La Opinión a Coruña

Volver a la Página Principal

Os reis do humor “hiperenxebre”

O Baile de Ardebullo, unha homenaxe a seus pais

Aproveitando o tirón de Luar, as cantareiras decidiron botarse á estrada e ver mundo cun novo espectáculo, O Baile de Ardebullo, co que pretenden recrear as festas e verbenas de antes. Para iso, chamaron ás portas dos once veciños de Ardebullo e atoparon a outros tantos músicos, todos dispostos a ir de xira con elas e tocar as pezas que se escoitaban hai corenta anos nos bailes e salas de festas de toda Galicia. Mesmo Sito Sedes, ex cantante de Los Satélites, se sumou á banda. Polo menos, así o contan Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro, que querían “homenaxear” a seus pais con este proxecto. “Moita xente da nosa xeración foi concebida naqueles bailes e verbenas de antes”, di Xosé. Os músicos da súa aldea ficticia acabaron formando a Ardebullo Bin Ban, unha orquestra inspirada en bandas como Los Satélites, Los Trovadores, Los Player ou Orquestra Finisterre. Cunha formación musical e mesmo unha estética como as daquel tempo (atril e traxes incluídos), a Bin Ban das cantareiras interpreta temas clásicos galegos como El Triste Papel, Papá y mamá, Mi tierra gallega, e pezas internacionais de Glen Miller ou Frank Sinatra. E entre canción e canción, os contos das cantareiras, que incluso compraron traxes novos para a ocasión. O Baile de Ardebullo estreouse o pasado sábado na Flor de Montouto (Abegondo), con Xurxo Souto e Paco Lodeiro de mestres de cerimonias, e hoxe, ás 20.00 horas, chega á Sala Palladium de Melide. Tamén estarán na sala La Mami, de Ourense (o 2 de maio) e na Nova Exágono de Lugo (o 10 de maio).

 

 

Sito Sedes
Ex cantante de Los Satélites e vocalista da Ardebullo Bin Ban Orquestra

“Estou feliz por volver cantar os temas de sempre con xente nova”

P. Rico
Sito Sedes comezou curtindo a voz con 15 anos, cantando na Orquesta Atlantic de Pontedeume. Logo pasou pola Sintonía, a Orquesta Radio e os Key, até que no ano 69 chegou a Los Satélites, onde percorreu Galicia, España e o estranxeiro con temas míticos como El triste papel o El jardín até que en 1982 decidiu retirarse. 27 anos despois, volve aos escenarios da man das cantareiras e da Ardebullo Bin Ban Orquestra.
–Como é que se decidiu a volver aos escenarios?
–Pois porque me gustaba a idea da orquestra, co repertorio e a música como era antes, e porque mo pediron as cantareiras. Estou feliz, nunha nube, por poder cantar de novo aquelas cancións de sempre con xente nova e ilusionada. Se mo pediran outros non aceptaría.
–Que tal foi a estrea na Flor de Montouto?
–Moi, moi emocionante. Creo que nunca, en toda a miña vida, me temblaron tanto as pernas como cando saín ao escenario e todo o mundo me aplaudiu. E daba gusto ver a todo o mundo bailando coma antes. Ademais, a xente aplaudía aos músicos pola súa música, sen ningún outro aliciente. E iso é moi raro velo hoxe en día. Para min isto é un soño, estou contentísimo. Encántame oír á miña muller preguntándome ‘Cando te vas?’, como antes, cando vou ensaiar ou actuar. Súbeme algo polo corpo.
–Como cambiaron as orquestras desde a súa época até agora?
–Antes as orquestras coñecíanse polo seu repertorio. Cada unha cantaba unhas cancións, e moitas delas eran orixinais. Agora todas tocan as mesmas, que vén sendo a música que soa na radio. Con todo, eu respeto todo, claro. Cada xeración ten os seus ídolos.
–E a relación co público? Como eran os bailes?
–Todos estaban deseando que foramos, e a relación coas comisións de festas era directa, non como agora que vai todo por representantes e intermediarios. Eu estiven oito anos seguindo comendo sempre na misma casa en Oza, xa son como da familia. E á hora de tocar, tiñas á xente cerca, como o outro día na Flor. Agora hai vallas entre os músicos e o público.
–Como é o público galego?
–En Galicia sempre houbo moita sensibilidade musical. Eu coñecín músicos que aprendían solfeo de seus pais, ensinábanlles cando acababan a xornada no campo. En cantas vilas galegas, sobre todo nas zonas mariñeiras, non hai un bar onde a xente vai cantar?
–E as salas de festas?
–Recordo con especial cariño A Perla, de Perlío, e a do Seijal, que tivo o primeiro palco xiratorio de Galicia.