TEMA 32


PERÍFRASES VERBAIS
Son moi importantes na nosa lingua. E moi doadas de entender. Explicarémolas da forma máis clara e resumida posible:
- As PERÍFRASES VERBAIS compóñense dun verbo en forma persoal: (1- Están. 2- Levan. 3- Teño. 4- Pensa. 5- Imos. 6- Dou, ou con outros verbos...) e outro, en infinitivo, xerundio ou participio: (1- Están a chegar. 2- Levan falando unha hora. 3- Non teño acabado o traballo. 4- Pensa volver canto antes. 5- Imos pasando o tempo. 6- Non dou rematado este libro).

- Entre as dúas formas verbais pode existir unha PREPOSICIÓN (coma no núm. 1: Están “a” chegar), ou unha CONXUNCIÓN (Hai “que” estudar moito).

- Aclarémolo máis: Das dúas formas verbais que compoñen a perífrase, a primeira indica a persoa, tempo e modo, v. gr. (1- Están. 2- Levan ....). A segunda forma verbal: (1- ... a chegar. 2- ... falando. 3- ...acabado etc), é a que dá o contido semántico á expresión, é dicir, é o verbo que aporta a significación. Aínda que o significado sexa completo cos dous verbos, porque forman un todo. Isto débese a que o verbo auxiliar -(nos exemplos anteriores: están, levan, teño, pensa, imos, dou, son os auxiliares) - foi perdendo a súa significación orixinal ata se transformar nun elemento puramente gramatical. Pois o que lle dá, como dixemos antes, a súa significación é o segundo verbo. Nos devanditos exemplos a idea ou significado é o de “chegar”, “falar”, “acabar” ...

- Podemos deducir, xa que logo, que o FUNDAMENTAL DESTAS PERÍFRASES é que a REUNIÓN destes dous verbos —o auxiliar e o auxiliado— teñan un valor distinto do que cada un deles posúen separadamente. Exemplo: Non teño (auxiliar), acabado (auxiliado).

- Cómpre ter presente que NON hai perífrases verbais, polo tanto, cando o primeiro verbo conserva o seu sentido orixinal. Con exemplos entenderémolo mellor:
a) Vexo chegar uns barcos.
b) Pensa escribir un libro.
c) Desexan vir de vacacións.
Nos casos a), b), c), vexo, pensa e desexan conservan o seu sentido orixinal, de ollar, meditar, querer. Non están usados pois coma auxiliares, non existe gramaticalización. Polo tanto non son perífrases verbais.
- UNHA DAS PARTICULARIDADES DAS PERÍFRASES, respecto ós outros tempos dos verbos, é que expresan matices ou modificacións da idea central do verbo que non se conseguen por medio das formas normais (número, persoa, tempo, modo, voz) da conxugación.


CLASES DE PERÍFRASES
Non esquecendo que nun cursiño sinxelo de Galego Práctico, non o podemos abranguer todo, indicaremos as máis comúns:
1- IR + infinitivo: Imos estudar (expresa futuridade).
2- HABER + infinitivo: Hasme (de) facer iso (obrigativa).
3- Houbemos (de) caer (acción a piques de suceder no pasado).
4- Botarse a, poñerse a + infinitivo: Botouse a chorar (incoativa, é dicir expresa o comezo brusco da acción).
5- Andar, estar a + infinitivo (indican unha acción durativa): Andaban a traballar onde podían.
6- Deber + infinitivo (indica obrigatoriedade): Deberías estudar máis.
7- Poder + infinitivo (indica probabilidade ou unha hipótese): Mª do Carme pode ter uns trinta e seis anos. Ramona uns setenta.
8- Estar + infinitivo (indica unha acción a punto de suceder ou futuridade inmediata): Están a chegar.


PERÍFRASES CON XERUNDIO
1- Estar + xerundio (indica unha acción imperfectiva durativa): Están traballando na horta.
2- Ir + xerundio (imperfectiva ou de desenvolvemento gradual): Foise acabando pouco a pouco.
3- Vir + xerundio (imperfectiva con valor terminativo): Antonio vén sendo o sobriño de Loli.


PERÍFRASES CON PARTICIPIO
1- Levar + participio (indica acción rematada ou perfectiva): Moito leva bebido xa Antonio.
2- Leva vivido moito (igual ca a anterior)
3- Ser + participio (forma a voz pasiva moi pouco usada na fala): Estes documentos foron vistos polo xefe. Se es bo serás querido por todos.

REPARADE: Quedan aínda moitos exemplos das distintas modalidades ou aspectos das diversas perífrases que citaremos a continuación. Poden ser (perfectivas, terminativas, imperfectivas, futuridade, incoativas, obrigativas, hipotéticas, reiterativas).


TRABALLEMOS COAS PERÍFRASES:
Subliña as perífrases verbais:

a) Tes que andar amodiño coa moto.
b) Hei de o facer ben axiña.
c) Debes de estar xa moi canso.
d) Non dou acabado todos os exercicios.
e) Botouse a chorar coma un neno.

Substitúe o subliñado por unha perífrase:

1) Mañá chegaremos ás nove ó choio. Mañá temos que chegar...
2) O lavalouza dáme problemas. O lavalouza está a darme....
3) O venres varrerán a praza. ... queren varrela....
4) Unha gaivota sobrevoa o barco. ... está a sobrevoar...
5) O galo distínguese do corvo. ...pódese distinguir...
6) Tivo un accidente coa moto. Acaba de ter...
7) Eu xa andei moitos quilómetros. ... levo andando...


REPASEMOS: A SOLUCIÓN DA DÚBIDA
Recordemos algúns xentilicios galegos: co seu masculino e feminino:

Arousán, arousá; arzuán, arzuá; bergantiñán, bergantiñá; caldeán, caldeá; carnotán, carnotá; compostelán, compostelá; ferrolán, ferrolá; fisterrán, fisterrá; redondelán, redondelá; ribeirán, ribeirá; salnesán, salnesá; vilagarcián, vilagarciá.

Outras formas tamén válidas: arnoiao, arnoiá; burelao, burelá; courelao, courelá; limiao, limiá; melidao, melidá.


OLLO CON ESTAS PALABRAS:
Correctas: alude, ataúde, céspede, hóspede, laúde, parede, rede, interese, saúde, sede, virtude.

ESCRIBAMOS BEN: garda civil; garda forestal, garda mariña; Pero: gardabarreira, gardalama, gardarríos, gardarroupa, radioínte.

Fagamos o plural: radioíntes, gardas civís, galegos-portugueses, gardas nacionais, socioeconómicos, lanzachamas, tiraliñas, caixas fortes, cortafogos, cintos de seguridade, fisicos-químicos, gardarroupas, parabéns.