Estes quince últimos anos na comarca da Coruña saldáronse con importantes avances en infraestruturas e servizos. Algunhas das actuacións previstas no plan de estradas asinado polos concellos en 1998 foron desenvolvidas. É o caso da terceira rolda, os accesos ao aeroporto, parte da vía ártabra, a mellora das entradas aos polígonos industriais de Arteixo, os accesos ao porto exterior de punta Langosteira, así como outras infraestruturas viarias de menor importancia.

En cuestións de saneamento, grazas ao traballo realizado polos concellos „especialmente os lindeiros coa ría da Pasaxe„ mellorouse notablemente a nosa calidade ambiental. Elimináronse a práctica totalidade dos vertidos á ría e á baía da Coruña, creouse unha ampla rede de bombeos „no caso de Oleiros, 25„, púxose en funcionamento a macro depuradora de Bens e outras instalacións máis pequenas en varios concellos. Agora tan só faltaría por acometer ese ansiado dragado da ría da Pasaxe para culminar o proceso.

No transporte seguen sen solucionarse os problemas existentes desde hai décadas debido á compracencia da Xunta de Galicia. As medidas adoptadas polos diferentes gobernos de Santiago, que son os que teñen as competencias neste asunto, limitáronse a cofinanciamentos das tarifa que pagan os usuarios. Foi grazas ao compromiso dos concellos, e o seu esforzo inversor no pago desa cota en determinadas liñas, como incrementou o número de usuarios. Aínda así, a día de hoxe, decenas de parroquias de toda a comarca da Coruña seguen illadas.

Ademais de todo isto, tamén se produciron importantes avances en servizos sociais, cultura, deporte e medio ambiente, o que non impide que teñamos que mirar cara o futuro.

Ese futuro estará cheo de retos, como a eliminación total das instalacións e das actividades contaminantes existentes no Porto da Coruña. O solo foi ganado ao mar, polo que pertence a todos os cidadáns e, polo tanto, debe ser empregado para a creación de zonas verdes e áreas recreativas e deportivas. A mellora do noso medio ambiente tamén virá cos novos sistemas de depuración e coa construción dos bombeos e tanques de tormentas necesarios.

Non menos importante é a construción de novos depósitos de abastecemento de auga potable en Bergondo e en Coroto (Oleiros) que garantan a subministración ás áreas de maior crecemento de poboación, especialmente aos concellos de Cambre e Oleiros. Igualmente habería que realizar unha profunda renovación das redes antigas que xa están obsoletas por outras máis resistentes.

En materia de infraestruturas viarias hai actuacións imprescindibles por facer como a ampliación de Alfonso Molina e a da Ponte da Pasaxe, a finalización da vía ártabra „conexión co Porto de Lorbé, coa AP-9 en Cambre e co núcleo principal de Sada„ ou a mellora dos accesos aos polígonos industriais. Non é menos importante a seguridade peonil e viaria, que require a dotación de beiravías e beirarrúas nas estradas dependentes da Xunta e da Deputación. Estas actuacións deberán completarse cunha rede de carrís bici que conecten os concellos de Arteixo, A Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.

Para que todo isto sexa posible é imprescindible a posta en marcha da Mancomunidade de municipios, na que tamén debe estar integrado o concello herculino. Tamén é preciso que exista colaboración mutua, lealdade e entendemento entre as distintas administracións municipais, provinciais, autonómicas e estatais.