P. M. | A CORUÑA
A unión fai a forza. O refrán pódese aplicar ao monte galego, afectado por un forte minifundio que merma a produtividade e impide que se desenvolva o enorme potencial do sector forestal. Segundo un estudo da Asociación Monte Industria, os particulares que dedican as súas pequenas fincas forestais á madeira gañarían case o triple se a superficie do terreo fose maior. Nunha corta pequena de madeira, de entre 22 e 75 toneladas de ecualipto -unha finca dunhas 0,2 hectáreas, a parcela media en Galicia-, o propietario gaña só 22 euros de cada 100 que se gastan até que o tronco chega ao aserradoiro ou á fábrica de papel. En cambio, vendendo dunha vez entre 3.000 e 10.200 toneladas -como mínimo, seis hectáreas de plantación-, o dono do terreo cobraría 60 euros pola madeira. E iso, sen contar coas outras riquezas dun monte ben xestionado, como as setas, as castañas, o pasto ou o aforro en prevención do lume.
Abandono
En Galicia hai 2,04 millóns de hectáreas de monte. O 68% son de particulares que teñen, de media, 10 parcelas de 0,2 hectáreas cada unha; o 30% é de mancomún e outro 2% da Administración. En 2007 a madeira galega facturou 2.419 millóns, o 3,5% do PIB de Galicia, a novena potencia europea no sector. Malia que Galicia produce a metade da madeira cortada de España, un tercio da superficie forestal da comunidade está abandonada.