EUROPA PRESS
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, considerou hoxe que moitos galegos "aínda non comprenden o espírito do que pode chegar a ser a Cidade da Cultura" e reiterou a súa "fe nese proxecto" co que animou a poboación a "involucrarse".
Nunha entrevista concedida á Televisión de Galicia e recollida por Europa Press, Varela considerou a xestión do edificio do Gaiás un "traballo difícil" pola "polémica" que o rodeou, aínda que recordou que no mundo "se fixeron varios proxectos como este, que empezaron con dificultades pero remataron triunfando", entre os que nomeou a Opera de Sidney.
Ademais, Varela recordou que despois do verán, o Executivo iniciará unha campaña de visitas á Cidade da Cultura para que "tódolos galegos" poidan acceder a ela, a coñezan e "se involucren con este proxecto".
"Despois de vela, non pensas o mesmo, e estou seguro que despois de ver aquilo a xente vaise emocionar e vai empezar a querela", explicou Varela, que recordou que durante o próximo ano Xacobeo 2010 se inaugurarán o edificio do Museo e o da Biblioteca, que funcionará tamén como espazo expositivo.
XACOBEO
En relación á organización do Xacobeo 2010, Varela explicou que nestes momentos o departamento que dirixe está a traballar nas liñas de programación, que serán presentadas o próximo 20 de outubro, e coa aceptación de patrocinios que, coa que indicou que están "moi satisfeitos" e que vai "curiosamente bastante ben".
Así, explicou que a programación do Xacobeo terá "varios piares" articulados sobre cuestións artísticas, musicais e de artes escénicas e "será deslocalizado" para que "todo o mundo goce del".
Neste sentido, integrarán as sete grandes cidades galegas nunha rede que permitirá mostrar espectáculos en todas elas para que a oferta está "repartida de xeito axeitado á realidade".
Ademais, os concertos seguirán liñas de actuación de música clásica, coa continuación do festival Vía Stellae no mes de xullo e actuacións "dispersas" por toda Galicia ao longo do ano; e de música pop, dentro da que, recoñeceu, están barando "varios grupos" de "primerísimo nivel", aínda que aínda non hai nada pechado.
POUCO FEITO
Nesta cuestión, criticou Varela, o anterior Executivo "non deixou moito hecho", a excepción do Festival Vía Stella, que "esta funcionando ben" e co que van continuar. Non obstante, recoñeceu que en tema de programación "non hai moito adiantado".
En contraposición, Roberto Varela considerou que "aínda hai tempo" para configurar esta oferta e indicou que polo momento o realizado é "o traballo menos visible", o das actuacións de recuperación do Camiño.