Sen capítulos nin puntos e aparte, e a través dun monólogo interior en segunda persoa, Xosé Neira Vilas volve ao tema da emigración galega en Esperando ao leiteiro, unha das obras que presentou onte na Feira do Libro da Coruña. A presentación complétase con 100 anos do himno de Galicia, unha peza na que o escritor afonda na historia do himno, da primeira vez que se cantou, alá no decembro de 1907 na cidade da Habana. "Para este libro investiguei todo sobre a primeira vez que se cantou. A noite da estrea, a decoración do escenario, do teatro, quen o cantou, quen o tocou e todas as persoas que asistiron á estrea", explicou o autor, "pero tamén investiguei todo sobre anos posteriores, como celebramos o seu 75º aniversario, como o himno trascendeu a Galicia das mans de bandas de música e cando xa se adoptou oficialmente como himno" engadiu Neira Vilas.

Fluída e continua como as ideas e o pensamento humano, a obra Esperando ao leiteiro retoma un feito que pertence ás novas xeracións case tanto como representaba aos seus avós e bisavós: a emigración. "Vólvese repetir a historia, pero non é para nada igual. Antes quen emigraban eran os labregos, a xente de campo. Analfabetos e sen estudos que fuxían en busca dun futuro incerto" manifestou o escritor. "Os que o fan agora €prosegue€ son mozos e mozas de cidade, universitarios, e moitas veces marchan cun contrato xa de aquí. Son menos que antes e o seu futuro é máis predecible". Neste libro, como en outros do autor, a emigración volve ser a solución a todos os problemas económicos e sociais que atinxen á personaxe principal, un mozo sen nome quen, como Balbino en Memorias dun neno labrego, fai un repaso a toda a súa vida. Recorda a infancia, a escola, os xogos, a moza e os bailes. Todas as cousas que con 19 anos ten que deixar atrás polo futuro descoñecido que lle agarda. Mais dentro do drama que é a emigración, hai por primeira vez unha clave de humor. O humor representado según a forma particular de ver as cousas, humor dentro do que é a realidade, pero sobre todo o humor das vivencias na mocidade.

Trinta e un anos en Cuba son moitos anos vivindo fóra da terra, e por iso o escritor está escribindo as súas memorias dos anos pasados na illa caribeña. "O actual é sempre unha continuación do pasado. O que se escribe é unha recreación dos feitos que xa non existen, de feitos xa lonxanos, pero gravados na memoria" afirmou o escritor.

Xosé Neira Vilas é o derradeiro dos literatos galegos da súa xeración. Lémbrase de Isaac Díaz Pardo, amigo e compañeiro de profesión falecido a principios deste ano. "Isaac dicíame: só quedamos os dous da nosa xeración. E ben, agora só quedo eu. Non só era un bo artista e creador, tamén era un home excepcionalmente xeneroso", lembrou Neira Vilas.