TEMA 25

 

OS POSESIVOS

As formas dos POSESIVOS poden ser coma en castelán: substantivos ou pronomes e adxectivos. Distínguense doadamente no contexto:
O meu can é bo = MEU = adxectivo.
O meu é bo = MEU = pronome ou substantivo.

- As veces pódese crear dúbida ou confusión nos casos que non estea claro a quen nos referimos na escrita ou na conversa. Se digo ou dicimos:
“O seu can ouveou moito esta noite”. ¿A quen nos referimos aquí? O can da persoa con quen estamos a falar ou ó can do veciño. Está confuso porque ademais podía ter todas estas acepcións ou referencias:
O seu can = Podía referirse ó can DEL, DELA, DELES, DELAS, DE VOSTEDE, etc.
* Para evitar todas estas posibles confusións é mellor usar estas formas:
1- O can del ouveou ... 2- O can dela ... 3- O can de vostede ...
* Abundando máis: se digo por exemplo: A súa teoría non me convence. ¿A de quen?. É mellor logo aclarar a “del”, “a de vostedes”.
* Indican, como o seu nome expresa, unha idea de posesión. E pode haber un só posuidor ou varios posuidores.

- Convén recordar que as formas posesivas son as mesmas para a función adxectiva ou para a substantiva:

    un posuidor varios posuidores
    masculin feminino masculin feninino
singular meu miña noso nosa
  teu túa teus tuas
  seu súa seu súa
plural meus miñas nosos nosas
  teus túas vosos vosas
  seus súas seus súas

* Debemos reparar que as formas da terceira persoa son iguais para un posuidor que para varios posuidores. Por exemplo: “O seu libro pode ser interesante”. Para evitar a ambigüidade, debemos empregar, como dixemos antes: “O libro del, dela, deles, delas, de vostede ou de vostedes.

OLLO. CASOS ESPECIAIS

1- O posesivo ESIXE o uso do artigo determinante. Hai que ter moito ollo pois é un erro moi común nos casteláns falantes e dos que non o son, o de suprimir o artigo diante do nome como pasa en castelán ... Así din “Miña casa” no canto de “A miña casa”. “Meu can” en vez de “O meu can”. Oíndose moito na Radio e TV, ás veces é o único erro.

2- NON levan en cambio artigo diante cando é unha exclamación ou vocativo. Exemplo: “Meus amigos!. Como vos vai?”.
a) Tamén na exclamación que aínda se oe: “Mi padre!. Mi madre!. Como foi” aquí vai sen artigo. É un posesivo de respecto.
b) Cos nomes de parentesco o uso do artigo É OPTATIVO, é dicir poden levalo ou non. Exemplo: “Miña irmá chegou onte” ou “A miña irmá chegou onte”. “Meu pai chamoume por teléfono” ou tamén “O meu pai chamoume por teléfono”.

3- Ás veces, nas formas de primeira persoa, pode indicar FAMILIARIDADE. Exemplo: Que nos conta o noso amigo?

4- Pode indicar, usado con numerais, unha aproximación ou idade indefinida. Exemplo: “E xa terá os seus trinta anos”

5- Pode sinalar tamén un algo habitual. Exemplo: “Foi botar a súa partida”.

6- Hai algunhas locucións formadas cos posesivos. Exemplos: “Facer das súas”. “Os meus” = a miña familia.” “E rico de seu”=xa lle vén de herdanza. “É ruín de seu”= é malo por natureza. “Ten casa de seu” = que é propietario dela. Estas formas indican propiedade.

7- Tamén se poden usar as formas unidas a un distributivo CADANSEU, CADANSÚA, cos seus plurais CADANSEUS, CADANSÚAS, formadas polo distributivo CADA + SEU, son posesivos distributivos. Exemplo: “Tiñan cadanseu coche”, “Agasalláronnos con cadanseu libro”.

8- O posesivo feminino pódese empregar nos casos que se podería pór a preposición DE seguida de pronome persoal. Exemplos: “Ía diante nosa” = (ían diante de nós). “Viven encima miña” = (viven encima de min).

A COLOCACIÓN DO POSESIVO

1- Por norma xeral o posesivo VAI DIANTE DO NOME. Exemplo: “Os seus libros”, “Meus irmáns”.
2- Hai caos nos que o posesivo vai despois:
a) Cando o substantivo vai precedido dun interrogativo ou dun indefinido. Exemplo: “De que asunto teu falas?”.
3- Cando o substantivo vai acompañado do artigo UN ou dun DEMOSTRATIVO. Exemplos: “É un coñecido meu”. “Estes teus amigos non son de fiar”.
4- Posponse tamén para darlle maior énfase ó que se está a dicir. Exemplos: a) “Por culpa túa non se fixo”. b) “Non te preocupes, é cousa miña”.

RESUMINDO:

O posesivo cando vai antes do nome, vai precedido do artigo: O teu libro. As súas noticias son estas.
Nos nomes de parentesco pódese suprimir o artigo: Miña irmá chega hoxe. Meus curmáns estudan aquí. (Tamén podiamos dicir “A miña irmá..., Os meus curmáns...). Chamárono meus avós. Os nosos tíos chegan mañá.

Exemplos de posesivos para un só posuidor ou para varios:

Para un só: Para varios:
Os teus libros. A vosa clase.
As miñas botas. Os nosos amigos.
O teu can. A nosa casa.

Nota: En todos é necesario colocar o artigo diante do posesivo: os, as, o, a, os, a.

CÓMPRE RECORDAR ESTAS FORMAS que expresan PROPIEDADE, moi ENXEBRES NA NOSA LINGUA:
As formas con preposición “de meu”, “de teu, “de seu”, “de noso”, “de voso”, expresan unha relación de propiedade exclusiva:
Exemplo: a) Tiña Terras de seu, e vendeunas: (terras herdadas). b) “A miña casa non é de meu”. Está claro que non é o mesmo que “Tiña casa de meu”.
Outros exemplos: a) “Esta rapaza é lista de seu” (propia natureza). b) É ruín de seu...” (Tamén por propia natureza). c)Vivimos en casa de noso (Tamén herdada/dos devanceiros, en propiedade, non alugada).