M. M. | A CORUÑA
O comité de empresa de Sogama esixe que se garantice que non hai riscos para os traballadores á hora de reciclar refugallos de medicamentos na planta da empresa, participada nun 51% pola Xunta.
Os representantes dos traballadores néganse a asinar o documento que autoriza á queima de residuos procedentes das boticas de toda España. "Nos nove anos que levo na empresa, xamais tivemos que asinar nada", alegou o presidente do comité, Miguel Rico, da CIG, quen engadiu que a decisión está nas mans da dirección de Sogama.
A polémica adquire máis importancia estes días porque Danigal, a empresa que recibe os refugallos fármacos nas súas instalacións de O Acevedo, en Cerceda, alertou do perigo de peche inminente, así como do despedimento dos 32 empregados da compañía, de non levarse a cabo a queima de medicamentos. Neste sentido, o pleno municipal de Cerceda reclamou o sábado á Xunta que interceda no conflicto.
A reciclaxe de restos debería terse executado dende a apertura de Sigre, no 2003, pero os restos quedaban no vertedoiro, sen incinerar, tal e como desvelou o ano pasado este xornal.
Doutra banda, Sogama presentou onte a súa memoria correspondente ao ano 2008. Nese periodo, xestionou un 1,37% menos de residuos procedentes das bolsas negras e un 34,24% menos de refugallos procedente das bolsas amarelas. A menor porcentaxe débese ás obras de mellora na planta.