PRESENTACIÓN

Dirixido por:  Plácido Lizancos Santos

Comezamos hoxe coa primeira lección deste curso de Galego Práctico. Estiven tentado a empezar coa repetidísima frase de que estas leccións no xornal “veñen encher un oco”. Nin para os libros, nin case para os homes hai oco ningún neste mundo aglomerado; ademais a frase sería un tópico descualificador. Non será un estudo “científico”, profundo. Trataremos de que sexan estas leccións un medio práctico de comunicación tanto escrita como falada. Utilizaremos un galego común, normativizado. Evitaremos, sempre que poidamos, explicacións teóricas con regras gramaticais. Fuxiremos dun esaxerado afán diferencialista co castelán. Veremos como temos milleiros de palabras con igual valor semántico en galego, castelán e portugués por viren todas elas dunha árbore común: o latín.

O noso desexo é que ó facelo deste xeito, a aprendizaxe sexa máis doada -fácil- para todas as persoas, galegas ou non galegas, que desexen aprender dun modo rápido e práctico a nosa fermosa lingua. O propósito do curso é o de proporcionar a persoas de situacións vitais moi diversas, mesmo os non nativos, unha base idiomática completa para falaren e escribiren correctamente.

Quen non coñece a súa lingua vive pobremente, vive a medias. Hai moitos eivados, moitísimos inválidos da fala, hai moitos coxos, tocos, tolleitos da expresión.

Non queremos facer unha crítica académica. Seguiremos estritamente as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que en xullo de 2004 promulgou a Real Academia Galega. Como lingua nai, quen por vivir en contacto co castelán, está sometida a súa asoballante forza deformadora.

O falante de lingua nai castelá, que aprende galego como segunda lingua, segue a utilizar estruturas lingüístico-mentais castelás durante o proceso de aprendizaxe.

O noso será un galego asentado na fala e que esixe eliminar os castelanismos para evitar o “castrapo” e excluír o esaxerado radicalismo con respecto ó castelán.

Constará cada lección dunha resumida aclaración das posibles dúbidas solucionadas coas novísimas normas da Real Academia Galega e mailo Instituto da Lingua da Universidade de Santiago. A continuación uns breves exercicios ós que se lles aplican as normas expostas antes. E por último, o máis práctico para o lector, un dos apartados: CONVÉN RECORDAR..., ERROS MÁIS COMÚNS... ou CÓMO DEBE DICIRSE..., sección útil para os que non teñen tempo para andar, a estas alturas, con disquisicións filolóxicas. E que nun momento de lecer, ó ler o xornal poidamos dedicarlle uns cinco minutos a recordar, que é ambiente, e NON “ambente”; que é semana e NON “semán”; que é ti tiveches e tamén vós tivestes e que NON se debe dicir “tivéchedes”. Que NON se debe dicir “había dito” senón dixera, pois non hai tempos compostos. Que NON se debe dicir “vos digo” senón dígovos. NIN “súa casa” senón a súa casa. A maioría das veces serán expostas así as leccións, sen mestre e sen maiores explicacións. Será o noso método, o noso camiño práctico. Como dixo deste método o didáctico e experimentado pedagogo, Telmo Eiriz: “Directamente á solución da dúbida”. Así que comodamente sentado no seu sofá, estará nunha moderna aula, onde aprenda, sen saír da casa, ou na oficina, sen maior perda de tempo. Isto é o que temos que reter e melloraremos un cento por cento, sen libros de texto, nin clases presenciais.

Non temos a pretensión de sermos definitivos, pero si de ofrecer a nosa experiencia ó longo de varios anos, e comprobada por centos de alumnos, tamén en cursos de iniciación e perfeccionamento, organizados por Política Lingüística, coa única diferenza da actualización ás novísimas normas.

Que sirva esta breve introdución como un chamamento a todos para que lle dediquen á súa lingua, que herdaron dos seus devanceiros, o amor que merece.

 

UN POUCO DE HISTORIA

 

Como sabedes o galego é o resultado da transformación sufrida polo latín que os conquistadores e máis tarde os colonos romanos trouxeron ó noroeste peninsular. Podemos dicir que o galego é unha transformación directa do latín.

De todas as linguas da Península Ibérica, é a máis conservadora. Por diversas razóns histórico-políticas e xeográficas evolucionou moi pouco.

Coa civilización romana -chegada no século III a.C.- impúxose a lingua latina. E desapareceron as primitivas linguas das que nos quedaron moi poucas palabras como: alpendre, berce, xouba, de orixe celta. Os celtas, pobo indoeuropeo, chegaron a Galicia a comezos do século VIII a.C. Outras palabras como: pote, espeto, branco, roubar, son de orixe xermánica que nos deixaron os suevos e visigodos, que chegaron no século V a Gallaecia que así era o nome latino.

Máis tarde chegaron os árabes no século VIII, dos que herdamos algunhas palabras como: alcume, alicerce, arrabalde, alfaia, ataúde, xarope... entre outras.

Despois coa Reconquista o galego estendeuse cara ó Douro na época de Alfonso I. Por diversas razóns políticas, como a independencia do reino portugués, Galicia queda sometida a Castela e Portugal faise reino independente. O que deu orixe a que o galego e o portugués se fosen diferenciando, aínda que na época medieval, séculos XIII, XIV e XV, eran aínda unha mesma lingua.

A partir do século XV, as dúas linguas seguen o seu camiño por separado. Isto fixo que o galego e o portugués sexan dúas linguas totalmente independentes. E totalmente tamén diferentes.

Mentres o portugués se robustece como lingua dun estado, o galego queda sometido ó castelán xa que é a lingua do poder, quedando reducido o galego ó medio rural e familiar, ata que a partir do século XIX comeza a rehabilitación da nosa lingua.

 

CÓMPRE RECORDAR:

 

Ata hai moi pouco non tiñamos unha ortografía común porque non había tampouco un Dicionario e unha Gramática normativizada. Así escribía cada un segundo lle petaba. Esta normativización era urxente para evitar as vacilacións e grandes diferenzas que había sobre todo nos escritos.

 

NORMATIVIZACIÓN: Son unhas normas -regras- elaboradas pola Real Academia Galega e mailo Instituto da Lingua da Universidade de Santiago, publicadas, as últimas, en xullo de 2004, que consisten na aceptación e uso correcto dunha ortografía, dunha gramática e dun dicionario común para todos.

 

NORMALIZACIÓN: Consiste na rehabilitación social da lingua. É dicir, o seu uso en todos os eidos da vida, tanto na comunicación escrita coma na oral: na casa e na rúa, no banco e na oficina, nas universidades e nas escolas, nas igrexas, na xustiza e nos organismos oficiais e privados, etc.