![]() |
|||||||||||||||
|
Ardebullo, a aldea universal |
|||||||||||||||
Texto: P. Rico
|
|||||||||||||||
![]() |
| Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro (de barba), no seu local de espectáculos, a Sala The Star, en Carral. / Eduardo Vicente |
Dous humoristas de Culleredo co nome artístico de Os Dous de Sempre encarnan ás famosas cantareiras de ‘Luar’
Nucha e Mucha saíron por primeira vez de Ardebullo, unha aldea tan pequena que nin sequera sae nos mapas, hai pouco máis dun ano, cando Gayoso as invitou para cantar os seus grandes éxitos en Luar. Desde entón, as cantareiras de Ardebullo arrasan non só na televisión, senón tamén nos bares e verbenas de toda Galicia. Detrás destas vellas irmás retranqueiras e dos seus hits desafinados e costumistas están dous actores e amigos de Culleredo, Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro, os novos reis do “humor hiperenxebre”, como lles gusta definir o seu traballo como dúo cómico, bautizado como Os Dous de Sempre.
Escolleron ese nome hai sete anos, cando se estrearon nos escenarios —xa daquela vestidos de cantareiras—, aínda que a súa relación vén de moito máis atrás. Foron ao mesmo colexio, en Tarrío, desde que tiñan oito anos, e xogaron no mesmo equipo de balonmán, o Grupo Mar, até que cumpliron os 20. Entre gol e gol foise creando a amizade que aínda hoxe conservan. “Eramos un grupo de xente que durante moitos anos convivimos todos os días, nas clases, nos entrenamentos e logo as fins de semana nos partidos”, di Marcos, que xogaba de extremo bala —“Eu xogaba de... de calquera cousa”, engade Xosé—. “Daquela xa eran graciosos, xa viamos que valían para facer a mona, pero cada un polo seu lado. O mellor eran as saídas de Marcos cando o entrenador lle botaba a bronca”, di Jaime, amigo da infancia, antigo compañeiro de clase e de equipo e agora manager de Os Dous de Sempre.
Foi no instituto Crucero Baleares (máis coñecido como Universidade Laboral) onde callou a complicidade cómica e teatreira entre Marcos, de 27 anos e veciño de Liñares, e Xosé Antonio, de 29 e de Castelo. “O profesor de galego, Fernando Torreiro, convenceunos para meternos no grupo de teatro, Speculum Meigallada. Alí fixemos a primeira obra xuntos, Unha rosa é unha rosa”, recorda Xosé.
Dous anos despois daquela adaptación de Suso de Toro, e logo de moitas actuacións improvisadas en festas de cumpreanos e reunións con amigos, Xosé e Marcos convertéronse formalmente en Os Dous de Sempre. Foi o 17 de maio de 2002, no festival das Letras Galegas de Carral. “Daquela foi Peter, da taberna Lume e Ferro, en Carral, o que nos tivo que convencer para que preparáramos un número de humor xuntos”, di Marcos. E foi nese “número” onde naceron as súas personaxes máis famosas, Nucha e Mucha, as cantareiras de Ardebullo que hoxe triunfan cada venres en Luar e nos escenarios de toda Galicia. “Aquel día Nucha e Mucha actuaron só uns minutos, pero xa cantaron algún dos seus grandes éxitos, como Europe’s living a celebration en versión pandereiteira”, recordan.
Máis de 200 actuacións
A Sala The Star, o seu local en Carral Como moitos dos que estudaron no instituto Crucero Baleares (a Universidade Laboral) de Culleredo, Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán acabaron montando a súa base de operacións en Carral, punto de encontro e festa para moitas xeracións de rapaces das Mariñas os domingos. No verán de 2007 Marcos e Xosé decidiron abrir a súa propia sala de espectáculos, a Sala The Star, un espazo “diferente”. “Buscabamos un local para ensaiar, e logo pensamos en facer algo distinto onde puidéramos ofertar música, teatro, humor...”, di Marcos. “Oferta só para beber, xa había”, engade Touriñán. Así, desde a súa apertura todas as fins de semana na Sala The Star téñense programado concertos, monólogos, espectáculos de maxia, danza, conferencias, presentacións de filmes ou libros... ademais dos seráns de música tradicional, os primeiros xoves de cada mes. Como empresarios, Os Dous de Sempre prefiren botar man do seu círculo máis cercano para todo o que precisan. Amigos, familiares, antigos compañeiros do equipo de balonmán e veciños de Culleredo e de Carral conforman o seu equipo de guionistas, produtores ou contables. “En realidade o do amiguisimo non é tan raro, aquí lévase moito...”, din. |
![]() |
O éxito daquel día fíxoos repetir até as máis de 200 actuacións que contan hoxe, non só como cantareiras senón tamén con outras personaxes e espectáculos aos que tamén teñen “moito cariño”, como o emigrante retornado, a parella de obreiros no andamio ou os futbolistas de Orsay, unha parodia sobre o mundo do fútbol. Iso, á parte dos seus traballos en solitario. Marcos participou en series da TVG como Terras de Miranda e Xosé, noutras como Padre Casares ou A vida por diante. Tamén teñen traballado no Supermartes, En pé de festa e outros programas como Air Galicia, Perdelo Todo ou o radiofónico Tren do Serán, onde Touriñán interpreta a outro personaxe cada vez máis coñecido polo público galego, Ramón Regoufe. No campo do teatro, Xosé traballou cos Manicómicos, e Marcos en obras como Final de película.
