Blog sobre verbenas, festa a festa: e sigo porque me presta
Redacción
"Festa a festa: e sigo porque me presta"
Como definirías a túa web?
Festa a Festa é un espazo dedicado ás festas e ás orquestras desde a óptica dunha persoa que non pertence a ese mundo. Un lugar onde poder informarse das celebracións populares e coñecer un pouco máis as orquestras e os seus compoñentes, é dicir, o mundo festeiro e verbeneiro.
Con que finalidade foi creada?
A única finalidade é promocionar as orquestras e festas de Galicia desde un punto de vista neutral e non profesional, fóra das propias empresas dedicadas ao sector e á marxe das oficinas ás que pertencen as formacións musicais.
Que valor engadido ofrece con respecto doutras páxinas similares?
En Galicia, nestes momentos, hai cinco sitios web dedicados especificamente a este tema. Catro centrados nas festas e orquestras de toda Galicia, entre os que se atopa Festa a Festa, e un máis dedicado ás celebracións do Barbanza. O común de todos eles é que están feitos por xente afeccionada que non temos nada que ver coas orquestras e polo tanto non dependemos de ningunha empresa, orquestra nin axencia de espectáculos. Tamén hai que dicir que o facemos de maneira altruísta no noso tempo libre. Neste sentido somos espazos dixitais moi semellantes. Con respecto a outras páxinas similares, Festa a Festa ofrece, ademais, información sobre festas gastronómicas e algunhas celebracións populares aínda que nelas non participe necesariamente unha orquestra. Tamén estamos organizando unha colección de carteis de festas populares e gastronómicas desde os anos 50 ata a actualidade. No resto, información sobre orquestras, calendario de festexos, enlaces ás páxinas web dos compoñentes e grupos musicais, carteis de verbenas e orquestras, vídeos e fotografías... somos todos bastante similares, cada un dentro das súas posibilidades de medios pero sobre todo de tempo dispoñible.
Canta xente forma parte do proxecto?
En principio o proxecto ía ser unipersoal. Eu mesmo sería a única persoa implicada no blog. Pero a realidade é que hai outra persoa que me axuda moitísimo nesta aventura, a miña muller Pilar. Como Festa a Festa non tería sentido difundilo só coa información que se consegue desde a casa e hai que saír ás festas, o cal está moi ben pero non sempre tes ganas de facelo, cando imos os dous ela bótame unha man coas gravacións e as sesións de fotografía, pero sobre todo na casa coa edición do material. Sen ela non podería realizar todo o traballo que hai detrás de Festa a Festa, posiblemente moito máis do que parece.
Como se reparten as tarefas?
Eu dedícome especialmente ao labor de administración do blog e á redacción das noticias, entrevistas e actualización do calendario de festexos no verán. Nas saídas dividimos os labores de fotografía e vídeo; cada un colle unha das dúas cámaras e fai o que considera oportuno.
A que tipo de usuarios vos dirixides?
Festa a Festa está dirixido a todo tipo de persoas que queiran saber algo sobre as orquestras galegas ou que actúen por Galicia e queiran ter información sobre as festas populares que se celebran na nosa xeografía.
Que obxectivos vos marcastes?
O obxectivo principal é ofrecer un espazo atractivo para os visitantes, que mostre unha información de calidade e útil. A partir de aí os outros son obxectivos secundarios: a máxima repercusión mediática do blog e o seu posicionamento como un lugar de referencia no mundo verbeneiro.
Que criterios seguides para seleccionar os contidos?
O criterio principal é que o tema que se vai tratar teña que ver coas festas populares ou as orquestras de Galicia. Partindo disto o tema xa é atractivo para Festa a Festa: tirar fotografías ou vídeos dunha verbena na que está actuando unha formación musical, facerlle unha entrevista a un compoñente, publicar os carteis coa información das festas que consigamos en páxinas web de concellos ou que nos envían os lectores ou as comisións, facer un artigo sobre unha festa gastronómica que está próxima no calendario, etc... Actualmente estamos a preparar algunha entrevista con comisións de festas ou compoñentes destas para ter un punto de vista diferente das celebracións populares e coñecer un pouco máis ese mundo desde dentro.
Como vedes o futuro da rede no voso ámbito?
En canto á proxección na rede das orquestras e festas, é raro atopar hoxe unha orquestra que non teña a súa web e cada vez son máis as festas que teñen a súa páxina propia como lugar de información e sitio de encontro. En canto ás webs de información xeral de festas e orquestras, hai uns anos só había dous sitios importantes dedicados a este tema, dos cales un cerrou, e no ano 2009 naceron os outros catro, entre eles Festa a Festa. O futuro deste tipo de webs e bitácoras dependerá directamente da saúde das nosas festas populares e dos grupos musicais que actúan nelas. Parece imposible pensar que en Galicia, lugar festeiro por excelencia, esa realidade vaia mudar substancialmente nos próximos anos.