A planificación do futuro da nosa comarca debe ir absolutamente ligada ás necesidades máis fundamentais das persoas que a conforman. A situación económica actual segue a ser complicada para moitas familias e por iso os nosos esforzos han de orientarse en primeiro lugar a medidas sociais que promovan a igualdade de oportunidades e a impulsar políticas de crecemento económico.

Quizais estas tarefas non correspondan apenas ao ámbito de competencias das administracións municipais. Pero como representante dun Concello teño moi claro que na medida das nosas posibilidades temos que propoñer alternativas que apoien decididamente aos nosos veciños e veciñas.

Desde logo que todo sería máis sinxelo cun marco lexislativo axeitado que responda á realidade da cidadanía. Os Concellos somos a institución máis próxima ao veciño, á que mellor atención específica e personalizada pode ofrecer para solucionar da maneira máis efectiva os seus problemas. Por iso a materialización dun acordo entre administracións e lexisladores que proporcione un reparto lóxico de competencias e con fontes de financiamento acordes lograría un panorama estable e enriquecedor para a xestión municipal.

Con ese marco teremos o reto de seguir incrementando os servizos conxuntos entre os municipios da área metropolitana, aproveitando as maiores posibilidades e a maior calidade que propicia a unión de forzas. Tomemos como exemplo o Consorcio As Mariñas, co seu gabinete de inserción sociolaboral. As áreas de benestar, como servizos sociais, educación, cultura, deporte ou emprego teñen aínda un longo percorrido de mellora se sumamos alianzas.

Neste sentido, a incorporación da cidade da Coruña será un obxectivo inminente para apuntalar o espírito metropolitano de

traballo conxunto. Seríamos máis fortes e potentes para ofrecer

servizos públicos menos custosos e máis eficientes aos cidadáns, que non entenden que os límites territoriais sexan unha traba para crecer.

En coordinación coa cidade teríamos o gran reto de poñer en marcha un sistema de transporte que mellore notablemente a mobilidade. O tren de proximidade, un mellor plan de autobús interurbano con posibles aparcadoiros disuasorios, e mesmo sendas peonís e ciclistas serán os ingredientes dun sistema que debemos acordar cos usuarios para que responda de verdade ás súas necesidades.

Hai que incentivar o transporte público, pero sen esquecer os retos que aínda temos de mellora de infraestruturas. En Bergondo esperamos que o Estado invista na mellora da Nacional VI ao seu paso por Guísamo, Raxás e Cortiñán. E a eliminación da peaxe da autopista AP-9, petición xusta dado o seu funcionamento como vía de comunicación diaria para o traballo de miles de cidadáns.

O planeamento urbanístico debe marcar o crecemento de Bergondo nos vindeiros anos. Os retos de futuro estarán no aumento dos equipamentos públicos, completando aos xa existentes. Un campo de fútbol, a creación dun paseo costeiro por Gandarío, a ampliación do colexio serán algunhas das propostas.

E a Reserva de Biosfera é outra das figuras que debe crecer. Xa temos emprendedores asociados ao territorio e cremos que á marxe de promover iniciativas de emprego, e de turismo, é aínda moi grande.

Temos ante nós un camiño repleto de desafíos para crecer, para facer unha comarca mellor. Agora toca traballar sen descanso para aproveitalos.