TEMA 27

 

RELATIVOS, INTERROGATIVOS E INDEFINIDOS


A) RELATIVOS
As seguintes son as formas dos pronomes relativos:
INVARIABLES: que - quen
VARÍAN NO NÚMERO: cal - cales.
VARÍAN EN XÉNERO E NÚMERO: canto - canta; cantos - cantas.


OLLO:
1- a) “QUENES” é un castelanismo e b) “CAIS” un lusismo que debemos rexeitar. Debe polo tanto dicirse nos plurais: a) QUEN sodes? - QUEN chama? - Os QUE viñeron xa se foron. b) CALES queres? e non “QUENES chaman” nin “CAIS queres” nin “QUENES son”.

OLLO: “QUEN” só pode levar o verbo en plural co verbo SER: QUEN SON?, QUEN SERÍAN?. Cos demais verbos, o verbo ten que ir en singular: QUEN veu?. QUEN debe escribir?

2-”QUEN” pode usarse como “SER CAPAZ DE”: a) Non foi “quen” de tocarme. b) Non es “quen” de vir.

3- Nas novas normas admítese o antes rexeitado relativo posesivo CUXO, CUXA, cos seus plurais CUXOS, CUXAS. Esta partícula desaparecera ó longo da historia dos usos orais, con esta incorporación de “cuxo ó galego” temos máis posibilidades na escrita e na fala.


B) INTERROGATIVOS
Son as mesmas partículas: QUE, QUEN, CAL, CALES que funcionan tamén coma EXCLAMATIVOS. É moi enxebre o seu uso precedido do artigo. Exemplo: O que alí vin!.

Quen, tamén coma exclamativo: ¡Quen puidera convosco voar!
Que, seguido da preposición de e un nome indica cantidade: ¡Que de xente había alí!, equivale a Canta xente había alí!.

CANTO, CANTA, CANTOS, CANTAS, CANDO, COMO e ONDE úsanse coma interrogativos con matiz adverbial de cantidade e como exclamativos: Canto leva padecido!. Cando o pensas facer!. Como me chamabas!.

Ás veces, aínda que se vai perdendo o seu uso, topamos as seguintes formas dun INTERROGATIVO adverbial de orixe latina -UBI-Quedan: ULO, ULA; ULOS e ULAS. O “u” é o interrogativo, LO, LA, LOS, LAS, son pronomes de terceira persoa con oficio de O. Directo. Exemplo: “Os amigos ¿ULOS?”. Cando é adxectivo vai unido o artigo e polo tanto separado polo trazo. Exemplo: U-los libros?”.


C) INDEFINIDOS
Son unhas palabras que poden funcionar coma adxectivos ou coma pronomes. Citarémolos segundo a súa función:

* COMO PRONOMES: 1- Alguén está falando. 2- Ninguén mo dixo. 3- Calquera pode facelo. HAI QUE REXEITAR calqueira QUE SE OE MOITO. 4- Cadaquén que o faga como vexa. 5- Quenquera que sexa que o diga. 6- Algúns non son puntuais. 7- Algúns (adxectivo) libros non valen. 8- Non chegou ningún. 9- Ningunha (adxectivo) noticia é boa. 10- Déronme outro máis. 11- Ambos (adxectivo) avós estiveron en América. 12- O mesmo (adxectivo) rapaz do outro día chamoume.

MESMO” ás veces ten valor de “incluso”. Exemplo: Mesmo mo dixo a min. Tamén se usa coma unha expresión adverbial. Exemplo: E coa mesma alporizouse todo.


EXERCICIOS
Corrixide o que estea mal. Escribídeas correctamente:

1-A) 1-Quenes son os que viñeron. 2- Cais queres?. 3- ¿Cuxos son estes libros?. 4- Vale calqueira que traias. 5- Quenesqueira que o fixeran, estivo moi mal. 6- Leo calquer libro. 7- Non sodes quenes de facelo. 8- Hai cousas sen as cais non me afago. 9- Os nenos a quenes chamaches, chegaron. 10- Non veu naide, ata calquer día.

Repasemos os numerais que xa estudamos.
Escribe: 16 - 20 - 23 -28 - 40 - 50 - 60 - 80 - 500 - 800.

1-B) Repasemos tamén os plurais nos que se cometen tantos erros. Formade os plurais de:
1- español. 2- cristal. 3- mel. 4- funil. 5- ollomol. 6- tul. 7- árbol. 8- túnel. 9- cónsul. 10- xamón. 11- ollal. 12- mol, cartafol. 13- gardavicil. 14- civil. 15- fusil. 16- noz. 17- mazá. 18- marqués. 19- fósil. 20- rei. 21- cartel. 22- folgos. 23- miolos. 24- exequias. 25- luns.


SOLUCIÓNS ÓS EXERCICIOS ANTERIORES

1-A) 1. Quen son os que viñeron?. 2. Cales queres?. 3. Cuxos son estes libros?. 4. Vale calquera que traias. 5. Quen queira que o fixera, estivo moi mal. 6. Leo calquera libro. 7. Non sodes quen de facelo. 8. Hai cousas sen as cales non me afago. 9. Os nenos a quen chamaches, chegaron. 10. Non veu ninguén, ata calquera día.

REPASEMOS OS NUMERAIS QUE XA ESTUDAMOS:
Escribe: dezaseis – vinte – vinte e tres – vinte e oito – corenta – cincuenta – sesenta – oitenta – cincocentos/cincocentas – oitocentos/oitocentas.

1-B) Repasemos tamén os plurais nos que cometen tantos erros. Formade os plurais de: 1- españois. 2- cristais. 3- meles. 4- funís. 5- ollomoles. 6- tules. 7- árbores. 8- túneles. 9- cónsules. 10- xamóns. 11- ollais. 12-. Moles, cartafoles 13- garda civís. 14- civís. 15- fusís. 16- noces. 17- mazás. 18- marqueses. 19- fósiles. 20- reis. 21- carteis. 22- folgos. 23- miolos. 24- exequias. 25- luns.

LEMBRA: Son incorrectas formas como: post-operatorio, sub-director, vice-decano, vídeo-xogo, contra-revolucionarios, neo-nazi.
Deben escribirse: postoperatorio, subdirector, vicedecano, videoxogo, contrarrevolucionario, neonazi. Pero debe escribirse separado: ex director xa que é a única excepción.


DA DÚBIDA Á SOLUCIÓN:
Para que nos sexa máis doado aprender vocabulario, sen esforzo. Aprendamos unha morea de palabras suprimíndolle o “n” final:
Así de crimen = crime en galego; examen = exame en galego; virxen = virxe en galego; e así coas seguintes palabras: orden (e); imaxen (e); abdomen (e); numen (e) (inspiración); réximen (e); vexamen (e); gluten (e); liquen (e); polen (e), semen (e). Exceptúase dolmen que é un bretonismo.