EUROPA PRESS
O Consello Nacional do BNG aprobou hoxe que o ex voceiro nacional da formación frentista, Xosé Manuel Beiras, presida a comisión de estratexias, creada no seo do máximo órgano de decisión entre asembleas coa finalidade de emitir informes sobre cuestións políticas "de fondo".
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou de "moi interesante" a constitución desta nova comisión, que pretende servir para que a formación realice "unha reflexión de fondo" e evitar, con iso, o "cortoplacismo" que rexe no panorama político. Tanto a súa creación como a presidencia de Beiras foron propostas do propio Vázquez.
Nesta dirección, e tras a reunión ordinaria da Executiva Nacional --que se produce cada dous meses--, o voceiro dos nacionalistas resaltou que Beiras, que lidera o Encontro Irmandiño --unha das correntes internas do BNG--, "será o responsable político" da comisión e, polo tanto, el decidirá "qué temas ten que abordar".
Así, explicou que "terá a misión de analizar cuestións de máis profundidade no marco político xeral", tras o que indicou que os informes serán recibidos pola Executiva "para a súa valoración e debate", como acontece co resto de comisións.
"A ninguén lle escapa que o mundo se move. Non tiña razón Fukuyama, non era o final da historia", ironizou Vázquez para argumentar que o BNG, "aí, terá que facer un esforzo para moverse tamén en consonancia".
ELECCIONS MUNICIPAIS
Noutra orde de cousas, o Consello Nacional do BNG tamén debateu e aprobou hoxe un documento de traballo para as próximas eleccións municipais, que se celebrarán en 2011 e nas que os nacionalistas aspiran a aumentar a representación institucional nos concellos.
Neste sentido, Vázquez asegurou que farán "todos os esforzos necesarios para afrontalas" e incidiu na "implicación" de toda a militancia. Para iso, puxeron en marcha unha comisión de traballo que se dedicará a analizar a situación "xeral e particular" nos concellos e proporá "plans de actuación" para a Executiva Nacional, explicou Vázquez.
TITULACION DE MEDICINA
Por outra parte, e preguntado pola polémica entre A Coruña e Santiago en torno á posible creación dunha segunda facultade de Medicina, Vázquez sostivo que o Goberno galego "ten algo que dicir" e "un papel fundamental" na resolución do conflito.
"Son cuestións que non se deben resolver dende o ámbito local, senón que temos que ter unha perspectiva xeral", defendeu, fronte ás últimas declaracións dos rexedores coruñés e compostelano, os socialistas Javier Losada e Xosé Sánchez Bugallo.
Para Vázquez, a constitución ou non dunha nova facultade de medicina "é unha cuestión que haberá que abordar e haberá que facelo con sensatez, en función das necesidades e dos recursos que ten este país sobre esa carreira".
Así, fixo fincapé na necesidade de que os reitores e o presidente da Xunta "senten e dialoguen", con "rigor e ponderación", porque "os pim-pam-pum, con todo respecto, axudan moi pouco a resolver as cuestións".