EUROPA PRESS
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, instou hoxe os reitores das tres universidades galegas a "sentar a negociar" a convocatoria de prazas de profesores docentes nos hospitais, mentres que reclamou á Xunta que dea "un paso á fronte" en relación con esta polémica, tras a decisión da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de manter a súa convocatoria para a formación de estudantes de Medicina.
A preguntas dos xornalistas, tras o encontro institucional que mantivo hoxe co reitor da Universidade da Coruña, (UDC), José María Barja, Vázquez sostivo que "hai que sentar dunha vez por todas entre os reitores, a Consellería de Sanidade e a Educación", aínda que avogou tamén por que a Xunta "faga cumprir os acordos" sobre o procedemento fixado para a convocatoria de prazas.
Ao respecto, apostou por ter neste tema "unha visión galega" e non renunciar ás "sinerxías". "De pouco serviranos o pim, pam, pum,", asegurou o voceiro nacional do BNG. Por outra banda, sobre a reivindicación da UDC para implantar no campus coruñés unha Facultade de Medicina, sostivo que "hai que ponderar axeitadamente" esta demanda "e facelo cunha perspectiva seria", apuntou ao aludir á conveniencia de analizar as "necesidades reais" de formación. Non obstante, considerou que se trata dun debate "que se fará no futuro", afirmou.
Na súa reunión co reitor da UDC, Vázquez analizou tamén o sistema de financiamento das universidades galegas. A este respecto, expresou a súa "profunda preocupación" pola "diminución" nos presupostos da Xunta das partidas destinadas ás universidades e denunciou tamén a falta dun financiamento adecuado para a posta en marcha do Plan Bolonia". Ao respecto, afirmou que a adaptación a este se "inviabilizará" sen os recursos necesarios.