Pero o certo é que foron as cantareiras de Ardebullo as que levaron á fama a estes dous novos actores de Culleredo. Nucha e Mucha preséntanse como dúas irmás solteiras e afecionadas á música, veciñas dunha aldea remotísima, Ardebullo, onde viven coas súas once irmás, a súa nai (“á que todos chaman A Conexa”, din), o cura da parroquia e pouco máis de dez veciños. Todos eles —en especial o padre Nicanor, protagonista de moitas das composicións de Nucha e Mucha— son case ídolos para o cada vez máis nutrido grupo de fans das cantareiras, que xa contan con case mil seguidores en Facebook, a rede social máis famosa de internet.
“Nucha [interpretada por Marcos] é a máis vella das 13 irmás, e tamén a máis prudente e a máis lista”, explica Pereiro. “É que ela estudou até sexto”, engade Touriñán, ou Mucha, a máis impetuosa e inoportuna da parella. O que comparten as dúas irmás, e todo o universo de Ardebullo, é ese humor retranqueiro, bruto e rural, “hiperenxebre”, como eles lle chaman e que estiran até o ridículo. “As cantareiras están esaxeradas, claro, pero poderían ser calquera tía ou avoa da maioría dos galegos”, di Xosé, que se reafirma cando toca falar dos que critican o seu traballo e os acusan de reproducir o peor do mundo rural e de dar unha imaxe atrasada e vulgar dos galegos.
“Acaso os Luthiers non falan tamén de sexo, cornos e cacaculopis? E enchen o Coliseum. O noso é unha parodia de nós mesmos, dos galegos. Pero se vén de fóra parece que é mellor. Se cadra as cantareiras e a xente que elas representan non saben falar ben, pero si saben facer carros e cestos, botar as patacas e distinguir as árbores e os paxaros. Ademais, se lles gustan a 300.000 persoas que ven Luar todos os venres, algo bo terán...”, di Xosé, mentres Marcos asinte.
Igual cás críticas, a comparación cos recentemente separados Tonechos, os seus predecesores no trono do humor galego, tamén é inevitable. Os Dous de Sempre cren que o seu é un traballo “diferente” e non se senten os seus sucesores, pero aplauden a traxectoria de Tonecho e Tucho. “Ogallá a nós a xente tamén nos garde o cariño que o público galego aínda lle ten aos Tonechos”, din.
Do mesmo xeito que son criticados, tamén teñen fans incondicionais que saben de memoria as súas peculiares cancións, unha parte fundamental do seu éxito. “Oh, padre Nicanor / tuviste un accidente en el tractor”; “Canta tú y canta esa / que nós somos as da Conexa” ou “Pija, pija, Carolina / tes unha saia de Lacoste” son algunhas das absurdas pero pegadizas estrofas dos seus temas máis coñecidos. “Cando imos actuar por aí, impresiona ver a mil persoas que cantan de memoria as nosas cancións”, engade Marcos.
Sobre o seu sistema de traballo, aseguran que eles mesmos escriben todos os guións, aínda que nos últimos meses, desde que están preparando o seu novo espectáculo, contan coa axuda dalgún que outro amigo. De todos os xeitos, os guións rematan sendo unha pauta, e deixan fluír a improvisación. “Levamos tanto tempo coas cantareiras que xa sabemos como pensan, sae só”, di Marcos. Ao final, ten razón Gayoso cando di que “elas mandan o guión para Luar o martes, e logo o venres fan o que lles parece”. Malia levar tanto tempo xuntos, aseguran que aínda se levan ben, e manteñen as súas aficións: a Xosé gústalle, por exemplo, ir pescar, e a Marcos, a fotografía.
Como anécdota, recordan que nos seus inicios as cantarerias non eran de Ardebullo, senón de Verdillo, un lugar de Carballo no que si hai unhas cantareiras reais, famosas polas súas pezas tradicionais. “Cando miña nai nos viu vestidos con esta roupa por primeira vez, botou as mans á cabeza e dixo que pareciamos as cantareiras de Verdillo”, recorda Marcos. Tomárono ao pé da letra e escolleron ese nome, até que nunha actuación en Carballo amenazáronos con demandalos por usurpar a identidade das dúas cantareiras orixinais. “Estábannos vacilando co da demanda, pero prefirimos cambiar o nome e ocorréusenos Ardebullo”, di Touriñán.
A transformación
| “As cantareiras collen nunha maleta”. Baixo esta premisa, Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro percorren Galicia para actuar como as cantareiras de Ardebullo, personaxes nos que se transforman en pouco máis de dez minutos. Unhas pañoletas, un vestido, unha saia, as zapatillas e as inconfundibles gafas que non lle deixan ver o mundo a Mucha. Con ese atuendo, —“todo sacado dos armarios das nosas casas”, di Marcos— Nucha e Mucha levan case sete anos cantando por toda Galicia. “A roupa é a mesmiña có primeiro día. Lavada, iso si”. |
![]() |
![]() |
|
![]() |
|||
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
Leer Más