Dado que o Nadal é unha das épocas do ano no que máis residuos se producen, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) divulga un decálogo de boas prácticas para que os cidadáns interioricen a importancia dun consumo responsable nestas datas. Por eso, pide reflexionar sobre a elevada cantidade de residuos que se produce a diario e modificar hábitos que permitan unha xestión sostible dos refugallos como a planificación.

Unha das campañas realizadas por Sogama para concienciar á cidadanía sobre a importancia da reciclaxe. | l. o.

-Consumo responsable. Desde Sogama aconsellan non caer nestas festas nas compras compulsivas, senón planificalas con suficiente antelación para non ser vítimas das présas de última hora, co risco do incremento o de prezo dalgúns artigos. É recomendable mercar só o que realmente se precisa, axustándose ao presuposto de cadaquén e sen deixarse levar pola publicidade.

-Adornos de Nadal respetuosos co medio ambiente. Para crear un ambente de Nadal no fogar, un elemento clave é o clásico abeto. Se se opta por un natural, hai que asegurarse que ten suficientes raíces e cepellón (terra adherida), regalo e afastalo da calefacción para que dure o suficiente. E, concluído o Nadal, levalo a un punto de recollida onde o trasplanten. Tamén se debe dar preferencia aos adornos reutilizados e elaborados con materiais reciclados e empregar luces de baixo consumo e con temporizador.

-Evitar o despilfarro alimentario. España é o sétimo país da Unión Europea que máis comida malgasta, uns 7,7 millóns de toneladas anuais. Con sinxelos xestos é posible invertir esta tendencia. Por exemplo, coa elaboración dunha lista da compra co que realmente se precisa, a colocación dos alimentos na despensa por orde de prioridade en canto ao seu consumo, a conxelación dos máis perecedeiros, a vixilancia do bo funcionamento do frigorífico e a diferenciación entre data de caducidade e consumo preferente. Estas e outras recomendacións figuran na páxina www.aproveitadoquechesobra.es.

-Aproveitar as sobras das comidas. Con elas pódense elaborar suculentos e atractivos menús. O libro de receitas de cociña Para repañar o prato!, á disposición do público en www.sogama.es, pode servir de axuda. Aí recóllense deliciosos primeiros e segundos pratos, así como sobremesas, que foron elaborados con sobras de comidas, ademais dunha serie de trucos para conservar os alimentos por máis tempo.

-Consumir produtos locais e de tempada. Adoitan ser máis saborosos e económicos, e teñen unha menor pegada ecolóxica.

Un dos composteiros repartidos por Sogama nunha finca. | l. o.

-Agasallos “verdes”. Os obsequios feitos con materiais reciclados, duradeiros e ecolóxicos son unha boa opción. E para o envoltorio, pódese botar man de papel usado ou reciclado. Cun pouco de imaxinación é posible conseguir resultados sorprendentes.

-O poder dos 3R. Reducir, Reutilizar e Reciclar de forma permanente. Reducir a produción de lixo, reutilizar ao máximo os produtos para alongar a súa vida útil —o tarro da marmelada pódese converter nun lapiseiro e tamén nun floreiro— e clasificar os residuos en orixe para reciclalos e transformalos en novos produtos.

-Cada cousa ao seu sitio. A reciclaxe só é viable se houbo previamente unha separación dos residuos por tipoloxías e un correcto depósito no contedor correspondente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; contedor específico para pilas; contedor verde convencional para a fracción resto. Os puntos limpos municipais están destinados a acoller os refugallos que, dadas as súas características, non se poden depositar nos contedores habilitados a pé de rúa: voluminosos, de liña branca (electrodomésticos) e de liña marrón (mobles), fluorescentes, aceites... A través de www.oportunidadesparareciclar.gal podes obter toda a información sobre o sistema de recollida selectiva en Galicia.

-A autocompostaxe. Nas vivendas unifamiliares con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo), existe a opción de compostar a materia orgánica producida no fogar e obter un abono natural de alta calidade co que substituír aos fertilizantes artificiais. Se non hai un composteiro, na páxina www.compostaconsogama.gal explícase como facelo.

-Máis conciencia ambiental. Non debe decaer o empeño despois do Nadal e hai que manter as boas prácticas ambientais, incorporándoas á vida diaria como un hábito máis e cooperando na concienciación cidadá. O esforzo paga a pena: un mundo mellor, para nós, os nosos fillos e as xeracións vindeiras.