Os máis dos meus delirios xuvenís e futuristas nos que daba por seguro un futuro, que daquela parecía remoto, transitado por coches voadores, ás portas da teletransportación, ou cos avances da medicina rexenerativa poñéndonos nas beiras da eternidade... Todos eles estaban xa no ano 2000 (hai quince anos) gardados nunha carpeta coa etiqueta "ciencia ficción". Hoxe, no 2015, debo imaxinar a Coruña do 2030. E teño que recoñecer, con pesar e mala conciencia, que os pensamentos que primeiro emerxen poden cualificarse case todos de "temores". Medo a que as crises e a manipulación da opinión pública fagan dunha cidade que ten por lema "onde ninguén é forasteiro" un reduto pechado e desconfiado, satisfeito do redondiño que é o seu embigo. Medo a que sigan aparecendo mega centros comerciais que morren ao pouco, coma cogomelos efémeros. Medo a que non sexamos quen de ordenar o tráfico, o aparcamento, o transporte público, e rematemos colapsados. Medo do "ata aquí chegamos", e quedar sen conexión

ferroviaria rápida coa "metrópole". Medo de que o pragmatismo perverso e resignado convenzan

á maioría de que a cultura, a sanidade e a educación son luxos que quedan "por enriba das nosas

posibilidades"...

Fago entón o esforzo, tomo un ibuprofeno (que os temores inflaman as meninxes) e procuro un anaco de chocolate negro puro (que din que estimula a produción de endorfinas), da reserva que sempre teño no estudio „coma quen ten a botella de whisky agochada nun arquivador„, e me dispoño a facer unha proxección "en positivo". É posible que sexamos quen de amañar o asunto do transporte. Mellorar e abaratar a oferta pública, asumindo mesmo unhas certas "perdas" durante un tempo limitado, ata convencer aos cidadáns da eficacia da opción. E posible que se cumpran os compromisos previos e no 2030 o desprazamento por tren á capital sexa tan rápido como o é xa para tantos outros cidadáns españois. Xa empezo a notar os efectos do cacao! Mesmo recuperaremos o centro da cidade vivo para o pequeno comercio (haberá que "reconsiderar" o desexo de cobrar mensualmente polo alugueiro do baixo un soldo de directivo, iso si...). Vexo os Museos Científicos ben dotados e atendidos, con moreas de visitas didácticas dos centros de ensino de toda a provincia. Vexo a Orquestra Sinfónica de Galicia cunha programación estable, o Pazo da Ópera ateigado de público. Si que fai efecto o chocolate, si. Vexo os accesos á cidade ben planificados, con enormes espazos aparcadoiros nas aforas, gratuítos (apenas teñen mantemento; ben o saben os alcaldes con polígonos industriais e comerciais desertos) dende os que coller ese estupendo transporte público que nos levará a calquera punto da cidade. Vexo o Colón e o Rosalía con programación ininterrompida, tanto musical coma teatral. Vexo o Atlántico levándose por diante, un inverno máis, anacos da balaustrada do paseo marítimo. Iso non importa! É o pago mínimo que hai que asumir por ficar aquí, no Fin da Terra, deitados no Océano! Vexo... Vexo a delegación territorial de Radio Televisión Española nunhas relucentes instalacións noviñas, modernas, axeitadas, eficaces, nunha nova localización, do trinque... E logo...? No edificio da Terraza? Vexo... Ai, mi madriña! O Museo Nacional do Cómic!!

Paseime co chocolate. Se cadra interacciona co ibuprofeno.