Acidade que viu nacer hai quince anos LA OPINIÓN A CORUÑA era ben distinta á de hoxe en día. Tres lustros despois, vivimos neste ano quince que tantas cousas cambiou e que, sen renunciar ao bo traballo que outros puidesen facer antes, pretende tamén ser o comezo dun novo tempo, o foguete que anuncia a posta en marcha dunha outra cidade, pensada por e para a xente, dinámica e aberta, próspera e orgullosa, valente e participada.

Nesa proxección, soñar A Coruña de 2030, dentro de quince anos, é pensar aquí e agora. Son moitos os meus desexos para ese horizonte, no que é tan seguro que eu xa non ocuparei a Alcaldía „teño o compromiso ético de non permanecer no cargo máis de oito anos„ como que seguirei a ser un coruñés máis, dos de abaixo, xente común. Mais agora estou onde estou, o que non impide que as miñas arelas para dentro de tres lustros sexan en moitos casos de enorme sinxeleza, puro sentidiño.

Quero pensar, e para iso traballamos arreo todos os días, que o modelo de cidade que hoxe defendemos desde María Pita non será dentro de quince anos un lastre para ninguén. Por desgraza, a aposta que nos rexía tres lustros atrás e que se estendeu no tempo case ata hai escasos meses segue a supoñer un duro obstáculo varado na mesa do despacho, que non sempre permite a este Goberno centrarse en novas iniciativas, ao verse obrigado antes a resolver vellos problemas urbanísticos, ambientais, habitacionais, clientelares

ou xudiciais. Que aquel que ocupe a Alcaldía da Coruña en 2030 non poida dicir que ten as mans atadas, no peor sentido, por algunha decisión tomada polo Goberno actual, sería para min e para os meus compañeiros e as miñas compañeiras un motivo de orgullo. Que, polo contrario, no benestar dese tempo se poida mirar cara a este histórico 2015 coa perspectiva de que aquí agromaron as ideas dunha cidade mellor, é o noso obxectivo.

A Coruña de 2015 debe ser a da xente. Pode parecer unha obviedade, pero a frase dá con todo o seu sentido cando se repara en que durante demasiados anos foi unha elite minoritaria e excluínte a que repartía os carnets de cidadanía e acceso aos bens comúns. Vai rematando esa etapa, e oxalá dentro duns anos só ocupe andeis nunha hemeroteca. E oxalá para entón as páxinas vivas dos xornais, en papel ou na pantalla, non falen

dunha ría envelenada, de asentamentos precarios, de altos índices de desemprego, de corrupción, de esperas interminables nos hospitais ou de programas incumpridos.

2030 é hoxe o futuro. Pero non está tan lonxe. Os piares deben construírse agora. Iso facemos cando pensamos a cidade e lanzamos propostas que encaixan á perfección coa Coruña que vén, a que confía nos coidados, a cultura e o coñecemento como fontes de riqueza, sen renunciar a outras máis tradicionais. Unha urbe sempre avanzada, en constante complicidade coa súa universidade e coas novas tecnoloxías. A Coruña dos barrios e da accesibilidade, onde os métodos de transporte non choquen co interese da cidadanía e as présas e os beneficios duns poucos non se alimenten das vidas de moitos. Unha cidade que volva mirar para o seu berce marítimo, e na que estean a disposición de todos e todas os terreos pegados á beira atlántica. Unha Coruña que vaia máis alá, que estea conectada coa súa área metropolitana „e co resto de Galicia„

cooperando e traballando en rede. Unha cidade universal da que se fala con admiración, que non busca a tirapuxa con ningunha outra.

Estamos a poñer as primeiras pedras dunha Coruña que se pareza como nunca á Coruña real. E que se iguale ás mellores cidades de Europa, nesa Liga de Campións na que podemos xogar tamén en Riazor. E que loita por gañar partidos tan relevantes como os da igualdade e a diversidade. E que, estou convencido, pode ser dentro de moi pouco, e por suposto en 2030, unha capital da participación cidadá, unha referencia en canto a transparencia, un modelo a seguir en innovación e profundización democrática. Nos últimos meses, esta cidade volveu chamar a atención pública de todo o Estado por iniciativas como o Escano Cidadán. Insistamos. A democracia real que tantas persoas pediron nas prazas é agora unha das prioridades no pazo.

"A túa Opinión conta" foi a frase que usou no ano 2000 LA OPINIÓN A CORUÑA para saír á rúa e sumar pluralidade á prensa local. Quince anos despois, ese lema mantén todo o seu significado. Dentro de quince anos, soñamos con que supoña unha absoluta realidade. E que A Coruña sexa coñecida por múltiples facetas. Entre elas, e nun lugar moi destacado, o de ser unha cidade construída por todas as opinións e todas as persoas. Por todas as mans. Pola xente común. O auténtico goberno.