén a galega e a local, que apoien aqueles convenios entre a empresa e a xeración de enerxía que permita que estes postos de traballo continúen aí.

-Sería posible unha tarifa eléctrica galega?

-Eu creo que si, é unha forma de chamarlle a algo que nós compartimos, que é a existencia dunha tarificación xusta.

-Un dos temas que afectan á Coruña e que se ten que resolver en Madrid é a dos peiraos. Na anterior campaña, defendía que o Estado tiña que dotar de fondos á Autoridade Portuaria para que pagase totalemente a obra do porto exterior, agora Marea Atlántica ofrécese a pagar unha parte dos terreos afectados, como se concilian agora esas posturas?

-Non teño dúbidas de que a Marea Atlántica está a facer un traballo complexo, con administracións que moitas veces están á contra e supoño que nese sentido se dan estes axustes. É evidente a tensión que existe coa Autoridade Portuaria e con outros ámbitos. Nós mantemos o mesmo, que a cidadanía da Coruña non debe pagar por aqueles elementos que ten que ser o Estado o que os financie porque, co que ten que ver cos peiraos ou co túnel da Marina, foron actuacións probablemente non suficientemente meditadas.

-Dan por finiquitado ao BNG, tanto para as xerais como para as autonómicas?

-Eu nunca daría por finiquitado ao BNG. Creo que onde estea o BNG a proposta do espazo das mareas sempre será de cooperación e de traballo de igual a igual.

-Nas anteriores eleccións houbo un movemento de xente emigrada que non podía votar, porque tiña que se trasladar a outra cidade, os traballadores do mar tampouco poden facelo, como se posiciona En Marea neste tema?

-Hai que actualizar o CERA, se votasen todos os exilados económicos poderían desnivelar en moitos casos a balanza electoral.