MARIOLA MORENO | A CORUÑA
Profesor titular de Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela e director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo, Carlos Pereira (Santiago, 1948) participa hoxe na Coruña nunha conferencia no ciclo dedicado ao autogoberno escocés, organizada polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA). O xurista, que non nega as similitudes entrambos os dous países, salienta tamén as diferenzas que os caracterizan. Asemade, Pereira defende a "interdependencia" das rexións ("a independencia literal non existe; non a ten nin Alemaña", afirma) coa finalidade de convertelos en "territorios cun sustancial autogoberno", para que operen "en rede", explica.
-Galicia e Escocia son países máis semellantes do que cabería pensar?
-Teñen varias cousas en común: algunhas semellanzas culturais e climáticas, ser periféricos e pobres, o pesimismo, certa mentalidade histórica de autonegación, absentismo da nobreza, problemas de desindustrialización. A miúdo os escoceses traballan máis para Londres que para Escocia... Tamén compartimos a autonomía con parlamento e goberno, pero no que se refire propiamente ao terreo xurídico e constitucional existen moitas diferenzas.
-Escocia ten que ser un referente para Galicia na procura dun maior autogoberno?
-É un referente, pero non é o único nin tampouco en todo (por exemplo, fiscalmente). É un caso fascinante e poderiamos imitar o que os escoceses fixeron ben e aprender a superar os nosos erros. En Inglaterra, aínda que a ridiculizaran e fixeran chistes sobre ela, nunca se cuestionou que Escocia é unha nación. Pero en Galicia, no estado das autonomías, movémonos nun marco político e constitucional distinto e menos favorable.
-En que sentido?
-A Constitución Española de 1978 foi un gran logro, pero territorialmente é deficiente, ríxida e máis ben centralista: de artigos como o 149 e máis o 133.1 (sobre as competencias exclusivas do Estado e a capacidade para establecer os tributos respectivamente) non se poden esperar milagres. Asemade, en España existe hoxe un intento de recentralización que no Reino Unido non hai. Por exemplo, existe unha convención non escrita, que impide a interferencia do poder central nos asuntos devoltos a Escocia.
-O Estatuto galego pode ser de nación no marco da Constitución Española?
-Eu comezaría por reformar a Constitución e, despois, os Estatutos, porque a Carta Magna non permite moita marxe de manobra. Si cabería falar de nación, porque a propia Constitución fala de "nacionalidades". En cambio, aumentar as competencias substanciais (por exemplo, potestade tributaria orixinaria) non sería doado.
-O actual estado das autonomías, non abonda?
-Neste momento, o estado das autonomías está consolidado e ten cumprida a súa misión. Mesmo sen reformar a Constitución podería sacárselle algo máis de rendemento, se non fose polo momento innecesariamente turbulento que estamos a vivir.
-En época de crise as demandas de autogoberno adoitan baixar?
-Acontece por desinformación e porque nas crises a xente recela dos experimentos. A actual recentralización provoca un drenaxe de recursos e mesmo de poboación cara á capital, drenaxe que a autonomía galega (como outras) non pode frear. A xente nova márchase, marchan as empresas, todo o importante se concentra alí; un pouco na liña dos estados suramericanos, non pasa así nos Estados Unidos nin en Alemaña. O autogoberno conlevaría dispor de máis recursos; por exemplo, o imposto de sociedades.
-A Unión Europea como unión supranacional pode contribuir á disolución dos estados e á consolidación das rexións?
-A longo prazo é incompatible cos estados soberanos. Nese panorama as comunidades teñen moito futuro ou, incluso, moito presente; sempre que acepten este novo escenario multinivel e interdependente, sen convertirse en microestados soberanos e independentes senón en territorios cun sustancial autogoberno operando e participando en rede. A independencia literal non existe, non a ten nin Alemaña, o estado máis forte da Unión Europea. Esa interdependencia pode implicar para as rexións máis competencias, máis recursos e máis acceso aos centros de decisión supraestatais, non independencia no sentido literal de coller unha serra e aserrar pola raia da fronteira.