Vivimos nunha comarca dinámica, en constante movemento. Ano tras ano tratamos de programar novas actuacións e poñer en marcha novos servizos para ir mellorando o porvir dos nosos. Porque deso se trata a xestión pública: de empregar da forma máis coherente e eficiente os recursos para aumentar a calidade de vida dos cidadáns. O gran reto está precisamente en ter a destreza axeitada para garantir o cumprimento fiel desta premisa e facer evolucionar á nosa área metropolitana e ao noso concello.

O primeiro paso reside en identificar as prioridades de actuación. Neste senso creo que non debemos albergar ningunha dúbida: o benestar debe guiar a día de hoxe calquera programa ou acción desde as administracións públicas. E a busca do benestar vai desde a disposición de recursos para os máis desfavorecidos ata a dotación de equipamentos ou infraestruturas que melloren o noso día, tendo especial sensibilidade coas persoas desempregadas.

En todo isto, a incorporación da cidade da Coruña á Mancomunidade ten que servir de base para programar políticas máis potentes. Non se pode demorar máis. Vémolo en cuestións como o transporte metropolitano. Necesitamos

que os nosos veciños poidan conectarse co centro da cidade con moitas más facilidades. A súa rutina agradecerao, ao igual que o medio ambiente.

Esta unión concederanos

unha posición máis sólida para desenvolver estratexias cara ese benestar. E un estatus robusto fronte ao resto de administracións. Necesitamos unha base legal e un financiamento axeitados para poder levar a cabo as políticas que os veciños están a demandar dos concellos.

No apartado de infraestruturas crecemos moito e ben nos últimos tempos. A terceira ronda revolucionou a maneira de chegar desde Carral á Coruña. Pero seguiremos tendo importantes desafíos para os próximos anos, como a conclusión da vía ártabra, que no caso de Carral propiciará un novo acceso ao polígono industrial, que xera moita actividade económica.

A aprobación do Plan Xeral impulsará o desenvolvemento de Carral. Abrirase un planeamento preparado para que os veciños conten con novos equipamentos culturais, deportivos e espazos verdes.

A distinción do territorio como reserva de biosfera debe ser un acicate para a actividade vinculada a este recurso turístico sostible, coa preservación natural por bandeira. Ao igual que o Camiño Inglés a Santiago, que temos o reto de promocionar cun plan específico que o consolide entre todas as variantes.

O aproveitamento dos recursos autóctonos será outro dos obxectivos. Dispoñemos de recursos que ata o de agora non potenciamos o suficiente ou que están esquecidos. Hai que dar un pulo ao comercio e a hostalaría local coa iniciativas vinculadas á marca de calidade da reserva e a denominacións de orixe coma o Pan de Carral. Somos afortunados de contar con produtos inigualables.

En esencia, temos o reto de facer valer que vivimos nun enclave estratéxico, con recursos endóxenos moi válidos para seguir

crecendo e mellorando. E sobre todo temos un potencial humano extraordinario. Estamos orgullosos de ser de aquí. Necesitamos seguir evolucionando. A seguir medrando.