Co gallo do décimo aniversario dos PREMIOS OPINIÓN decidiuse impulsar unha iniciativa especial para festexar esa data tan especial. A idea foi crear unha banda para que interpretase pezas de discos que foran galardoados en anteriores edicións do premio. A dirección musical da formación recaeu no prestixioso músico Pedro Lamas. O nome elixido para o grupo foi Axada (significa vento forte) e estivo formado por dez músicos, incorporando unha potente sección de vento, o que fixo deles un conxunto pioneiro nese vieiro, xa que no folk galego nunca se contara cunha formación desas características. Na gala que lles serviu de presentación interpretaron sete temas, tres deles cantados, onde se puido apreciar a bela voz da cantante Begoña Lorenzo. Axada voltará ao escenario na gala a celebrar o vindeiro ano, que servirá para conmemorar a décimo quinta edición dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz.