R. P. / REDACCIÓN | A CORUÑA / SANTIAGO
O galego fálase máis aló do Padornelo. Até máis de 75.000 cidadáns de zonas limítrofes empregan a lingua de Rosalía a cotío. E por iso, o sinal da TVG tambén se recibirá fóra da comunidade galega. O Executivo de Núñez Feijóo estuda "estender" os servizos da Televisión de Galicia a Asturias, O Bierzo (León) ou Sanabria (Zamora), nas que o denominado "galego estremeiro" pervive como lingua de uso diario.
O compromiso anunciado onte polo presidente da Xunta durante a súa intervención no pleno ordinario do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia responde ás demandas feitas de xeito reiterado por asociacións en defensa do galego de zonas limítromes como Fala Ceive do Bierzo. Segundo estudos deste colectivo, son preto de 50 municipios de Asturias e Castela e León cuns 75.000 galego falantes.
O Bloque xa presentou o pasado mes de agosto unha iniciativa parlamentaria na que reclamaba ao Goberno galego contactos cos Executivos de Castela e León e de Asturias para negociar a firma de convenios polos que as comunidades galego falantes do Bierzo, Sanabria e Asturias poidan recibir o sinal da TVG dixital.
Esta proposta de seguro que non levantará a polvareda que suscitou outra de decembro de 2005 sobre a anexión a Galicia dos concellos limítrofes e o uso cooficial do galelego naqueles municipios limítrofes de características culturales, históricas, económicas e xeográficas análogas.
Daquela, ambos executivos veciños -en Asturias, presidido polo socialistas Vicente Álvarez Areces, e en Castela e León, polo popular Juan Vicente Herrera- rebeláronse contra a proposta de reforma do Estatuto do Bloque até o punto de tachalo de "irrealizable" e "absurdo".
Mucha e Nucha non só compartirán a noite dos venres cos galegos. As vivenzas de As Cantareiras de Ardebullo, as novas do Telexornal, as aventuras do párroco máis famoso de Galicia, O Padre Casares, as citas gastronómicas de Larpeiros, ou o concurso de Cifras e Letras tamén chegarán aos fogares de medio centenar de municipios de Asturias e Castela e León.
Na súa intervención, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a función de servizo público da TVG así como o seu papel de ferramenta de promoción da cultura e do galego dende "a transparencia e a liberdade de información".
Ademais desta aposta pola extensión da cobertura da Televisión de Galicia, Feijóo aproveitou o seu discurso para comprometerse ante os representantes do sector a "escoitar" as súas peticións e recuperar, con encontros "periódicos" deste consello -que non se volverá reunir dende a primeira etapa do bipartito-, un diálogo "permanente".
Reforma da lei
Sobre esta comunicación "fluída", o presidente manifestou o seu desexo de romper "o continuismo" nas políticas do sector e deseñar o seu futuro sobre tres novas normativas: unha norma reguladora da publicidade institucional, unha lei de comunicación audiovisual -adaptada ao marco normativo nacional e europeo- e a reforma da lei de creación da Crtvg para que o seu director sexa elixido polo Parlamento.
Feijóo tirou de estatística para enmarcar a relación dos galegos coas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e admitiu unha "melloría" -dende o ano 2002 multiplicáronse por tres o número de fogares que compran por internet e máis do 90% das empresas están conectadas á Rede-, pero avisou de que o seu uso na comunidade segue por debaixo da media estatal. Non en van, sinalou que só o 39% dos galegos ten acceso a banda ancha e que pervive "a desigualdade" no acceso entre as zonas rurais e as urbanas. .
O dirixente galego avisou de que a previsión da Xunta é que o apagamento analóxico culmine o 3 de abril do vindeiro ano, o que supón un atraso con respecto á data prevista inicialmente. Nas provincias da Coruña e de Ourense finalizarán o apagamento na primeira quincena de xaneiro, mentres que nas de Lugo e Pontevedra o completarán nas primeiras semanas do mes de abril.