Todos sabíamos que o nacemento dun novo xornal ía ser importante para esta sociedade. A min, directamente, LA OPINIÓN cambioume a vida.

Aquela cidade monocorde „tamén na información, onde as crónicas da prensa dominante case sempre coincidían en forma e fondo coas notas Concello„ esfarelouse de vez.

De súpeto descubrimos que existían outros discursos, outras propostas, moitos máis problemas, e, sobre todo, moita máis Coruña.

Diante daquela "cidade-estado", sempre atenta a repeler os agravios do espazo exterior, nestas páxinas agromou por fin a "cidade-barco".

Desculpen que fale de min, pero é o exemplo que teño máis a man. Andaba daquela en Radio Coruña, coa Tropa da Tralla. Cada programa os ouvintes achegábanos estímulos a eito „bohemios de antes, pedras percebeiras, e cántigas de carnaval„ dunha cidade invisible. Un día saudoume pola rúa o sorriso de Carmen Merelas. Non é un piropo fácil á actual directora. Simplemente a descrición da principal característica da súa face: Queres colaborar no xornal?

Avante toda. Comecei a levar a papel esas descubertas radiofónicas, e comecei a practicar tamén un ritual marabilloso, deses que enchen de contido o verbo "coruñesear".

Falamos doutra dimensión temporal, doutra era xeolóxica, abofé. Hai quince anos o correo electrónico era aínda unha exótica novidade. Cada semana saía da casa co meu disquete pola rúa da Torre abaixo, Campo da Leña, Mercado, praza dos Ovos€ Até entregalo, entre tabernas de avoengo, no edificio de LA OPINIÓN, no centro místico da rúa da Franxa.

Polo camiño case sempre atopaba a algún talento que me ofrecía, en breve conversa, unha dose de argumentos para novos artigos. Grazas a esta disciplina semanal, as colaboracións acabaron converténdose en Contos da Coruña. Un libro que, dende entón, non deixou de che me dar alegrías.

Tempos primeiros, aquela proximidade extrema „un xornal inserido, fisicamente, na cerna da cidade„ continúa. Aconteceu este domingo, a asociación Roxín Roxal organizou un roteiro sobre as Irmandades da Fala. Camiñabamos pola rúa Real detrás da erudición de Moncho do Orzán. E de súpeto aparece coa cámara „outro pai fundador de LA OPINIÓN„ Víctor Echave: "Aínda non sei o que facedes, pero vou quitarvos unha foto!".

E agora o futuro. Non teño nin idea do que vai acontecer na cidade nos próximos quince anos, mais si sei o que me prestaría. Receita sinxela: Deixémonos de negocietes provincianos ( montar un macrocentro comercial „para beneficio dalgún construtor„ e pechalo aos cinco anos, por exemplo). E pousemos os esforzos todos na nosa verdadeira industria: o mar.

A Coruña non é periferia de nada. É un centro do mar. A tese non é miña. Díxoo, con palabra grande, a poeta Luísa Villalta:

O meu nome é o da Cidade

Alta.

Nacido onde a luz e o mar

Se están orixinando mutuamente.

Asumamos con orgullo esta condición de centralidade. A Coruña naceu no mar, e nese mar ten que ter o seu futuro.

Por iso agardo que o peirao pesqueiro, aquel que foi pioneiro nas augas de Terranova e Gran Sol, chegue a rexurdir até se converter nun modelo para o Mundo de pesca sostible. Sostén dunha hostalería baseada na excelencia, para que algún día os turistas que baixan dos transatlánticos saiban o que é comer peixe fresco na propia ribeira.

Agardo unha ría limpa, que volva a ser famosa pola súa ameixa. O marisqueo, ese

gran cultivo ecolóxico, que

inventaron as mulleres antes

de que ninguén falase de piscifactorías. Subliño un dato: hai

dúas décadas a ría daba traballo a máis de dúas mil persoas. Agora quedan cen.

E soño que algún día esta cidade-barco teña como gran praza „así o vin en Helsinki ou en Lisboa„ o propio Mar. Co Palexco e o zurullo que ergueron ao lado transmutados nunha estación

de proximidade „as vías xa agardan tendidas polo porto adiante„ onde conflúan os tranvías das Mariñas todas.

Quizá a realidade non se adecúe enteiramente aos meus soños.

Si, é certo, non teño nin idea

do que vai acontecer. Mais estou certo que vou ser o primeiro en

sabelo, día a día nas páxinas de LA OPINIÓN.

Moitas felicidades a todas, a todos os que impulsastes durante tres lustros esta aventura. E de

remate (como dixo Alexandre

de Fisterra, inventor do futbolín)€ que continúe! Avante toda

LA OPINIÓN! Canta máis e mellor información saia da rúa da Franxa, máis fermosas serán as singraduras desta cidade-barco.

Medre o mar!