TEMA 30

A PREPOSICIÓN
A función da preposición é a de servir de unión entre un elemento sintáctico e o seu complemento.
Todo aquilo que funciona como termo dunha preposición queda substantivado por ela.
Non explicamos o uso de todas porque sería moi extenso, só de algunhas. Falaremos das preposicións máis usadas:

1- A. 2- AGÁS (significa: excepción, fóra, menos, salvo, bardante. Exemplo: Fixérono todos salvo ti. Pareces un can fóra a alma). 3- ATA: (Estiveron estudando ata a noite). Ollo, “astra” e “asta” considéranse castelanismos. “Até” é un lusismo. Pero admítese como correcta. 4- ANTE (Tiven ante min ó mesmo ladrón). 5- PERANTE, ten un significado restrinxido, propiamente “en presencia a”; “testemuñou perante o xuíz”. 6- DEICA: “Deica Betanzos hai 27 quilómetros”. 7- BAIXO e SO ou tamén, DEBAIXO DE. “Saíu baixo palio”. “Fíxoo baixo promesa”. “Estuda so pena dun castigo”. Este “so” é pouco usado. 8- CANDA, equivale ó adverbio “cando”: “Estudou canda min”. Enténdese ó mesmo tempo. 9- CON. 10- CONTRA: Ás veces pode indicar cercanía ou aproximación: “Uxes queda contra Arteixo”. “Chegou contra a noitiña”. 11- DE. 12- DESDE ou DENDE. 13- DURANTE. 14- EN. 15- ENTRE. 16- PARA. 17- POR 18- SEN: “Chegaron sen sabelo”. 19-20- SOBRE: Indica materia de que se trata ou fala. “A conferencia versou sobre o medio ambiente”. Tamén indica aproximación: “Costará sobre un millón”. En cambio “en col”. non se debe usar en sentido abstracto senón indicando sitio ou lugar; “Deixou os libros en col da mesa”. Puxo o pan sobor da mesa. 21- SEGUNDO: “Cóntocho segundo mo dixeron”. 22- TRAS: “Anda tralo can”. 23- XUNTA: Indica proximidade: “Vén xunta min”.


LOCUCIÓNS PREPOSICIONAIS MÁIS USUAIS

1- CO GALLO DE = “Co pretexto”: “Co gallo da voda fixo o que quixo”. Significa “co pretexto de”
2- A CARÓN DE = “A ras de”. “Estaban a carón do chan”.
3- A PROL DE, EN PROL DE = A favor de. “Loitaron a prol da liberdade”.
4- CARA A (indica dirección): “Vai cara a Lugo”. Non se debe dicir: “Faciana” a Lugo.
5- DE RESULTAS: Equivale a “como consecuencia”: “De resultas do accidente finou”.
6- NO CANTO DE: Equivale a “en lugar de”, “en vez de”, “en troques de”: “Estudo inglés no canto de grego”.
7- POR MOR DE = “por causa de”, “por culpa de”: “Este local está clausurado por mor dos ruídos”. “Por mor da choiva fomos ó cine”.
8- EN TROQUES DE = “en vez de”.
9- EN COL DE... = puxo os libros en col da mesa, “sobre” a mesa. (Importante)
10- A BEIRA DE = “Ó lado de ...”, “a par de...”: “Xantamos á beira dun prado”.
11- BARDANTE DE = “Fóra de... “, indican excepcións: “Viñeron á festa bardante dos enfermos”.
12- A FORZA DE = “Ó lado de... “, “a par de ...”: “Xantamos á beira dun prado”.
13- DIANTE DE .. ou “Dediante”: “Que veña diante miña”.
14- VERBO DE... = “Acerca de..”. “Tocante a ..” “Respecto de...” “Verbo dos teus asuntos non tocarei”.
15- CAS DE...: “Vou cas dos avós”. Equivale a dicir “na casa de”
16- PRIMEIRO DE...: “Chama antes, primeiro de vir”.
17- POR RIBA DE... = “Encima de...”, “Enriba de...”: “Por riba de facelo aínda me berras”.
18- A TRAVÉS DE”...= Indica instrumento ou medio: Mandoulle aviso “a través dun” amigo común. Ás veces óese a barbaridade: “A traveso de”, isto non existe, é incorrecto.
19- Á PARTE DE. = Equivale “ademais de” = “Á parte dos” teus amigos virán tamén os meus.
20- ACERCA DE; A RESULTAS DE, ARREDOR DE, Ó REDOR DE, DERREDOR DE.
21- A PARTIRES: É unha incorrección grave. Non existe como locución prepositiva. É un infinitivo conxugado do que xa falamos: “De partires o venres que vén, chegaredes a tempo”.


EXERCICIO
Escriba dez oracións nas que entren en cada unha delas estas preposicións ou expresións prepositivas:
1- Sen. 2- Co gallo de. 3- Verbo de. 4- Contra. 5- Cara a. 6- Xunta. 7- En col. 8- Segundo. 9- Agás. 10- Perante.


ATENCIÓN AS NOVAS NORMAS (Continuación)
Son correctas: a respecto de, alén de, após, aquén de, até que, canto a, no entanto, porén, a través de (e non “a traveso”, que se oe moito), á parte de,
ELIMÍNANSE: alomenos, anque, entonces, nembargantes e sen embargo.
ENGÁDENSE: a respecto de, alén de, após, aquén de, até, até que, canto a, no entanto e porén, das que falamos antes.


AS PREPOSICIÓNS:
a) Non teñen significado léxico.
b) Carecen de xénero e número.
c) Relacionan palabras.


EXERCICIO:
Subliña as preposicións:
Deica Ourense hai 180 km.
Dende Santiago ata Padrón hai autoestrada.
Fun onda Xoán para que volva canda a min.
Durante os exames non se fala.
Os noivos estaban ante o altar.
Contra a primavera iremos de excursión.


DA DÚBIDA Á SOLUCIÓN:
Cométense moitos erros na ortografía dos adverbios, conxuncións e preposicións, e das locucións adverbiais, conxuntivas e prepositivas, xa que unhas veces se escriben separadas e outras xuntas. Repetímolas:
De súpeto / amodo / asemade / a présa / devagar / entre tanto / embaixo de

Adverbios xuntos:
Abondo (de cantidade) / axiña (de tempo) / abofé (de afirmación) / amodo (de modo) / acotío (de tempo) / adrede (de modo) / a deshora (de tempo) / antonte (de tempo) / arestora (de tempo) / arreo (de tempo) / asemade (de tempo) / deseguida (de tempo) / devagar (de modo) / disque (de dúbida) / dabondo (de modo) / quizabes (de dúbida)

Locucións adverbiais separadas:
Ás présas (de modo) / de socato (de modo) / ás veces (de tempo) / de socate (de modo) / a eito (de modo) / ó chou / (de modo) / hoxe en día (de tempo) / ó xeito (de modo) / ó fin (de modo) / en balde (de modo) / á fin (de modo) / ó cabo (de modo) / de balde (de modo) / deica pouco (de tempo) / a miúdo (de tempo) / deica un pouco (de tempo) / de cando en cando (de tempo) / de cando en vez (de tempo) / ó pé (de lugar)