Como definirías a túa web?
Eu diría que Pi-Todo depende é un caderno ultrapersonal de reflexións hipermiñas botadas por fóra sen xeito pero con ansia. Un blog, vaia.
Con que finalidade foi creada?
Debo confesar que o de escribir un blog non foi idea miña. Foi unha grandísima idea allea pola que estarei sempre agradecida e en débeda. Fora como fora, cando decidín botarme á rede tiven claro que o que fixera debía ser algo intrascendente, pacífico e construtivo, sen máis axioma que o tempo que nos leva. Só pretendo escribir con algo de tino sobre as cousas que me resultan curiosas neste mundo tolo.
Mellor remítome ao manifesto fundacional do blog, ao post primixenio, ao Big Band de Pi-Todo Depende. Escribino o 27 de setembro de 2007, hai xa dous anos e medio, pero a declaración de intención segue vixente:
"Espero que dure e que mole (máis ben ao revés, polo de causa-efecto), e que non sexa ´progre´, nin podre, nin lúgubre. Que non teña nome. Que vaia e que veña, que me atrape e que non me importe, todo a un tempo. Espero que non faga mal.
Porque non facer mal (pero mal, mal), sempre que se poida, vén sendo o único que me preocupa. Do resto, todo depende, e ademais dá igual. En realidade, nin eu, nin o que escriba ten a máis mínima importancia. Os humanos estamos sobrevalorados, e as opinións humanas máis aínda."
Tamén me gusta pensar en Pi-Todo Depende como un almacén de pensamentos que poderei revisar cando pasen os anos, en plan nostálxico. E pode ser útil para a policía se algún día me dá por malear e queren investigar o meu perfil.
Que valor engadido ofrece con respecto a outras páxinas semellantes?
Non queda moi ben isto de presumir, pero veña, que un día é un día. Eu diría que as ´marcas da casa´ de Pi-Todo Depende son tres: o branco e negro do deseño, o galego da linguaxe e, sobre todo, o eclectecismo dos contidos (teño falado de astronomía, de escatoloxía e de ciencias empresariais; de fútbol americano, de baloncesto galego e de biatlón nórdico; do teletransporte e da física cuántica; dos orificios corporais; de cans con superpoderes, de atletas ilustres e de xenios; de illas e do mundo todo; de elfos e de dinosaurios; de guapos e feos… mesmo teño inventado palabras como toporrimia ou romeriódromo).
Canta xente forma parte do proxecto?
Quitando unha colaboración puntual de Coltra, que un día, cando aínda non tiña blog propio, quixo falar de Miyazaki, polo momento só escribo eu. Pero iso, claro, implica a moitísima xente, desde a matrona que me axudou a saír até o enterrador que me ha de levar.
Como vos repartides as tarefas?
Pois a matrona xa fixo bastante, creo eu, e ao enterrador de momento prefiro non darlle traballo. Así que basicamente yo me lo guiso yo me lo como.
A que tipo de usuarios te dirixes?
Non ando tan sobrada de seguidores como para facer distingos, nin moitísimo menos. Pero creo que calquera que teña un pouco de tempo e ánimo para ler algunha parida de vez en cando pode atopar en Pi-Todo Depende cousas curiosas.
Que obxectivos te marcache?
Xa levo varios propósitos de enmenda para mellorar o ritmo de actualización do blog, pero nunca os din cumprido. Gústame interpretar esta falta de determinación miña como unha proba de que o Pi-Todo Depende é como quero que sexa, porque escribo cando me apetece e cando teño tempo de facelo ben. Teño varios borradores a medio escribir desde hai máis dun ano, pero non os penso publicar mentres non estean niquelados, e iso lévame tempo porque o certo é que me encanta o meu blog, e non quero facelo tarde, mal e arrastro. Prefiro que sexa tarde, ben e arrastro.
O que si teño previsto para curto-medio prazo (no meu mundo isto poden ser varios meses, aviso) é reorganizar os contidos en categorías, etiquetas e páxinas para revalorizar os post antigos.
Que criterios segues para seleccionar os contidos?
Intento falar das cousas que me interesarían aínda que eu fose inmortal, porque creo que son as que realmente importan; a consiencia da morte núblanos o xuízo e fainos perder o tempo. Cando penso se algo vale a pena ou non (para publicar no blog ou como filosofía de vida, tanto ten), pregúntome: ´faríalo igual se foses inmortal?´ É a proba do algodón. En xeral, gústanme os temas de natureza e xeografía, as historias chulas de xente e lugares, os xogos (especialmente os xogos de palabras), a arte, a ciencia… os post de Pi-Todo Depende saen de moitos sitios, de cousas que leo ou que vexo, do bar, dalgún dos meus múltiples ´recomendadores´, da Estrella Galicia…
Como ves o futuro da rede no voso ámbito?
Teño curiosidade por ver como vai todo dentro de dez ou quince anos, cando a xeración que xa naceu cos ratos e os wifis estea a tope. Seguro que haberá novos formatos artísticos, mercantís e sociais, e que o mundo seguirá revolucionándose cada vez máis, como no túnel ese que construíron para acelerar partículas e volver ao principio de todo. Espero en que para entón eu aínda ande por aí, dun xeito ou doutro, batendo cos átomos.