TEMA 15

 

Tratamos hoxe dos COMPARATIVOS. Temos ás veces moitas dificultades en saber cando empregar correctamente as partículas COMA e COMO; co, có; ca, cá, cos seus respectivos plurais: cos, cós, cás e coa, coas. Por exemplo: Cólleo coa man (e non ca man). Fíxoo como sabía (e non coma sabía)
É moi doado e pode quedar aprendido para sempre se temos en conta o seguinte:

COMPARATIVOS: “Coma” alterna ou pode cambiar por “como”. “Ca” alterna ou pode cambiar por “que”.

A) Empregamos a partícula COMA nestes casos: Diante de calquera palabra que non sexa un verbo. Exemplos: a) É tan bo coma ti. b) Sabe tanto coma Carme. c) É un home coma outro.

B) Empregamos a partícula COMO no seguinte caso: Cando vai diante dun verbo hai que a usar obrigatoriamente. Exemplos: a) Fíxoo como sabía. b) Traballou como puido. c) Non fala tan ben como escribe. d) Traballa como come.
Xa vimos o doado que é o uso de COMA ou COMO que se poden usar indistintamente. Non así COMO que ten que ser sempre usado diante do verbo.

Agora veremos o uso correcto de ca, cá, co, có, coa e que os.

C) Empregaremos a partícula “ca” tamén diante de calquera palabra que non sexa verbo. É obrigatorio diante dos pronomes persoais. Exemplos: a) É mellor ca ti ou ca el. etc. b) É máis forte ca min. c) E máis lacazán ca traballador. d) Quero ir mellor á festa ca ó traballo. d) Vou mellor ó cine ca á túa casa. Tende presente este exemplo: e) Chego antes a Lugo ca á Coruña.

D) Vexamos agora exercicios coa partícula “cá”. Esta cá sae da contracción de “ca”, comparativo, + “o”, artigo, “a” (ca+a=cá). Exemplos: a) A miña casa é mellor cá túa. b) Gústame máis cá praia. c) As miñas cousas son peores cás túas. c) Esa é maior cás miñas.

E) Temos o caso da partícula “coa” que cunha boa pronuncia pode soar “ca” pero débese escribir sempre “coa” ou “coas”. (Esta partícula sae da contracción da preposición con mais o artigo feminino a (con+a=coa). Exemplos: A) Cólleo coa man. b) Cólleo coa culler. c) Chegou coas amigas.
F) Faremos exercicios agora coa partícula “co”. Este “co” sae da contracción da preposición “con” mais o artigo “o” (con+o=co). Exemplos: a) Chegou co seu libro. b) Estudou co amigo. c) Chegou cos seus libros. d) Estudou cos amigos.

Temos o caso agora de “có”. Esta partícula sae da conxunción comparativa “ca” mais o artigo “o” (ca+o=có). Exemplo: a) Era máis traballador có amigo. b) Era mellor rapaz cós demais.

LEMBRADE
Ás veces podémonos trabucar cando oímos pronunciar en bo galego estas contraccións, se as escribimos tal coma as escoitamos:

Exemplos:
1- Dixéronme cos teus avós son bos. (está ben pronunciado). Pero mal escrito o “cos”.
1'- Dixéronme que os teus avós son bos. (Hai que escribir así).
2- Avísalle cas túas irmás chegan mañá. (Ben pronunciado). Mal escrito “cas”.
2'- Avísalle que as túas irmás chegan mañá. (Hai que escribir así).
3- Contan co viron de noite. (Está ben pronunciado). Mal escrito “co”.
3'- Contan que o viron de noite. (Hai que escribir así).

EXERCICIOS


Colocade por esta orde: 1- coma. 2- ca. 3- cos, coa. 4- que os, cós. 5- coma. 6- co. 7- coas. 8- cás. 9- como. 10- ca.
1- Fala e escribe o galego ... min.
2- Axúdalle máis a irmá ... ó irmán.
3- Chegou ... libros que lle tocaron ... rifa.
4- Din ... teus traballos son mellores ... meus.
5- Estarei sempre contigo ... ata agora.
6- Non se atreven a vir ... amigo.
7- Non se debe tocar o balón ... mans.
8- As miñas cores pintan mellor ... túas.
9- Dime ... se chama o teu can?
10- Tivo máis sorte ... eles.
APRENDENDO MÁIS:
O comparativo pode ser de:

1. Igualdade con: a) tan, b) coma, c) como.
a. Son tan alto coma ti.
b. O exame foi tan doado como pensaba.
c. Xaquín é tan grande coma min.

2. Superioridade: a) máis, b) que, c) do que.
a. É máis bo do que parece.
b. Bótame máis auga que/ca viño.
c. Pocholo traballa máis ca nós.

3. Inferioridades: a) menos, b) ca/que, c) do que.
a. Teño menos traballo do que ti tes.
b. Lois é menos louro ca min.
c. Ten menos cartos ca calquera.


OBSERVACIÓN:

Hai que evitar o incorrecto MÁIS MAIOR, tan pouco dicimos MÁIS PEOR. En Galicia dicimos, por exemplo: o fillo “máis vello” (por maior) ou o fillo “máis novo”. Non está admitido “xoven”, nin “xóvenes” que aínda vemos en publicacións oficiais.... Debe dicirse “mozos” “novos”. Así “viño novo” non viño xoven. É incorrecto: “xóvenes agricultores”.

 

EXERCICIOS RESOLTOS. COMPARATIVOS DE:
- (Igualdade) Foi un día tan chuvioso como dixeron.
- (Igualdade) Esta vila é tan bonita como/a aquela.
- (Superioridade) A casa éche máis alta do que eu cría.
- (Superioridade) Helena é máis cariñosa ca/que Xosé.
- (Inferioridade) Saíu menos doce do que querían.
- (Inferioridade) Ten menos cartos ca/que calquera de vós.


O SUPERLATIVO:

1. Absoluto: A calidade está no maior grao de todos.
a. Aquel foi o maior atrevemento do alpinista.

2. Relativo: indica a calidade tamén no maior grao de todos con respecto ós demais cos que se pode relacionar:
a. Son os máis preocupados por saber do instituto.

3 Superlativos sintéticos:
Mísero = misérrimo. Feo = feísimo.
Acre = acérrimo. Fiel = fidelísimo.
Vello = vellísimo.