EN DIRECTO

Desorde forestal

Os propietarios de montes que agruparon os terreos nunha Uxfor, a fórmula deseñada polo bipartito para reordenar o monte, critican a desatención da nova Xunta cos seus proxectos

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Puxeron moito "tempo e esforzo" en convencer os veciños de que o mellor xeito de ter o monte limpo, ordenado e produtivo era xuntar moitas parcelas e xestionalas de forma colectiva. Os propietarios que durante a pasada lexislatura formaron Unidades de Xestión Forestal (Uxfor) en Abegondo e Chantada séntense agora "desatendidos" polo novo Goberno galego, que pensa substituír o modelo forestal do bipartito por outra fórmula "menos intervencionista" que xa está collendo forma na Consellería de Samuel Juárez

P. M. | A CORUÑA "Hoxe en día, para a maioría da xente ter un monte é un problema". A frase de José Castro, de Abegondo, resume a problemática de boa parte do sector forestal en Galicia: milleiros de pequenos propietarios que herdaron un cachiño de monte no que, como moito, plantan e cortan eucaliptos cada 10 ou 15 anos. Sen fundamentos de silvicultura, planificación forestal, limpeza, ou prevención contra o lume.

Na parroquia abegondesa de Sarandóns había moitos veciños que se axustaban a este perfil de propietario forestal, pero Juan Castro conseguiu poñelos de acordo e convencelos dos beneficios da xestión conxunta do monte. Así, o ano pasado comezaron os trámites para constituir en Abegondo unha Unidade de Xestión Forestal (Uxfor), formada por máis de 100 propietarios que, ao xuntar os seus pequenos terreos, agruparon 72,5 hectáreas de monte (0,7 quilómetros cadrados). Un bo cacho de monte que desde hai máis dun ano funciona como se fose un só terreo. "Cortamos algunhas árbores cercanas ás casas, abrimos pistas e camiños, e uniformamos o terreo plantando piñeiros nas partes altas e castiñeiros preto do río, todo segundo un plan forestal deseñado específicamente para esta Uxfor", di Juan Castro, que foi o encargado de contactar con todos os veciños e explicarlles o funcionamento do sistema. "Foi complicado, porque o monte non é como un edifcio: había moitos propietarios que non estaban, emigrantes, ou herdeiros que se desentenden da súa propiedade", di.

Finalmente conseguiu convencer a máis de 100 veciños, entre outras cousas, porque "os técnicos da Xunta encargábanse de todo: de deseñar o plan forestal, facer os camiños, tirar os marcos...". E sen coste ningún para os propietarios, porque o Goberno bipartito subvencionou case ao 100% a xestión de todas as Uxfor e comprometeuse a limpar gratuitamente eses montes polo menos durante os cinco primeiros anos.

Agora, sen embargo, o interese inicial da xente estase tornando en desconfianza, pois desde o cambio de Goberno en San Caetano a nova Xunta "desmantelou todo". "Os técnicos de Medio Rural ou de Seaga que nos atendían para todo xa non están, mandáronos para outras funcións", denuncia Castro, para quen "é fundamental ir da man da Administración" nun proceso de reordenación coma este.

"En moitas parcelas xa se cortou a madeira, malia que non lle correspondía por turno, para poder reforestar con outras especies. E agora precisamos limpar os montes con urxencia, e ninguén nos atende", engade Castro, un dos integrantes da Plataforma en Defensa das Uxfor constituída a semana pasada en Chantada para esixir á nova Consellería do Medio Rural, dirixida polo popular Samuel Juárez, que non "desmantele" as Uxfor que xa estaban en marcha.

Olga Otero é outra das fundadoras desta plataforma. É a voceira e promotora dunha das primeiras Uxfor creadas en Galicia, a de Chantada. "Aquí había moita xente que tiña franxas de só tres metros de ancho, o xusto para meter un tractor", recorda Olga, que logo de moitos "esforzos, conseguiu xuntar 400 parcelas de 94 propiedades até chegar ás 54 hectáreas. "Fixemos todos os papeis, comprometéndonos a manter a Uxfor durante 30 anos e non vender ningunha parcela até dentro de 15; e a Xunta do bipartito prometeu axudarnos durante os primeiros cinco anos", subliña. En agosto de 2008 operarios da Consellería comezou a desbrozar os montes de Chantada, "tirando marcos e todo", e hoxe o 70% da superficie xa está acondicionada para dar madeira nunhas zonas, setas noutras ou pasto para o gando. "Na primavera hai que volver limpar, pero non sabemos que vai pasar coas Uxfor. A xente estaba moi animada, pero agora, sen o apoio da Administración, é imposible seguir adiante", lamenta Olga, que tratou sen éxito de reunirse co novo director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, para esixirlle unha explicación pola "desatención" que, segundo di, están a sufrir os propietarios de montes.

Polo momento, a Xunta do PP recoñece que non impulsará as Uxfor, agás as de maior tamaño, e anuncia que no seu lugar potenciará unha nova fórmula societaria para xestionar o monte dun xeito "menos intervencionista" na que xa están traballando na Consellería.

COMPARTIR
 
TV.LAOPINIONCORUNA.ES
   CONÓZCANOS:   CONTACTO  |  LA OPINIÓN A CORUÑA  |  LOCALIZACIÓN       PUBLICIDAD:   TARIFAS WEB  |  TARIFAS PAPEL  |  CONTRATAR   
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas