TEMA 20

 

Imos falar dos NUMERAIS: CARDINAIS, ORDINAIS, MULTIPLICATIVOS, PARTITIVOS, COLECTIVOS e outros NUMERAIS.
O numeral determina ó nome e expresa a idea de número, orde e proporción: cinco libros; a segunda vez; a sexta parte.

Cardinal: cinco. Ordinal: segunda. Partitivo: sexta.

A) Falaremos dos numerais que serven para contar:
1 = un/unha. 2 = dous/dúas. 3 = tres. 4 = catro.
5 = cinco. 6 = seis. 7 = sete. 8 = oito. 9 = nove.
10 = dez. 11 = once. 12 = doce. 13 = trece.
14 = catorce. 15 = quince. 16 = dezaseis 17 = dezasete
18 = dezaoito. 19 = dezanove. 20 = vinte. 21 = vinte e un
Vinte e unha. 22 = vinte e dous, vinte e dúas. 23 = vinte e tres
30 = trinta. 31 = trinta e un, trinta e unha. etc.

Ollo con estes números:
40 = corenta. 50 = cincuenta. 60 = sesenta.
70 = setenta. 80 = oitenta. 90 = noventa.
200 = douscentos, duascentas.
500 = cincocentos, cincocentas, quiñentos/as.
1.000 = mil. 1.000.000 = un millón.

ATENCIÓN: Son incorrectas as formas: dazaseis, dazasete, dazaoito e dazanove, aínda que se oen moito. Tamén son incorrectas: sasenta, satenta e ochenta.

Son incorrectas tamén as formas: vinteún, vintedous, vintetrés, vintecatro, etc. Teñen que escribirse separadamente como vimos antes coa conxunción “e”, así son correctas: vinte e un, vinte e dúas, vinte e tres... trinta e un/unha, corenta e tres, corenta e cinco, cincuenta e un, sesenta e tres, e así ata noventa e un, noventa e tres....aínda que a súa pronuncia por efecto da contracción ten que ser como se fose unha soa palabra: (vinteún).

B) Os que serven para indicar a orde das persoas ou cousas:
Primeiro/a; segundo/a; terceiro/a; sétimo/a; oitavo/a etc. undécimo/a ou décimo primeiro; décimo terceiro/a; décimo sétimo/a; décimo oitavo/a; décimo noveno; vixésimo; vixésimo primeiro/a; trixésimo/a; cuadraxésimo/a; quincuaxésimo/a; sesaxésimo/a; septuaxésimo/a octoxésimo/a; nonaxésimo/a; centésimo/a; milésimo/a.

C) Os múltiplos indican que se multiplica unha cantidade:

2=Dobre ou duplo/a; 3=triplo/a (non se admite triple); 4=cuádruplo/a (non se admite cuadruple); 5=quíntuplo/a ...; 6=séxtuplo/a; 7=séptuplo/a; 8=óctuplo/a; 9= nónuplo/a; 10=décuplo/a; 11=once veces (non se admite undécuplo); 12= doce veces (non se admite duodécuplo); 13=trece veces (non se admite terzodécuplo); 100= céntuplo/a.

D) Os Partitivos indican unha parte dun todo:

1/2=Medio, metade; 1/3 =terzo; 1/4=cuarto; 1/5=quinto; 1/6=sexto; 1/7=sétimo; 1/8=oitavo; 1/11=onceavo; 1/12=doceavo... ; 1/20=vinteavo; 1/22=vinte e dousavo; 1/30=trinteavo ...; 1/100=centésimo; 1/1000=milésimo...

E) Os Colectivos indican un conxunto de algo:

Par, parella, decena, ducia, quincena, vintena, trintena, centena, milleiro.
Milleiro e millar son sinónimos, na linguaxe matemática para a descrición de cifras úsase millar: Unidade de millar, centena de millar.

CONVÉN RECORDAR:

Milleiros refírese a grupos de moitas persoas animais e cousas. Tamén cando nos referimos a moitos: Había moitos milleiros no mitin. Pescaron vinte milleiros de sardiñas. En cambio en matemáticas debe dicirse “millar”: Unidade de millar, decena de millar...Venderon cinco milleiros de sardiñas. Había milleiros.

Tamén se consideran ordinais os adxectivos ÚLTIMO e DERRADEIRO. Pero derradeiro úsase cando é o último de todo, cando non hai máis nin se espera que o haxa. Por exemplo: Foi o seu DERRADEIRO traballo (porque morreu ou non fará máis). Pero se dicimos: Foi o seu ÚLTIMO traballo (quere dicir que fará outros traballos).
OLLO: É incorrecto mesturar cifras e letras na expresión das porcentaxes: poden escribirse con todas as letras ou ben con cifras seguidas do signo %.
Son correctas as seguintes expresións:
a) 10%; b) dez por cento; c) 10 por 100
Son incorrectas:
a) 10 por cento; b) dez por 100

EXERCICIOS

A) Escribide estas cantidades:
3º - 116 - 500 - 26º - 40 - 50 - 9º - 1º - 8º - un sexto - un oitavo - un décimo - un doceavo - 2007.

B) Explicade os seguintes numerais:
1- O trío de cantantes non o fixo mal.
2- Estiveron en corentena antes de desembarcar.
3- Fixéronlle unha novena a San Roque.
4- A oitava é unha estrofa de oito versos hendecasílabos.
5- Os sextetos máis célebres son os da ópera de Mozart.
6- Sempre leva un feixe de leña no inverno.
7- Na feira había un fato de cabalos.
8- Debemos unha morea de cartos.
9- Son unha manada de lampantíns.
10- Mercou unha manchea de allos.
11- Pescou vinte milleiros de sardiñas.

DO NOSO:

“Dona” é un tratamento de dama, señora ou muller principal. Tamén é muller casada con respecto ó marido ou ós demais homes: “a miña dona”; “a súa dona”. En Galicia o marido acostuma a dicir: “a miña muller”.
“Don” (lat. Donum) significa dádiva, presente, regalo. “Don” (lat. Dominus) é un tratamento de cortesía que se antepón ós nomes propios. Son palabras homónimas:
“Don ninguén” Que vale pouco. Que “non ten onde caer morto”.
“Don cómodo” Que non fai nada.
“Don de xentes” Que ten facilidade para tratar coa xente