Cada medio de comunicación que nace, como o fixo LA OPINIÓN hai quince anos, é unha sociedade que fala consigo mesmo. E nesa conversa, eu desexo que se escoite sempre, e cada vez con máis forza, á Galicia „e A Coruña como parte dela„ que nunca se rendeu e que pode contar pequenas e grandes historias de persoas que xamais se dobregaron diante do infortunio.

Sería inxusto coa nosa terra seguir unha dieta diaria e exclusiva de malos augurios, de novas desalentadoras, de prognósticos ingratos porque, lonxe diso, todos somos testemuños tanto do sufrimento como da capacidade de superación desta terra.

En calquera anaco do noso país hai exemplos que demostran que o destino non é inexorable, e as páxinas de LA OPINIÓN poden ser unha proba diso. Nelas ten cabida a faceta máis urbana da Coruña e a súa área metropolitana. O seu compromiso coa arte, coa ciencia, e o seu perfil universitario, deportivo e turístico. O espírito dunha cidade marítima que atopa no seu litoral un recurso pesqueiro pero tamén loxístico. E as inquedanzas dunha urbe cunha sólida industria que mira ao exterior.

Hai, por iso, no aniversario de LA OPINIÓN algo máis que unha razón para felicitar á súa plantilla e á súa dirección. Hai tamén unha oportunidade para non esquecer que todos, desde as nosas respectivas responsabilidades, facemos fronte a unha época que esixe valentía.

Certamente, o futuro inmediato de Galicia preséntase como un reto que convén afrontar con decisión, para que a inercia da crise económica que sufrimos nos últimos anos non impida comezar a aplicar novas políticas, útiles para consolidar a recuperación económica que estamos iniciando.

Do mesmo xeito que a sociedade galega se adiantou ao resto de España para adoptar as medidas necesarias na recesión, tamén agora ten a vocación de xerar o clima preciso para que a recuperación se poña de manifesto máis aló das cifras estatísticas, con efectos cada vez máis evidentes sobre as mulleres e os homes que están detrás da microeconomía, é dicir, as galegas e os galegos.

Isto supón dispoñer dunha política fiscal e tributaria máis xusta para todos os contribuíntes, e poder falar de máis emprego para os mozos e mozas e outros colectivos de difícil inserción social. Significa que non só medre a economía en termos macro, senón que o fagan todos os sectores estratéxicos, especialmente o primario. Que cada persoa que teña unha idea conte cunha rede de viveiros e cunha proposta fiscal para impulsala, ou que a industria se modernice a través da innovación.

É dicir, que a recuperación chegue ao conxunto dos galegos, incluída á xente que a fixo posible, como os empregados públicos „a quen entre este ano e o que vén se lles vai devolver a paga extra correspondente a 2012„, ou á clase media, á que lle temos que recoñecer o esforzo feito nos últimos anos.

Avogo por que as crónicas de

LA OPINIÓN e de todos os medios de comunicación da nosa terra poidan seguir facéndose eco de cada avance da nosa terra, convencido como estou de que cada paso adiante que damos como país é un incentivo para seguir cumprindo novos proxectos de futuro.

Ese referente é necesario para todos. Tamén para o equipo de profesionais que forma parte deste proxecto editorial e aos que quero saudar especialmente a través destas liñas, consciente do esforzo extra que hoxe en día supón para un xornal sacar á rúa cada edición impresa.

Agradezo que me permitiran participar nun pequeno anaco desa historia e convídoos a que dende estas páxinas A Coruña, Galicia, poida seguir falando consigo mesma, mirando sempre cara o futuro, mirando sempre cara adiante.