ASada do futuro témola que construir sobre tres pilares fundamentais. O primeiro, unha ordenación urbanística racional e equilibrada; o segundo, a colaboración coas institucións supramunicipais, fortalecendo á mancomunidade de municipios; e o terceiro, unha xestión política municipal seria, áxil, cercana e, sobre todo, transparente.

Sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal pivotará o crecemento de Sada en todos os aspectos, na nosa capacidade para recibir novos veciños, na reserva de espacios naturais e de disfrute para a xente, na planificación de futuros equipamentos deportivos, na oferta de vivenda protexida, na procura de solo industrial e na seguridade legal e xurídica que supón a calificación do solo do noso Concello.

Estarán garantidos os servizos básicos, auga e saneamento, acompañado dunha mellora nas comunicacións e na nosa rede viaria, axustada ao previsibel crecemento do noso Concello. Protexeremos as zonas verdes, os espazos naturais, as zonas de bosque e as de labradío que ainda existen en Sada, farémolo por compromiso coa nosa visión ecoloxista e polo tremendo potencial que supón para nós a todos os niveis, dende o turístico ata o de calidade de vida de veciños e veciñas.

Sada conta cun parque natural urbano único en Galicia, As Brañas, é fundamental protexer este humedal e, ao mesmo tempo, integralo na vida de Sada, pasará a ser un importante referente turístico, sobre todo nos meses de outono e inverno, e seguirá a ser unha importante reserva de flora e fauna. É traballo do noso goberno protexer este humedal, consérvalo e potencialo.

A rexeneración da praia urbana é fundamental. Sada non pode vivir de costas ao mar e contar cun areal limpo e saneado é a metade dese proceso de unión da vila co mar. A outra metade é a defensa do sector pesqueiro, de longa tradición e arraigo na vida, na cultura e na economía de Sada ao longo da súa historia. Dentro de quince anos, Sada ten que contar cunha flota pesqueira máis grande e sobre todo máis protexida polos gobernos central, europeo e autonómico. O Concello non se cruzará de brazos ante o desmantelamento do sector pesqueiro no noso país en xeral e en Sada en particular.

Máis alá da crise económica mundial que padecemos, temos que planificar un futuro de pleno emprego para Sada. Turismo, Pesca, Polígonos Industriais e Comercio, xerar postos de traballo dende dentro, conseguir que Sada sexa un bo Concello para vivir pero tamén para traballar. A axuda ás persoas dependentes precisa tamén de recursos humanos e económicos,

temos que ser un referente na comarca no coidado das persoas que máis o necesitan.

Moito máis cedo que tarde temos que ter resolto un problema tremendo no noso Concello, a falta de equipamentos deportivos. O asociacionismo deportivo en Sada medrou de xeito espectacular na última década, tanto que non se conseguiu dende o Concello crear infraestruturas suficientes para estar á altura da sociedade civil que cubriu carencias do propio Concello con traballo, tempo e imaxinación. Precisamos novas instalacións deportivas e mellorar as existentes.

No tocante á educación, temos que mellorar considerablemente os nosos centros educativos e plantexarnos a necesidade de facer outros, tamén temos que enriquecelos con actividades educativas e culturais.

A oferta cultural de Sada ten que ser un referente para o país, para iso é necesario invertir en cultura e descentralizar a oferta levándoa ás parroquias.

Na Sada do futuro necesitamos tamén un centro de saude moderno e accesíbel, unha demanda

histórica.

Non quero pasar por alto a participación cidadá. Sada será o que as súas xentes queiran que sexa, para iso temos que afondar nun regulamento de participación e camiñar cara orzamentos participativos, o mellor xeito de mellorar as cousas, ninguén mellor que a propia cidadanía para decidir en que invertir o diñeiro de todos.

Sada será isto e moito máis e farémolo entre todos e todas, non pode ser doutro xeito.