Galicia comezará mañá luns a campaña de vacinación fronte á gripe A cun total de 262.000 doses das 632.000 que se distribuirán na Comunidade galega para dar cobertura ao 22 por cento da poboación, despois de que o pasado venres día 13 rematase a inmunización fronte ao virus estacional.

A campaña está destinada aos grupos obxectivos determinados no Consello Interterritorial de Saúde, que tamén inclúe as embarazadas, pero cuxas doses son específicas para o colectivo e comezarán a repartirse máis tarde, no momento en que se dispoña da partida, segundo explicou a Consellería de Sanidade.

A vacinación, que non ten unha data de conclusión determinada, irase completando coas medidas de acordo co establecido o marco estatal. A campaña ten como obxectivos diminuír os casos e a gravidade dos cadros de gripe, así como minimizar a transmisión de gripe por parte de sanitarios pacientes e garantir a prestación de servizos sanitarios esenciais á comunidade.

Serán obxecto da vacinación, como poboación diana, os traballadores de centros sanitarios, de residencias da terceira idade e de centros de atención a enfermos crónicos; outro persoal sanitario --forenses, odontólogos, hixienistas e veterinarios de explotacións gandeiras--; traballadores de servizos públicos esenciais --corpos de seguridade, bombeiros, protección civil, servizos de emerxencias sanitarias e de atención ao refuxiado e inmigrantes--; e as mulleres embarazadas.

Así mesmo, conforman este grupo as persoas de máis de seis meses de idade con doenzas crónicas, como cardiovasculares, respiratorias crónicas, diabete a tratamento, insuficiencias renais moderada ou grave, hemoglobinopatías e anemias moderadas ou graves, asplenia, doenzas hepáticas crónicas avanzadas, enfermidades neuromusculares graves, pacientes con inmunosupresión, obesidade mórbida e menores de idade que reciban tratamento prolongado con ácido acetilsalicílico.

Sanidade garantiu que as vacinas que se dispensarán son "completamente seguras, de eficacia contrastada e absolutamente testadas". Segundo a consellería, a inmunización constitúe "a medida preventiva máis eficaz" contra o contaxio.

PUNTOS DE VACINACION

A campaña desenvolverase nos centros de saúde habituais e a vacinación deberá realizarse con tres semanas de diferente entre a inxección fronte o virus estacional, que finalizou o venres pasado, e a que empeza mañá.

Unha das principais diferenzas entre o grupo obxectivo da gripe A e do virus estacional radica en que os maiores de 65 anos só serán obxecto de vacinación se se atopan nos grupos de risco, debido a que a incidencia de casos se dá, especialmente, nos mozos menores de 20 anos, posto que as persoas adultas están "inmunizadas" a máis cepas do virus.

Para a difusión da campaña, a Administración autonómica puxo en marcha unha campaña informativa coa difusión de folletos explicativos e carteis. Ademais, na información detallada aparecen os cinco puntos básicos que debe coñecer a poboación acerca do contaxio e de como actuar, mentres que o panfleto tamén recollerá os grupos obxectivos.

Os usuarios poderán dirixirse tamén para preguntar dúbidas aos teléfonos atendidos por profesionais sanitarios 902 400 116 e 981 953 400, con capacidade para asistir a máis de 20.000 consultas diarias.