Docentes da comarca coruñesa volveron a participar o martes 23 de febreiro nunha xornada formativa da segunda edición do proxecto A Coruña Emprende 2, unha iniciativa organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na que colaboran a Fundación Alcoa e LA OPINIÓN, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación académica. Se a semana pasada os profesores aprenderonco informático Alberto Basalo as claves do emprendemento dixital, o coach David Veloso amosoulles onte no CIFP Someso un método para realizar presentacións de impacto e saber falar en público que lles servirá tanto no día a día nas aulas como á hora de enseñarlles aos seus alumnos como vender unha idea emprendedora.

Veloso explica que falar en público non é sinxelo porque é unha habilidade que hai que traballar e practicar moito para ser capaces de levala a cabo de forma competente e inconsciente. O experto propón un método baseado en saber contar de forma esquematizada e cunha estructura un discurso ao que logo hai que darlle un enfoque comercial que chegue aos interlocutores para o que é preciso contar cunha boa posta en escea e quitar os medos a falar en público. O experto considera que este método é moi útil no día a día na escola e tamén no mercado laboral porque é un elemento diferenciador que os empresarios teñen moi en conta á hora de contratar a un traballador.

No caso do emprendemento, temática que aborda a segunda edición do programa A Coruña Emprende, Veloso explica que é unha parte clave do negocio porque hai que trasladar unha mensaxe e un proxecto tanto a posibles financiadores como aos clientes. E para conseguilo aposta por "sinalar tódalas vantaxes da iniciativa, agrupalas pola súa natureza común, crear un eslogan atractivo para a audiencia que enganche e romper desde o inicio cos prexuízos que parte dos destinatarios poidan ter".

No CIFP Someso tanto profesores como alumnos están moi involucrados co emprendemento e de feito alumnos do centro foron galardoados na edición do ano pasado de A Coruña Emprende polo seu proxecto sobre a creación dunha empresa, e tamén contan con varios recoñecementos do Concello da Coruña e da Xunta. O centro conta cun viveiro de empresas que se pon a disposición de calquera estudante que rematase Bacharelato ou Formación Profesional e queira levar á práctica a súa idea de empresa. Os alumnos máis novos que aínda non remataron a súa formación xa comezan a amosar as súas ideas e o seu interés polo emprendemento en iniciativas como as de A Coruña Emprende 2.

Ademais das xornadas formativas para alumnos e docentes, A Coruña Emprende 2 complementase con visitas dos alumnos a empresas, entrevistas con empresarios da zona e un concurso de idea e de negocio e outro de proxectos. Nesta segunda edición participan escolares e docentes de Primaria, Secundaria e FP de 15 centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana.