A celebración dos quince anos de vida deste xornal e o seu convite a pensar na evolución da universidade nos próximos tres lustros merece unha pausa para reflexionar na situación actual da universidade e do seu futuro asociado ás tendencias do poder actual e á súa influencia. Como ten que ser a universidade?

Nun mundo globalizado en que a formación e o coñecemento van ser cada vez máis importantes, a universidade terá maior protagonismo tanto no local como no global e pode chegar a ser unha universidade Glocal. A universidade ten que saber compaxinar a súa actividade investigadora „xeradora de coñecemento„ coa súa función inherente „formadora„ creadora dun mundo mellor, máis xusto e sustentable. Estas dúas funcións cobren, así pois, dous espazos, o global e o local.

A misión da universidade é a xeración e a transmisión do saber e a súa implicación coa sociedade é máis complexa que a percibida por uns tratados internacionais que pretenden privatizar os servizos públicos. Hai preto dunha década Noam Chomsky cualificaba de "hostil" a redución do investimento na investigación con base na universidade, da que depende a economía avanzada. Indo máis lonxe, advertía o profesor do MIT dos negativos efectos que para a sociedade tería a identificación entre universidades e empresa, que "tende a propiciar os proxectos a curto prazo e o secretismo". A longo prazo, continuaba, as consecuencias poderían ser "graves".

Somos moitos os que concordamos nesta preocupación polo crecente control do mundo financeiro e mercantil sobre a educación, especialmente no nivel universitario. Con motivo da celebración este ano do 25 aniversario da Universidade da Coruña quixemos reflexionar sobre a universidade pública posible. Neste foro, o profesor Federico Mayor Zaragoza amosou así mesmo a súa estrañeza porque sexa a OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos) quen estea a dicir como ten que ser a educación.

No espazo europeo, a resposta que lle dan gobernos como o español á crise de ingresos públicos alimenta os temores dos que vemos con aprehensión a perda de prioridade da universidade nas políticas sociais. A universidade é un ben público, susceptible, obviamente, de melloras e reformas. Mais debemos rexeitar que as súas debilidades, agudizadas pola crise, se aproveiten para deixala nas mans dun mercado global

da educación superior ao servizo estrito de intereses puramente económicos.

Así que ante a pregunta de cómo ten que ser a universidade fronte a estas medidas privatizadoras, cabe pensar que só as novas maiorías sociais poderán impedir esa mercantilización do saber. Temos unha boa universidade, pero cos novos parámetros, no futuro será mellor.