OS DISTINTOS FALARES QUE HAI EN GALICIA.
Temos comentado, nunha lección anterior, que hai moita xente que pensa que só se fala bo galego na súa aldea, vila ou bisbarra. E non é así, “tampouco son unha babel” estes distintos falares moi respectuosos e admitidos todos. Nin se deben considerar, nin moito menos, como un sinal de incultura, por exemplo: o uso da “GHEADA” e do “SESEO” con que fala moita xente. Na fala están correctamente usados e admitidos estes usos o que non debe ser motivo de burlas ou chufas, como aquilo “Soy de Lujo y no lo niejo”.
Na escrita debe evitarse a “GHEADA” e o “SESEO” pois considérase incorrecto. A fala dos canarios e andaluces, co seu “seseo”, tampouco se considera incorrecta, pero na escrita si estaría mal.
É normal que o galego teña falares distintos e sufrise todos estes cambios que imos ver, a través de todas as vicisitudes polas que pasou ó longo da historia —desde o rei Fernando III de Castela, o primeiro que oficializa o castelán, á instauración dos Trastámara a finais do século XIV, que trae a nobreza foránea co seu propio cortexo ou comitiva e mailo seu idioma, os séculos escuros, a derrota de Juana la Beltraneja por Isabel la Católica ... a Guerra Civil española ..., épocas nas que só se vai, a maioría das veces, transmitindo oralmente, por estar prohibido—.
É evidente que hai características fonéticas, morfolóxicas e léxicas, as variantes do galego, dunhas zonas e doutras.
O Instituto da Lingua Galega, da Universidade de Santiago, recolleu nun importante Atlas Lingüístico Galego o meritorio traballo dos distintos falares de Galicia. E así un destes lingüistas, Francisco F. Rei, divide segundo esta variante a Galicia en tres grandes bloques lingüísticos.
BLOQUE OCCIDENTAL, BLOQUE CENTRAL e BLOQUE ORIENTAL, e dentro de cada bloque varias áreas lingüísticas, marcadas polos máis importantes fenómenos lingüísticos que non son comúns en toda Galicia.
A) VEXAMOS ESTAS VARIANTES LINGÜÍSTICAS
1- GHEADA: Consiste na pronuncia do “G” (gue) como un “H” aspirado. O seu son é semellante a aspiración do “h” inglés en palabras: ghato (hato), lughar (luhar), cheghamos (chehamos), logho (loho), amigho (amiho).
Como dixemos arriba, non se debe considerar como sinal de incultura o falarmos así. Na escrita non se representa, sería incorrecto, como vimos tamén.
Hai outras zonas nas que din (dominco ou dominho) coma na zona fisterrá.
Cómpre ter presente que a “GHEADA” non existe en portugués é unha característica propia do galego. Non ten tampouco influencia do castelán nin é por ir contra este. Este fenómeno dáse principalmente en todas as provincias da Coruña, Pontevedra, a metade sur occidental de Ourense e a parte occidental de Lugo.
2- SESEO: Chámase “SESEO” o cambio do son “S” polo suave “Z”. Así “sapato” no canto de zapato, “sine” en vez de cine e “serto” por certo. O SESEO tamén é correcto na fala, a ninguén lle ten que parecer “feo” nin inculto; é un “seseo” tan lexítimo como o dos canarios, andaluces ou latinoamericanos, como dixemos antes. Así narís, rapás, Mondarís, a este “seseo” final chámase “SESEO” IMPLOSIVO e dáse principalmente en certas zonas das provincias da Coruña e Pontevedra. E o “SESEO” EXPLOSIVO ou total cando vai ó principio ou no medio: sapato, sinco, situasión.
Serve tamén de orientación para observar os distintos falares:
3- AS PALABRAS REMATADAS EN -N.
Vexamos a denominación IRMÁN e IRMÁ que foi a que quedou admitida como normativizada, e que se dá máis no Bloque Occidental oeste da provincia da Coruña e Pontevedra. Así temos que o IRMAO a IRMÁ o din na zona do Bloque Central, Lugo e Ourense e na parte oriental das provincias da Coruña e Pontevedra.
Noutras zonas, empregan indistintamente “irmá” para o masculino ou feminino: “o meu irmá”, “a miña irmá”.
Outra característica diferenciadora dos Bloques e áreas lingüísticas, é a formación do plural das palabras rematadas en -N.
Así no Bloque Occidental (oeste das provincias da Coruña e Pontevedra e sureste de Ourense) dise: camións, cans, ladróns, etc. que é o plural normativizado. As outras variantes admitidas e correctas na fala oral: camiós, cas, ladrós, do galego do Bloque Central, e temos no Bloque oriental: camiois, cais, ladrois.
4- Outra diferenza é o uso do CHE no canto de TE e viceversa. No occidente da Coruña usamos CHE indistintamente, cando só se debe usar se é O. Indirecto ou Dativo, así: Tróuxenche un regalo. En cambio, “chameite”: O. Directo ou Acusativo. Na área do Baixo Miño, pola Guarda, na fronteira con Zamora e no este de Ourense, emprégase SEMPRE o TE no canto de CHE.
5- Outra particularidade é a forma TI, pronome persoal de suxeito da 2ª persoa, no canto de TU. A normativa inclínase por TI.
6- O ditongo -OI- é a forma normativa en palabras como MOITO, NOITE, COIRO, TROITA aínda que existen as formas: muito, nuite, cuiro, truita.
s
E outras variantes que pola brevidade non podemos dar aquí.
CONVÉN LEMBRAR: Despois do que levamos dito a lingua galega conserva UNHA GRANDE UNIDADE, un de Tui enténdese cun de Viveiro, e un de Fisterra cun dos Ancares. Non existen dialectos do galego, senón características distintas e desigualmente repartidas que caracterizan unhas falas locais fronte ás outras. E non esquezamos: Todas as falas galegas son igualmente válidas, aceptables e correctas, pero o que non podemos facer é que na escrita escribamos coma nos pete
|