TEMA 18

 

AS FORMAS PRONOMINAIS DE SOLIDARIEDADE


Unha característica do galego coloquial é o chamado PRONOME DE SOLIDARIEDADE.
É moi común escribir ou dicir solidariedade prescindindo do “e”, o que é un erro: Así dise, como unha obriga moral: “debemos axudar ós necesitados por solidariedade. Recorde: SOLIDARIEDADE.
Úsase cando se quere interesar ó interlocutor na conversa; no que se fala; é dicir, cando se lle quere dar ó interlocutor ou interlocutores unha participación afectiva ou un trato familiar especial.

RESUMAMOS máis o anterior:

- Vexamos, pois, os distintos matices; non é o mesmo dicir:
a) Hoxe non sei nada.
b) Hoxe non che sei nada.
c) Hoxe non lle sei nada.

Sempre aclaro isto así: o profesor fai unha pequena proba o primeiro día de clase e un compañeiro dille á outro, simplemente: a) hoxe non sei nada”; pero outro compañeiro fala co do lado con quen ten algunha confianza e a quen titea e coméntalle: b) hoxe non che sei nada. Per no caso c) cambia o matiz se a quen ten ó lado é unha persoa maior ou á que “vostea”, trata de vostede, con respecto dille c) hoxe non lle sei nada.

No apartado a) é un enunciado simplemente; no b) indica ademais un tratamento “familiar”, pola confianza que se ten coa persoa, ou persoas, con quen se fala. E no c), aparte do que se quere manifestar “de que está en branco, de que non ten idea”, e como coa persoa á que se dirixe non ten suficiente confianza, entón usa o pronome de SOLIDARIEDADE ou de CORTESÍA; son pronomes de 2ª persoa que usamos cando nos referimos a un interlocutor ó que tratamos con respecto e implica afectivamente ó interlocutor nos feitos ós que é alleo:

TRATAMENTO COLOQUIAL:

• Un só interlocutor, CHE.
• Varios interlocutores, VOS.

TRATAMENTO CORTÉS:

• Un só interlocutor LLE.
• Varios interlocutores LLES.

- As formas pronominais que se empregan son CHE, LLE, VOS, LLES.
Con un cadriño entenderémolo mellor: As formas son distintas segundo sexan un ou varios interlocutores e segundo reciban tratamento familiar ou de cortesía:

  un interlocutor varios interlocutores
Tratamento familiar CHE VOS
Tratamento de cortesía LLE LLES

Exemplos coas respectivas formas:
1- Dóecheme ben a cabeza.
2- O rapaz élle moi bo estudante.
3- Non vos teño lecer para nada.
4- Vailles parecer moi caro.

OBSERVACIÓN: Ás veces poden toparse seguidos dous pronomes de solidariedade: “Os galegos sónchevos moi traballadores”. Non se pode en cambio repetir o mesmo pronome: “Os galegos sóncheche (MAL) moi traballadores”.

ATENCIÓN: Estes pronomes de solidariedade ou cortesía, son intraducibles ó castelán. Non é correcto dicir: a) Te come bien el niño?, b) Le es aplicado?

REPITAMOS:
O pronome de solidariedade cando non vai unido, en posición proclítica, escríbese separado:

a) O meu fillo non che/me estuda nada.
b) Nunca che lle sucedeu outra igual. Cando o pronome de solidariedade vai enclítico, sóldase ós outros pronomes átonos.
c) Quíxochenolo contar pero non llo permitimos.

Vemos que o “che” dos tres exemplos son pronomes de solidariedade e intraducibles, é dicir non usados en castelán.

APRENDAMOS estas formas do pronome:
Debe dicirse e escribirse: COMIGO, CONSIGO, CONTIGO. Tamén CONNOSCO, CONVOSCO así: “Vén comigo, ou vén connosco” (cun + nobiscum, vobiscum). Admítese no galego oriental “nosoutros” e “vosoutros”, na área “mindoniense”.

É incorrecto escribir ou falar:
• Vinlle onte – debe dicirse: Vino onte.
• Espéranlle na casa – debe dicirse: Espérano na casa.
• Xa lle levei onde quería – debe dicirse: Xa o levei... o lle é obxecto indirecto e aquí é obxecto directo: “o”.


O DATIVO DE INTERESE

Indica a persoa á que se refire o dano ou proveito da acción do verbo. Úsase na fala coloquial con outros pronomes.
Exemplos:
a) O médico ben que che me leva atendido. (O che = é o pronome de solidariedade e o me é o dativo de interese).
b) O fillo non se che vos dá ido. (O se = é o obxecto directo. O che é o pronome de solidariedade e o vos é o dativo de interese).

OLLO: Hai que ter presente que na nosa lingua non existe o se como reflexivo de interese como se dá en castelán. Non se pode polo tanto dicir: Comeuse unhas costelas fritas. Lavouse os pés. Debe dicirse: Comeu unhas costelas fritas e Lavou os pés.
CONVÉN TER PRESENTE
1- Que co pronome de solidariedade non varía a idea que queremos expresar: Só engade certa confianza ou respecto segundo os casos, como xa vimos. É moi propio do galego e non doutras linguas.

Sempre vai diante -o pronome de solidariedade- dos pronomes con oficio de obxecto indirecto. Exemplos: a) Non che lle direi a noticia. b) Xa chenolo ten dito meu pai.

- A continuación poñemos varios casos cos pronomes de solidariedade subliñados, para tirar conclusións da súa respectiva colocación:
1- Déuchevola vida. 2- Nunca chénolo dixeron. 3- Sonlles uns lacazáns. 4- Puxéronllenolo. 5- Sempre volo mando certificado para que chegue. 6- Funlle moi amodiño. 7- Cando llénolos trouxeron non estabamos. 8- Évos ben barato. 9- Mandéichellelos, a eles, hai tempo. 10- Total ¿que máis lle me dá?.

OLLO cos verbos: queimar, casar, caer, subir, quedar, sentar: non son reflexivos, non deben levar pronomes:
a) Queimeime a man, debe ser: Queimei a man.
b) Subinme ó tellado, debe ser: Subín ó tellado.
c) Quedeime calado, debe ser: Quedei calado.
d) Séntate ben, debe ser: Senta ben.