Arde Lucus 2016: QVE NON SE APAGVE O LVME!

Un ano máis Lugo ten todo preparado para recibir, os días 16, 17, 18 e 19 de xuño, cos brazos abertos a toda esa xente que ten marcado no seu calentario a data da celebración do Arde Lucus

11.06.2016 | 08:27
El cartel de la edición Arde Lucus 2016.

O Arde Lucus comezou a súa andaina no ano MMII ligado ao solsticio de verán e cun obxectivo primordial: rememorar a fundación de Lugo recreando o seu pasado romano. Conxúganse os aspectos lúdicos e culturais, coa maior rigorosidade histórica posible. O recinto histórico amurallado transfórmase, cada ano durante tres días, en Lucus Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, ofrecendo a quen a visita un completo programa de actividades, nun marco incomparable como é a Muralla, que cobra durante a festa un especial protagonismo.

Sen dúbida, Lugo ofrece o marco idóneo para este tipo de festa. Outro elemento clave que non podemos esquecer é a implicación das súas xentes, os axentes sociais, colexios, asociacións, clubs deportivos... Xa sexa con roupas romanas ou castrexas, toman as rúas durante toda a fin de semana, participando activamente no espírito da festa.

Grazas ao esforzo conxunto do goberno local, da cidadanía, das asociacións de recreación histórica e de diversos organismos privados que colaboran a través do seu patrocinio, o Arde Lucus foi medrando, converténdose nunha conxugación perfecta entre ocio e cultura, nun referente a nivel nacional, cunha grande repercusión mediática e de afluencia de público, e consolidouse de tal xeito que no seu décimo aniversario (MMXI) logrou o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego.

Moitas son as sorpresas que atoparedes nas rúas e prazas do renacido Lucus Augusti. Lume, música, seres de lenda, guerreiros e guerreiras celtas e lexionarios romanos, civitas e visitantes, seres mitolóxicos... Non teredes que aguzar moito a vista para topar con eles, pasea polas nosas vías e comparte o noso pasado.


MACELLVM

Punto de reunión por antonomasia, o mercado é un fervedoiro constante de actividade. Xentes indo e vindo, exóticas mercadorías procedentes de todos os recunchos do imperio, maxia..., todo o que poidas imaxinar, e aínda máis, atoparalo no Macellum do Arde Lucus. E non temades nada, a Cohors I Lucensium ten instalado o seu campamento nesta praza, salvagardando a seguridade da cidadanía do imperio.

CASTRA DE LVCVS AVGVSTI

O campamento do Arde Lucus é moito máis que un asentamento militar do imperio romano, é un espazo cheo de vida, cunha continua trasfega no seu interior. Lexionarios e gladiadores, xentes de Lucus Augusti e doutras zonas do imperio conviven e comparten espazo con diferentes tribos castrexas. Aquí poderás participar en moitas e variadas actividades, teñas a idade que teñas, e poderedes visitar as xentes de Terra Copora, a cidadanía de Civitas Lucensis, a cabalería de Lucus Equites, as tribos de Tir Na N'Og e Lugdunum e as familias romanas de Caetra Lucensium.

CIRCVS

O esplendor de Lucus Augusti debe reflectirse tamén na categoría do espectáculo que a Roma clásica lles ofrece ás e aos civitas: O CIRCO! Na súa area loitarán a morte os máis importantes gladiadores do imperio, e o seu público será o máis entregado e fervente que se teña visto en toda Hispania.

ASENTAMENTO GALAICO

Queredes visitar a unha tribo galaica?, achégate ao campamento de Trebas Galaicas, coñecerás de primeira man o día a día deste pobo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine