Con motivo do 15 aniversario de LA OPINIÓN, @s benquerid@s compañeir@s deste diario pídenme que lles escriba un artigo de opinión, valla a redundancia, no que fale de onde quero que estea a cidade dentro de quince anos. A verdade é que como querer, quero que siga estando en Galiza, a poder ser no noroeste, coa súa península ben colocadiña e o mar no seu sitio. De feito, só pensar en que puidese estar noutro lugar, asústame.

Bromas aparte, obviamente o que querían era que escribise sobre A Coruña na que me gustaría vivir dentro de quince anos. Podería comezar a dicir que do que máis gostaría é poder vivir e traballar dentro de quince anos na Coruña.

Gostaría dunha cidade na que os barrios, conservando a súa esencia urbana ou rural, gozasen dun bo coidado e dunha boa comunicación entre si, que contasen cun sector estratéxico da cidade vital: o pequeno e mediano comercio, e que os espazos que agora non se empregan se convertesen en espazos libres e verdes para que a xente, @s nen@s, puidésemos desfrutalos.

Gustaríame que na miña cidade dentro de quince anos o pobo fose quen máis decidise. Unha Coruña, exemplo da participación de todas as persoas, onde se puidese decidir sobre os orzamentos municipais e sobre as políticas públicas. Gustaríame vivir nunha cidade socialmente máis xusta onde quen máis cartos gañase fose quen máis impostos pagase. Gustaríame que os cartos públicos servisen para soster e afortalar os servizos públicos e para crear empregos de calidade no lugar de regalarllelos ás empresas para ofrecernos servizos polos que aínda por riba temos que pagar. Unha cidade que deixe de vivir de costas á súa universidade pública, e pase a vivir máis dela.

Cando eu tiver corenta e catro anos, gustaríame que na Coruña non ficasen vivendas baleiras, nin existisen os asentamentos precarios, de modo que o dereito a unha vivenda digna fose algo máis que papel mollado nunha Constitución caduca e allea.

Gustaríame unha Coruña integrada na comarca, motor do noso país, orgullosa do noso país, da nosa lingua e da nosa cultura. Gustaríame unha cidade que en quince anos fose sabedora e coidadora do que o mar nos pode ofrecer, sabedora do que a Robaleira ou o mar de María Antonia son. Quero unha ría do Burgo limpa dentro de quince anos, unha ría capaz de acoller, como hai anos, milleiros de persoas faenando. Quero que a miña cidade en quince anos sexa máis respectuosa co medio ambiente e cos animais.

Gustaríame unha cidade na que o tren e o barco servisen para movérmonos pola comarca e que o transporte urbano fose público, útil e económico. Tamén me gustaría unha cidade na que poder ir camiñando a todas partes, sen xogarte o tipo, fose unha realidade.

Gustaríame unha cidade diversa mais sen exclusións, accesíbel para todo o mundo. Gustaríame unha cidade libre de violencias machistas e de desigualdades, na que as mulleres gocemos das mesmas oportunidades que os homes.

En definitiva, e aínda que soe a lema electoral „porque o foi„ gustaríame unha cidade pública, galega, social, ética e de barrios: porque ese é o noso soño, esa é na que cremos no BNG-Asembleas Abertas, esa é a que queremos para o ben da nosa cidade e de Galiza.

E nesta cidade que quere o BNG, terá que seguir existindo o xornalismo de calidade e, polo tanto,

LA OPINIÓN. Milleiros de outonos máis e parabéns a todo o equipo e a toda aquela persoa que, dun ou doutro xeito, contribuira a sumar os quince anos do periódico.