A Xunta bota abaixo o modelo do bipartito de xestión conxunta do monte

Os propietarios forestais denuncian o "desmantelamento" do sistema anterior . Medio Rural está deseñando unha nova figura societaria "máis operativa" cás actuais Uxfor para agrupar terreos

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Os montes de Sarandóns, no concello coruñés de Abegondo, agrupados dentro dunha Uxfor. / carlos pardellas
Os montes de Sarandóns, no concello coruñés de Abegondo, agrupados dentro dunha Uxfor. / carlos pardellas 
 NOTICIAS RELACIONADAS

PILAR MERA | A CORUÑA O Goberno bipartito presentouno no seu día como a "chave da revolución do rural". Pero o modelo de xestión forestal impulsado polo BNG, e baseado na agrupación de parcelas de monte para explotalas colectivamente, non lle gusta á Xunta de Núñez Feijóo, que xa está deseñando unha nova fórmula para ordenar os montes galegos.

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, recoñecen que as fórmulas do anterior Executivo autonómico "non son as ideais" para potenciar o sector forestal en Galicia. En concreto, as críticas da nova Administración diríxense ás Unidades de Xestión Forestal (Uxfor), presentadas hai dous anos polos nacionalistas como a figura estrela do seu plan para reordenar o monte.

As Uxfor son asociacións de propietarios de monte que deciden agrupar os seus terreos para xestionalos de forma conxunta, é dicir, plantalos, cortalos, limpalos e facerlles os accesos e cortalumes cunha única planificación, coma se fose un único monte pero mantendo a titularidade privada de cada parcela. Nos dous últimos anos constituíronse ou comezaron a tramitarse case 70 Uxfor en toda Galicia. Na maioría dos casos son unións de polo menos 20 propietarios que, ao agrupar os seus terreos, xuntan unha extensión de 100 hectáreas de media (aínda que nalgúns casos como O Candán, en Pontevedra, a Uxfor abarca máis de 500 hectáreas).

Malia recoñecer a importancia de planificar o monte a grande escala, desde a Consellería do Medio Rural rexeitan o modelo das Uxfor, ao consideralo "demasiado intervencionista e burocrático". "Coincidimos na filosofía de fondo, é dicir, na necesidade de superar o minifundismo forestal, ordenar o monte e facelo rendible. Pero a fórmula que deseñou o bipartito é demasiado intervencionista e burocrática", din desde o departamento de Juárez. E é que co anterior Executivo, técnicos da Xunta supervisaban e validaban todo o proceso, desde que os propietarios deciden formar parte da Uxfor até o deseño do plan forestal (o estudo que determina onde se debe plantar eucaliptos ou castiñeiros, onde hai que abrir pistas, cando se debe cortar a madeira ou como aproveitar os soutos para explotar a castaña ou a seta, por exemplo), así como as obras e as tarefas de limpeza. Ademais, o Goberno bipartito subvencionou case a totalidade destes traballos, co obxectivo de que as primeiras Uxfor saísen adiante canto antes para que funcionasen como un exemplo para o resto de propietarios, o que enleou aínda máis a tramitación.

En resumo, demasiados trámites, papeis e autorizacións para a nova Administración autonómica, que no canto das Uxfor, nas que detecta "problemas de funcionamento e lentitude na tramitación", prefire un modelo "máis operativo e respectuoso coa autonomía dos propietarios do monte".

Así, a Xunta xa está deseñando unha nova fórmula xurídica para que as pequenas parcelas de monte poidan xestionarse colectivamente sen depender tanto da Administración. Será unha figura societaria que se adapte aos requisitos da estatal lei de montes, que xa prevía a creación de novos sistemas de xestión forestal. De feito, a Consellería leva uns meses negociando co Ministerio e co resto das comunidades os detalles desta nova figura societaria, que deberá ser o suficientemente flexible como para dar cabida "tanto aos propietarios do norte de Lugo, onde o monte xa está moi ben ordenado, como aos do Salnés, onde a maioría dos terreos son parcelas minúsculas, de 10 metros cadrados".

Ademais, a Xunta popular aposta porque esa nova fórmula permita aos seus integrantes xestionar parcelas que non sexan da súa propiedade, é dicir, obrigar aos donos de fincas contiguas a montes agrupados a permitir que estes fagan pistas de acceso ou cortalumes, por exemplo. "Co modelo do bipartito, a agrupación de montes privados dependía sempre do consenso entre os veciños, e no rural sempre hai quen intenta torpedear eses proxectos. A nosa idea é superar eses problemas", din desde Medio Rural.

Pero, que vai pasar coas 70 Uxfor que xa se constituíron, ou que están en trámites de facelo? Precisamente a semana pasada creouse en Chantada a Plataforma en Defensa das Uxfor, unha fronte coa que represententes de 13 Uxfor e de catro entidades forestais pretenden esixir á Xunta que non "desmantele" o traballo que a Dirección Xeral de Montes realizou nos terreos de xestión conxunta e que quedaron en suspenso logo das eleccións de marzo. "Nin sequera nos recibiu o director xeral, non sabemos nada do que vai pasar cos nosos montes", di Olga Otero, voceira da Uxfor de Chantada, unha das primeiras en poñerse en marcha co bipartito.

Desde Medio Rural negan que se "desmantelase" a rede de apoio ás Uxfor e alegan que se aínda non se atendeu aos "uxforianos" é porque até o de agora todos os recursos da Consellería estaban centrados na campaña do verán contra os incendios. A Consellería promete que "non vai paralizar" os trámites e o asesoramento ás Uxfor, en especial a aquelas que ocupen máis superficie, pero admite que "tentará renconducir" os esforzos dos propietarios que decidan xestionar o monte de forma conxunta cara á nova fórmula societaria.

COMPARTIR
 
TV.LAOPINIONCORUNA.ES
   CONÓZCANOS:   CONTACTO  |  LA OPINIÓN A CORUÑA  |  LOCALIZACIÓN       PUBLICIDAD:   TARIFAS WEB  |  TARIFAS PAPEL  |  CONTRATAR   
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas