TEMA 31

O INFINITIVO, XERUNDIO E PARTICIPIO

A) O INFINITIVO CONXUGADO
Falaremos hoxe das formas infinitas do verbo. Chámanse así aquelas formas verbais que non expresan modo nin tempo. Son o infinitivo, o xerundio e mailo participio. Explicarémolo sen maiores complicacións.

-Nomeamos os verbos polo seu infinitivo: andar, coller, partir

-O infinitivo conxugado, como o seu nome indica, pódese conxugar coma outros tempos: presente, futuro, etc. É dicir, pode presentar algunhas das categorías sinaladas polas terminacións ou morfemas verbais: Exemplo: de chegar-des; ó vir-es etc.
Coñécese tamén co nome de infinitivo persoal ou flexionado.

-Dixemos antes que estas formas (infinitivo, xerundio, participio) NON se conxugan noutras linguas románicas, agás no galego-
-portugués. Polo tanto teñen as súas terminacións. Vexámolas:

Terminacións
1ª persoa: ---- andar, coller, partir.
2ª persoa: -es andar-es, coller-es, partir-es
3ª persoa: ---- andar, coller, partir.
4ª persoa: -mos andar-mos, coller-mos, partir-mos
5ª persoa: -des andar-des, coller-des, partir-des
6ª persoa: -en andar-en, coller-en, partir-en

Estas formas permítennos recoñecer o suxeito do verbo en forma infinitiva.

Debemos empregar o INFINITIVO CONXUGADO:

-Cando o suxeito expreso ou oculto do infinitivo é diferente do verbo principal da frase. Exemplo: Por vires tarde, non esperaron.

-Cando tendo aínda as dúas oracións o mesmo suxeito vai introducido o infinitivo por unha preposición ou un elemento equivalente. Exemplo: Marcharon para a praia ó chegaren da vila.

B) O XERUNDIO
O xerundio é unha forma invariable do verbo
Pode funcionar coma adverbio modificador do verbo. Exemplo: Chegou cantando da festa. Funciona como complemento circunstancial de modo.
-Ás veces pode funcionar coma un adxectivo. Exemplo: Vin unha rapaza pintando unha paisaxe.
-Tamén se constrúe así: en xerundio para expresar anterioridade. Exemplo: En rematando chamareivos.
-Pode admitir un sufixo diminutivo. Exemplo: Vai correndiño!

C) O PARTICIPIO
O participio funciona sempre como adxectivo. Presenta a acción como acabada. Exemplo: De poñer - posto. De facer - feito. De fuxir - fuxido.

-Convén recordar que algúns verbos presentan dobre forma. Unha regular, que se emprega en función verbal (nas perífrases das que xa falaremos). A irregular funciona sempre coma adxectivo. Vexamos uns cantos exemplos:

-De quentar: quentado, quente.
-De limpar: limpado, limpo.
-De coller: collido, colleito.
-De pagar: pagado, pago.
-De nubrar: nubrado, nubro.
-De acender: acendido, aceso.
-De fartar: fartado, farto.

EXERCICIOS
Completa co infinitivo conxugado as seguintes frases:
1- Ó (chegar ...) chámame pronto.= Ó chegares (ti) chámame... Tamén podería ser “Ó chegaren (eles) chámame...
2- Con (ter ...) tanto xenio non consegues nada.= Con teres (ti) tanto...
3- Con (vivir ...) deste xeito non dás exemplo.= Con vivires (ti) deste xeito...
4- Non tiñan ganas de (estudar ...). = ... estudaren (eles)
5- Con (falar ...) así non acadades nada. = Falardes (vós) así...

Nas seguintes oracións dicide se está ben ou mal o emprego do infinitivo conxugado:
1- Polos teus falares decateime como eras. = (Non é infinitivo conxugado)
2- O ter tanto ás veces non é moi bo. = (Tampouco o é)
3- O moito fumar trae malos resultados. (Tampouco o é)
4- Ó saírmos imos á praia. (É infinitivo conxugado)
5- Non abonda con teren boa intención. (É infinitivo conxugado)

ATENCIÓN:

A. EMPREGO DO INFINITIVO: ¿Cando é aconsellable o emprego do infinitivo invariable (temos que traballar) e do infinitivo conxugado (Cómpre estudarmos con interese)?

Brevemente: Non hai unha norma fixa para o seu emprego, se ben por razóns de estilo é preferible o infinitivo conxugado, mesmo por eufonía... En moitos casos poderiamos empregar calquera das dúas formas. Hai casos nos que só se debe usar a forma invariable porque non se pode usar o infinitivo conxugado: “Colleu o libro e púxose a estudar”.

B. NOTA: Limitámonos só a expoñer este tema do Infinitivo Conxugado da forma máis sinxela e simple, pois o estudo do infinitivo invariable e do infinitivo conxugado é ben complexo para unhas nocións como as que vimos explicando aquí. Chega co exposto.

REPASEMOS DE NOVO
Palabras que dicimos e escribimos mal e deben ser así:
Solidariedade, soidade, herdade, verdade, novidade, variedade. Pero en cambio é: necidade, sucidade, enfermidade, lealdade, mortaldade, virxindade, puberdade, liberdade, trindade, notoriedade.

Palabras moi frecuentemente mal escritas e que hai que escribir así:
Ambiente, humano, semana, zona (lugar), concelleiro (de concello), conselleiro (xunta), conducín, illado, móbil, verán, republicano, urbano.

Son incorrectas polo tanto: ambente, humán, semán, zoa (lugar), concexal ou concellal, conduxen, aillado, móvil, vrao, republicán, urbán.

RECORDEMOS, BEN ESCRITAS:
Debuxo, deseño, defuntos, deputados, Deputación da Coruña.