Pérez-Lema, Avogados e Consultores foi fundada en maio de 2009 polo que segue a ser o seu socio-director, Xoán Antón Pérez-Lema.

A equipa abrangue outros tres avogados asociados internos, dous avogados colaboradores externos, dous xuristas-bolseiros e un Departamento de Administración composto por dúas persoas.

Cunha dimensión mediana, se o situamos en comparanza con outros bufetes de Galicia, Pérez Lema Avogados e Consultores é líder en Dereito Bancario, con máis de 400 casos resolvidos en preferentes, subordinadas, cláusulas-solo, valores e bonos convertíbeis, depósitos estruturados e outros produtos tóxicos ou fraudulentos.

O despacho está tamén abondo especializado en reclamacións de consumidores e pemes contra empresas de seguros, telecomunicacións e de distribución eléctrica.

Especialización en Dereito Civil e Fiscal de Sucesións

Nos últimos meses, o despacho acadou unha importante especialización en reclamacións contra bancos polos pagamentos efectuados a promotores por contratos de venda de vivendas a prazo (Lei 57/1968).

O traballo deste despacho foi clave para que o Tribunal Supremo terminase recoñecendo que as apartacións e melloras, outorgadas a prol de fillos, netos e outros, non pagaban IRPF para as persoas que entregaban os bens. “Galicia é un bó País para a sucesión”, dí Xoán Antón Pérez-Lema, “a nosa normativa propia, de Dereito Civil e Dereito Fiscal galego garante un bó tratamento tributario da sucesión, sempre que as persoas busquen o asesoramento xurídico preciso”.

O despacho vén de reforzar recentemente o seu departamento de Dereito Administrativo, especializado no asesoramento a pequenos e medianos concellos e en consultoría e litigación na materia da contratación público-administrativa.

“Fronte aos grandes almacéns de servizos xurídicos, fronte ás grandes superficies comerciais que neste sector representan os grandes despachos, nosoutros ofrecemos proximidade, comprensión do modo de ser do cliente e especialización no concreto, pero enfocando globalmente a necesidade. E, sobre todo, xestión da confianza. Atendemos ben, rápido e seguro. E somos da casa”, afirma Pérez-Lema, quen non dubida en sinalar “o noso xeito de traballar é o da proximidade, pero coa mesma especialización e nível tecnolóxico dos grandes despachos e cunha mellor comprensión dos problemas e do xeito de ser e pensar dos clientes”

Pérez-Lema Avogados e Consultores desenvolve toda caste de servizos xurídicos de litigación e consultoría en xeral, nomeadamente nos ámbitos dos Dereitos Mercantil, Corporativo, Administrativo, do Consumidor, Laboral, Concursal e Paraconcursal e D Penal Económico e Social. As súas oficinas centrais están no número 4 da rúa Fontán, preto da coruñesa Praza de Ourense.