"Me matan por ser bueno. Me matan porque yo no quiero que andedes descalzos". Esta é unha das últimas frases que o socialista Manuel Estévez Gómez dedicou á sua muller e fillos antes de morrer e que está recollida no libro Cartas de republicanos galegos condenaos a morte. 1936-1948, unha obra de Xesús Alonso Montero. O protagonista da carta morreu loitando por "un mundo no que non se pasase fame, como todos os socialistas", afirma o seu autor, que leva desde o 1966 recollendo información sobre os derradeiras testemuños dos fusilados republicanos para poder mostrar a situación política da época e os sentimentos dos milicianos. Todos escribían aos seus seres queridos minutos antes da súa morte para despedirse, "pero tamén para que comprenderan ben as circunstancias históricas, por que estaban nesa situación".

Montero quere facer xustiza achegando aos lectores os sentimentos dos milicianos de esquerdas a través de 120 cartas, das que 50 son inéditas. Dentro da obra figuran tres testamentos, entre os que se atopa o de Heraclio Botana, un socialista vigués que reafirmou o seu ateísmo e o amor pola súa muller coa que non estaba casado. Sen embargo el loitou para deixarlle os seus bens.

A primeria carta do libro data do 25 de xullo de 1936. Pertence ao gobernador civil da Coruña. "Grazas a Deus morreu sen saber o que lle estaban facendo á sua muller, Juana Capdeveille", di o escritor, que aegura que os franquistas "levárona a Lugo, onde a violaron e a torturaron cando estaba embarazada".

As últimas cartas tamén pertencen a dous dirixentes comunistas coruñeses, que foron asasinados no Campo da Rata: José Gómez Galloso e Antonio Seoane.

Galloso cóntalle á sua esposa Concha as torturas das que está sendo víctima, explicalle que está a pasar fame que perdeu casi 20 quilos. O republicano relata todo o seu sufrimento á sua familia: "Non podo casi escribir porque teño as mans destrozadas", afirmaba o comunista coruñés na carta dirixida á súa dona.

Outro dos protagonistas do libro de Alonso Montero é Fraiz Villanueva, natural do municipio pontevedrés de Bandeira, que morreu con 50 anos na cidade de Vigo.Tamén era republicano e formaba parte de UGT. No seu último suspiro decidiu escribir unhas letras ao seu irmán Celso e á sua muller Placeres, que foi o amor da sua vida.

Por todas estas barbaries contra os comunistas escribiu Montero o libro, porque opina que "o comunismo é a grandeza máis grande que pode ter un ser humano, é o que se debe ao ben común e á comunidade". Por iso cre que é o seu deber achegar a todos o que ocorreu.

"A xerarquía eclesiástica sabía que existía a tortura e non levantaba un dedo contra ela", lamenta Montero recordadon un dos episodios que recolle o seu libro, nunha carta de Antonio Mojón, un republicano de 21 anos que ademais foi católico até o golpe de Estado. "Entón decidiu acudir a una igrexa de Asturias e cando o confesor lle dixo: 'Confiésese', el contestou: 'Confese vostede". Montero aplaude esta actuación xa que considera que "a igrexa estaba apoiando a xente inmoral coma asasinos, latifundistas, delincuentes"

As cartas son un muestrario do que eran os aspectos da barbarie fascista en España. "Fan unha denuncia da tortura, da complicidade da Igrexa Católica cos sublevados de dereitas", que segundo o autor, "levantáronse contra os pobres e contra os sindicatos. Levantáronse contra a xente que quería pensar". Por iso escribiu o que el considera "un alegato a favor dunha causa que fundamentalmente xusta".