Cando se fala de movida, todo o mundo se centra na madrileña, pero en Galicia €principalmente, en Vigo€ deuse tamén unha corrente musical liderada por bandas como Aerolíneas Federales, Golpes Bajos ou Os Resentidos.

-Como xorde este musical?

-Antón Reixa quería recuperar un momento de alta creatividade e de éxito, que mellorou a autoestima da xente galega.

-A movida naceu como un antidepresivo á actualidade que se estaba a vivir naquel momento. Podería darse agora unha sorte de movida coma aquela?

-Non sei se podería repetirse algo como aquilo, porque a verdade é que tivo moito de inocente. Agora estanse facendo cousas e hai oportunidades, tamén hai movida, pero igual é máis complicado unir á xente como se uniron naquel momento tantos grupos.

-Por que só se escolleron bandas de Vigo para Galicia Caníbal? Na Coruña había tamén movida con bandas como Viuda Gómez ou Radio Océano.

-No libreto orixinal había unha canción de Radio Océano, pero despois na montaxe non tivo lugar porque o groso da movida estaba en Vigo. En Santiago había tamén outro grupo, Séptima Convocatoria, en Pontevedra estaban Los Contentos... pero o pacto entre os artistas e o público deuse, sobre todo, en Vigo. Encantábame Radio Océano e deume pena retirar esa canción.

-Como reacciona o público?

-A xente nova é a que mellor o pasa, e está habendo reaccións en adolescentes que acoden cos seus pais, tíos... Eu creo que é polo rock and roll, que é unha linguaxe que continúa viva e para min é fantástico que os rapaces que non viviron esa época e nin sequera coñecen as cancións metan no seu Ipod ou mp3 os temas do musical. Iso remarca a orixinalidade do produto e amosa que a cultura rock pervive e atrae.

-Hai unha moralexa?

-Tendo a evitala, o único que busco é que o público se excite e se divirta. É unha historia de aventuras moi interesante, dunha rapaza sen ilusión que se atopa co espíritu da movida, cunhas coreografías incribles de Mónica García que marcan a diferenza.

-Que puxo Quico Cadaval neste espectáculo?

-Non moito, só busquei a vertente humorística, que é unha manía miña, e que o público se implicase, que non fose un mero espectador.